O ano 2022 foi un período no que desde a Xunta de Galicia se traballou a favor da igualdade laboral entre homes e mulleres dunha maneira constante e reiterativa. Desenvolvéronse cursos formativos de diversa índole; axudas para as empresas para a creación de Plans de igualdade, medidas de conciliación e corresponsabilidade e na área da Responsabilidade Social Empresarial; campañas de divulgación con materiais de sensibilización e moitas outras accións, nun ano repleto de actividade para erradicar as desigualdades laborais entre mulleres e homes.
As datas do Nadal, nas que nos atopamos, son unha época de recompilación e reflexión daqueles fitos máis importantes. Hoxe reflexionamos sobre as principais achegas á igualdade laboral do ano 2022 que se produciron desde o organismo público.
2022 un ano de formación en igualdade laboral
Un firme compromiso da Xunta é apostar con determinación pola formación específica en materia de igualdade laboral. A continuación detallamos algúns dos fitos máis importantes:
- Formación en liña a través do Campus de Igualdade Laboral. Se xa no 2021 máis de 3.000 persoas recibiron o seu certificado de aproveitamento vinculado á formación en igualdade laboral ofrecida de forma gratuíta, no 2022 esta cifra viuse fortalecida. Ao longo do ano ofertáronse ata 5.000 prazas en cursos gratuítos que trataron temas como a fenda salarial, os teitos de cristal ou o teletraballo.
- Creación do primeiro curso especializado en igualdade de mulleres e homes nas relacións laborais. Un curso de 150 horas de formación dirixido a estudantes e/ou graduados en áreas relacionadas co dereito ao traballo e aos recursos humanos e outros perfís relacionados coas organizacións empresariais e sindicais. O curso acabou en xuño de 2022, tras sete módulos de carácter teórico e dous prácticos que abordaron temáticas como a igualdade retributiva, plans de igualdade, prevención do acoso e medidas de protección social no traballo.

foto xoán crespo
2022 un ano de divulgación en igualdade laboral
Outro dos piares fundamentais nos que se traballou durante o 2022 na área da igualdade laboral é na divulgación de contidos e materiais específicos. Entre outros se crearon:
- A innovadora Guía para a implantación de plans de igualdade laboral nas empresas. A Guía contén 150 preguntas e respostas sobre a negociación dos plans de igualdade, a auditoría retributiva, o diagnóstico na empresa e o control administrativo e xudicial das medidas, entre outras cuestións.
- Folletos de sensibilización para as empresas. Na área de recursos da web aigualdadelaboral.gal aloxáronse oito folletos específicos sobre temas como a conciliación e a corresponsabilidade ou a negociación colectiva.
- Campaña de sensibilización sobre prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero no sector da pesca. Esta campaña de información e sensibilización xestouse entre a Xunta e Fundamar para divulgar as conclusións do estudo integral sobre as necesidades preventivas nos buques pesqueiros.
2022 un ano de axudas e apoio á RSE
Durante o presente exercicio volveuse a apostar por poñer en marcha axudas entre pemes e autónomos para a elaboración e contratación de persoas asesoras para a implantación de plans de igualdade, fomento de medidas de conciliación como o teletraballo ou flexibilidade horaria e a promoción da RSE coa obtención de normas ou estándares. Estas axudas tiveron un importe por valor de 1,4 millóns de euros e o prazo de solicitude estivo aberto ata o 4 de marzo de 2022.
Así mesmo, a Xunta puxo a disposición este ano máis de 16 millóns de euros para apoios á conciliación. Estas axudas tamén serven para minimizar as dificultades das mulleres galegas para manterse ou reintegrarse no mercado laboral.
Tamén se volveu a convocar o programa Responsabilízate polo cal máis de 110 pequenas e medianas empresas de Galicia están a traballar en profundar nos seus criterios de responsabilidade social, de bo goberno e ambiental.
2022 un ano para a igualdade salarial
O 22 de febreiro celébrase o Día Europeo pola Igualdade Salarial entre Mujeres e Homes e a Xunta celebrou un evento para dar a coñecer o termo e poñer de manifesto as boas prácticas de varias empresas galegas (Coruñesa de etiquetas SL, Adegas Martín Codax SAU e Irmáns Toimil García SL). No evento participaron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, representantes sindicais, da universidade e de colectivos profesionais. Así mesmo, compartiuse o vídeo a través do campus formativo para todas as persoas interesadas.
Non debemos despedirnos deste resumo sen mencionar o apoio á igualdade laboral no colectivo da discapacidade e así o puxo de manifesto a conselleira, María Jesús Lorenzana, que en xuño demandaba ante a Unión Europea políticas concretas que garantisen a formación e a contratación das persoas con discapacidade e que integrasen perspectiva de xénero.