• A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe na cidade olívica na inauguración da iniciativa coa que se divulgarán as conclusións do estudo integral sobre as necesidades preventivas nos buques pesqueiros

  • Trátase de informar e sensibilizar sobre a importancia da igualdade entre mulleres e homes entre o persoal das tripulacións, empresas armadoras, futuros profesionais do sector, técnicas e técnicos de prevención de riscos laborais e outras persoas traballadoras do eido da seguridade e saúde no traballo

Xunta e Fundamar continúan sumando esforzos e hoxe presentaron en Vigo unha campaña de información e sensibilización para divulgar as conclusións do estudo integral sobre as necesidades preventivas nos buques pesqueiros que desenvolveron de forma conxunta. Así, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe na inauguración da xornada Prevención e sensibilización con perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais no sector pesqueiro, que estivo dirixida a persoal das tripulacións, empresas armadoras, futuros profesionais do sector, técnicas e técnicos de prevención de riscos laborais e outras persoas traballadoras do eido da seguridade e saúde no traballo.

Lorenzana destacou as principais conclusións do estudo, un documento que definiu como “un punto de partida para conseguir un ecosistema igualitario e xusto coas mulleres”. Entre os resultados, indicou a necesidade de impulsar cambios de mentalidade na sociedade en xeral e no sector da pesca en particular cunha maior concienciación e sensibilización en igualdade; incluír pautas para integrar a perspectiva de xénero na xestión da prevención de riscos laborais nos buques de pesca; vixiar a saúde desde o enfoque de xénero; mellorar os equipos de protección individual; ou adaptar estruturalmente os aloxamentos e instalacións sanitarias dos buques.

A conselleira, ademais, sinalou a importancia de por en valor o traballo da muller nas actividades de pesca extractiva e normalizar a súa presenza no sector; fomentar a participación real e efectiva das mulleres na seguridade e saúde laboral neste eido; ou realizar propostas para incluír o factor de xénero en estudos, medicións e outras actuacións na materia.

Segundo explicou a titular de Emprego e Igualdade, hai aínda barreiras para que as mulleres permanezan e medren profesionalmente en igualdade de condicións en empregos a bordo de buques de pesca, cando, segundo engadiu, as mulleres sempre estiveron presentes nunha industria que é un dos motores da economía galega.

Por iso, indicou a importancia do estudo levado a cabo entre Xunta e Fundamar, xa que permite coñecer unha diagnose con enfoque feminino sobre as peculiaridades do sector, co fin de poder incidir na xestión preventiva dos riscos laborais asociados ao desempeño destes postos de traballo. “Estamos con esta iniciativa dando resposta á demanda das empresas e entidades do sector, concienciadas sobre a necesidade de avanzar cara a participación plena das mulleres nun ámbito estratéxico para Galicia”, apuntou Lorenzana.

“O noso obxectivo é favorecer a integración do factor de xénero en actuacións preventivas en xeral e nos buques de pesca en particular”, subliñou.

Lei de igualdade

A conselleira, ademais do ao estudo, referiuse ás accións formativas en clave feminina que a Xunta apoia para o tecido empresarial e traballadores, ao tempo que lembrou que a nova Lei autonómica de igualdade abordará o concepto de benestar laboral, vinculado á importancia da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para contribuír a unha mellora das relacións laborais e un incremento da produtividade.

Para rematar, destacou a importancia da colaboración conxunta entre administracións e entidades para acadar unha igualdade real e efectiva, poñendo en valor a colaboración que Xunta e Fundamar manteñen desde hai anos no asesoramento e apoio técnico en cuestións de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo no sector pesqueiro e na posta en marcha de xornadas, estudos ou mesas de debate.

Categorías

Actualidade igualdade laboral

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Como realizar unha auditoría retributiva
06 Outubro 2022
Desde a publicación, hai case dous anos, do Real Decreto...
SEGUIR LENDO >
A Xunta distinguirá o traballo das empresas en materia de responsabilidade social e conciliación
05 Outubro 2022
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade,...
SEGUIR LENDO >
A Xunta promove a perspectiva de xénero na seguridade a bordo dos buques nunha visita á escola marítimo-pesqueira de Ribeira
04 Outubro 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Máis de 110 pemes participan no programa ‘Responsabilízate’ da Xunta para incorporar a responsabilidade social e ambiental aos seus negocios
03 Outubro 2022
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022  A directora...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.