Resumo normativo relativo á igualdade laboral IV. Nivel autonómico

Esta entrada é a última que se elabora sobre a lexislación vixente en materia de igualdade laboral, neste caso, desde o ámbito autonómico de Galicia. Anteriormente realizáronse resumos normativos de carácter internacional, europeo e nacional que son de obrigado cumprimento tamén na nosa Comunidade autónoma. A nivel internacional destácase a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou o máis actual Convenio 190. Sobre Violencia e acoso da Organización Internacional do Traballo. A nivel europeo recompílanse normativas como a Carta dos dereitos Fundamentais da Unión Europea, ou a Estratexia Europea de Igualdade de Xénero 2018-2023. E a nivel nacional menciónase a Constitución Española ou o Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro.

Normativa autonómica sobre igualdade laboral

A igualdade entre mulleres e homes no ámbito laboral é un dereito fundamental que as empresas de Galicia interiorizaron paulatinamente e traballan para alcanzalo, pero ademais, atopámonos que existen unha serie de normativas ás que teñen que acollerse, entre elas destácanse as seguintes:

  1. En primeiro lugar, o Decreto 181/2008, do 24 de xullo, polo que se regula o  Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais, e a integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais. Este decreto fundaméntase pola necesidade de aplicar o principio de transversalidade nas políticas públicas. O decreto establece que “aplicar o principio de transversalidade consiste en introducir no máis profundo do pensamento político a consciencia da realidade que nos rodea; consiste en dotarnos das ferramentas que nos permitan analizar de forma máis correcta e máis diáfana o que permaneceu sepulto baixo a acumulación dunha cantidade inconmensurable de pensamento sesgado e androcéntrico”. No 2012 publícase no DOG o Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación (DOG 142, xoves 26 de xullo de 2012)  e “declárase a extinción orgánica do Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais, determinándose, así mesmo, que as súas funcións serán asumidas polo Consello Galego das Mulleres.
  2. Outro decreto de ámbito de aplicación pública é o Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento, nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, un piar da conciliación da vida persoal, familiar e laboral a nivel municipal.
  3. En terceiro lugar, destácase o decreto Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego que foi o primeiro piar da igualdade laboral en Galicia con medidas de promoción na materia para as empresas de Galicia, aínda que na actualidade está case derrogado tacitamente na súa totalidade.
  4. Pero sen dúbida, o final de 2023 deixou un novo marco teórico para a igualdade en Galicia. O 30 de novembro aprobouse no Parlamento galego a Lei 7/2023, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia para dar resposta ao contexto cambiante e “afondar nas medidas deseñadas nas normas precedentes e introducir outras novas, en sintonía cos avances que se produciron nos últimos anos, dotando á Comunidade Autónoma dunha regulación máis completa e adaptada á sociedade actual.

O título III da nova Lei de igualdade de Galicia refírese á Igualdade de mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais, con seis capítulos que fan referencia a: a transversalidade de xénero nas competencias de emprego e relacións laborais, a sustentabilidade social empresarial e benestar laboral, a promoción da igualdade de xénero nas políticas activas de emprego, a promoción da igualdade de xénero na formación profesional para o emprego, en medidas especiais en relación con sectores produtivos feminizados e con traballos feminizados non visibilizados nin valorados e a promoción da igualdade de xénero na negociación colectiva.

Normativa autonómica sobre prevención da violencia de xénero

Ademais, en Galicia existe regulación específica sobre a prevención da violencia de xénero. O primeiro punto lexislativo clave é a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero que establece medidas para coordinar e planificar os recursos, a través de redes, para integrar medidas de información, de recuperación psicolóxica, de apoio económico, de inserción laboral e de acceso á vivenda das vítimas da violencia de xénero. Esta lei modifícase coa Lei 12/2016, do 22 de xullo principalmente en dous puntos: “retocando o artigo 3, para establecer como forma de violencia de xénero a definición de trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual coherente coa do Código penal e a dos documentos internacionais, e, en segundo lugar, modificando o artigo 39, para garantir a incorporación das vítimas desta forma de violencia de xénero como beneficiarias da axuda periódica.

Esta é a última entrada relativa á recompilación de normas de obrigado cumprimento para as empresas en materia de igualdade laboral. Pódese continuar ampliando información relativa ás normativas vixentes en igualdade laboral e relacións laborais desde a web da Dirección Xeral de Relacións Laborais, aigualdadelalaboral.gal, no seu apartado específico de ámbito normativo.