-
O Goberno galego lanzará unha vintena de cursos novos en 2022 que afondarán na auditoría retributiva das empresas, na desconexión dixital ou na corresponsabilidade
-
Máis de 3.000 persoas recibiron formación da Xunta en 2021 sobre estas cuestións
-
Máis de dous millóns de euros do orzamento galego para este ano destinarase a medidas para o fomento da igualdade no traballo
-
Galicia é a única comunidade que conta cun espazo virtual de teleformación en materia de igualdade laboral como medida para loitar contra as fendas de xénero
A Xunta está a apostar con decisión na comunidade pola formación específica en materia de igualdade laboral. En 2022 ofertará 5.000 prazas en cursos gratuítos que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou o teletraballo.
En 2021 máis de 3.000 persoas xa recibiron o seu certificado de aproveitamento vinculado á formación en igualdade laboral ofrecida de maneira gratuíta pola Administración autonómica, sendo ademais Galicia a primeira e única comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual. Desde o seu inicio o pasado outubro esta plataforma duplicou o número de usuarios dados de alta que acada na actualidade os 1.576.
Isto foi posible grazas á posta en funcionamento do novidoso espazo de teleformación en igualdade laboral, unha plataforma dirixida a informar, formar, sensibilizar e dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial no eido da igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres.
Unha das actividades de maior éxito foron os cursos de igualdade laboral de 35 horas. Para atender á demanda, o Goberno galego vén de lanzar unha nova edición dirixida a 200 persoas, co obxecto de que reciban os coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade.
En 2021 púxose o foco na sensibilización en materias vinculadas principalmente á igualdade de oportunidades e a non discriminación no ámbito laboral a través de novidosas accións formativas entre as que destacaron, ademais deses cursos en igualdade laboral de 8 e 35 horas para facilitar ao tecido empresarial galego os coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade no seo das organizacións; o curso teórico-práctico, de 10 horas de duración, sobre a prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo; ou a acción sobre a aplicación do rexistro retributivo nas empresas, sobre o traballo a distancia ou sobre a corresponsabilidade e a conciliación, entre outros.
Consciente de que as persoas traballadoras e as empresas están a aproveitar o novidoso espazo de teleformación de igualdade laboral, a Xunta programará en 2022 vinte novas accións formativas gratuítas: 10 talleres temáticos, 3 transversais, 6 complementarios e 1 curso especializado en materia de auditoría retributiva e valoración de postos de traballo. Este último ofertará 104 horas de formación, con temas como a prevención da violencia de xénero nos plans de igualdade; a aplicación do principio de igualdade nos protocolos de desconexión dixital e teletraballo; a igualdade de trato no emprego público; ou a protección social.
Os orzamentos do Goberno galego reservan para 2022 máis de 2,2 millóns para o fomento da igualdade laboral, cos que se seguirá a apoiar aos axentes sociais e empresariais nos seus plans de formación sobre o diálogo social e a negociación colectiva; así como á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial por razón de xénero; e se subvencionará ás empresas e particulares que implanten plans de igualdade e medidas de conciliación.