Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe por videoconferencia na xuntanza Comisión de Relacións Laborais da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), ante a que puxo en valor o programa Responsabilízate que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dirixido a que as pemes incorporen aos seus modelos de negocio a responsabilidade ambiental, social e de bo goberno.
Mancha asegurou que con esta iniciativa o Goberno galego está a buscar que se creen “novas pancas de desenvolvemento empresarial” e se fomente “a colaboración e as relacións de confianza entre as empresas e os seus respectivos grupos de interese”. Tal e como destacou o programa incorpora este ano accións en materia de igualdade de oportunidades dirixidas, en especial, ás entidades máis pequenas, non obrigadas legalmente a deseñan plans de igualdade.
Un total de 112 empresas participan na actualidade en Responsabilízate, onde o sector de servizos profesionais de asesoría, xestoría, consultoría e seguros é o máis representado xunto co da construción e enxeñería, turismo e alugueiro de espazos e o das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Na xuntanza celebrada, a directora xeral, ademais, resolveu dúbidas sobre o rexistro de plans de igualdade.