Esta entrada é a última que se elabora sobre a lexislación vixente en materia de igualdade laboral, neste caso, desde o ámbito autonómico de Galicia. Anteriormente realizáronse resumos normativos de carácter internacional, europeo e nacional que son de obrigado cumprimento tamén na nosa Comunidade autónoma. A nivel internacional destácase a Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou o máis actual Convenio 190. Sobre Violencia e acoso da Organización Internacional do Traballo. A nivel europeo recompílanse normativas como a Carta dos dereitos Fundamentais da Unión Europea, ou a Estratexia Europea de Igualdade de Xénero 2018-2023. E a nivel nacional menciónase a Constitución Española ou o Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro.
Normativa autonómica sobre igualdade laboral
A igualdade entre mulleres e homes no ámbito laboral é un dereito fundamental que as empresas de Galicia interiorizaron paulatinamente e traballan para alcanzalo, pero ademais, atopámonos que existen unha serie de normativas ás que teñen que acollerse, entre elas destácanse as seguintes:

- En primeiro lugar, o Decreto 181/2008, do 24 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais, e a integración da igualdade nas políticas de prevención de riscos laborais. Este decreto fundaméntase pola necesidade de aplicar o principio de transversalidade nas políticas públicas. O decreto establece que “aplicar o principio de transversalidade consiste en introducir no máis profundo do pensamento político a consciencia da realidade que nos rodea; consiste en dotarnos das ferramentas que nos permitan analizar de forma máis correcta e máis diáfana o que permaneceu sepulto baixo a acumulación dunha cantidade inconmensurable de pensamento sesgado e androcéntrico”. No 2012 publícase no DOG o Decreto 157/2012, do 5 de xullo de 2012, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación (DOG 142, xoves 26 de xullo de 2012) e “declárase a extinción orgánica do Consello Galego de Participación das Mulleres no Emprego e nas Relacións Laborais, determinándose, así mesmo, que as súas funcións serán asumidas polo Consello Galego das Mulleres.”
- Outro decreto de ámbito de aplicación pública é o Decreto 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento, nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, un piar da conciliación da vida persoal, familiar e laboral a nivel municipal.
- En terceiro lugar, destácase o decreto Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego que foi o primeiro piar da igualdade laboral en Galicia con medidas de promoción na materia para as empresas de Galicia, aínda que na actualidade está case derrogado tacitamente na súa totalidade.
- Pero sen dúbida, o final de 2023 deixou un novo marco teórico para a igualdade en Galicia. O 30 de novembro aprobouse no Parlamento galego a Lei 7/2023, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia para dar resposta ao contexto cambiante e “afondar nas medidas deseñadas nas normas precedentes e introducir outras novas, en sintonía cos avances que se produciron nos últimos anos, dotando á Comunidade Autónoma dunha regulación máis completa e adaptada á sociedade actual.”

O título III da nova Lei de igualdade de Galicia refírese á Igualdade de mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais, con seis capítulos que fan referencia a: a transversalidade de xénero nas competencias de emprego e relacións laborais, a sustentabilidade social empresarial e benestar laboral, a promoción da igualdade de xénero nas políticas activas de emprego, a promoción da igualdade de xénero na formación profesional para o emprego, en medidas especiais en relación con sectores produtivos feminizados e con traballos feminizados non visibilizados nin valorados e a promoción da igualdade de xénero na negociación colectiva.
Normativa autonómica sobre prevención da violencia de xénero
Ademais, en Galicia existe regulación específica sobre a prevención da violencia de xénero. O primeiro punto lexislativo clave é a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero que establece medidas para coordinar e planificar os recursos, a través de redes, para integrar medidas de información, de recuperación psicolóxica, de apoio económico, de inserción laboral e de acceso á vivenda das vítimas da violencia de xénero. Esta lei modifícase coa Lei 12/2016, do 22 de xullo principalmente en dous puntos: “retocando o artigo 3, para establecer como forma de violencia de xénero a definición de trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual coherente coa do Código penal e a dos documentos internacionais, e, en segundo lugar, modificando o artigo 39, para garantir a incorporación das vítimas desta forma de violencia de xénero como beneficiarias da axuda periódica.”
Esta é a última entrada relativa á recompilación de normas de obrigado cumprimento para as empresas en materia de igualdade laboral. Pódese continuar ampliando información relativa ás normativas vixentes en igualdade laboral e relacións laborais desde a web da Dirección Xeral de Relacións Laborais, aigualdadelalaboral.gal, no seu apartado específico de ámbito normativo.