Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico das últimas semanas. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización, etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Nivel autonómico
POLÍTICAS PÚBLICAS
A Xunta lanzará en 2023 unha nova certificación para recoñecer a excelencia das empresas en igualdade laboral. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a finalizar a regulación do novo distintivo, que pretende poñer en valor o compromiso das firmas galegas co benestar laboral e a equidade entre mulleres e homes. Unha vez que entre en vigor, as empresas públicas e privadas con domicilio en Galicia, ou representación neste territorio, poderán solicitar unha certificación en calquera momento do ano. Os requisitos básicos deste recoñecemento foron acordados co Diálogo Social. Entre os seus eixos centrais, destacan a igualdade retributiva en traballos de igual valor ou a formación mínima en igualdade laboral entre as persoas con responsabilidade na empresa, integrantes das comisións negociadoras e de seguimento.
CAMPAÑA FACENDO IGUALDADE
A Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia puxo en marcha un proxecto de sensibilización en igualdade para as organizacións cunha serie de folletos informativos sobre as principais cuestións relacionadas coa igualdade laboral. A campaña ofrece información sobre temas concretos para que sirvan como ferramentas de sensibilización e difusión. Os folletos están ao dispor de toda a cidadanía no apartado de recursos da páxina web de aigualdadelaboral.gal.
FORMACIÓN
Este mes, a Dirección Xeral de Relacións Laborais, a través do campus virtual, celebrou un taller sobre a corresponsabilidade como eixo central da igualdade laboral. Esta formación en liña cunha duración de catro horas pretendía afondar sobre o principio de igualdade na conciliación e no exercicio corresponsable das tarefas de coidados: a adaptación da xornada laboral, a ordenación do tempo e a forma de prestación. A formación foi impartida por unha profesora de dereito do traballo e da seguridade social da Universidade de Vigo, que é tamén vocal asesora do Ministerio de Traballo e Economía Social, e pola xefa da Unidade Administrativa de Igualdade da Dirección Xeral de Relacións Laborais.
Nivel nacional
FORMACIÓN
A Escola de Emprendedoras Juana Millán ten aberto ata o 30 de decembro o prazo de preinscrición para o curso de Inmersión no proceso emprendedor. Trátase dun curso telepresencial con acompañamento (titorización e asesoramentos especializados), que pretende xerar un espazo no que as mulleres se sentan acompañadas no proceso de ir dando forma ao seu proxecto. Aborda temas como o emprendemento con perspectiva de xénero, a análise da realidade e estudo de mercado, deseño dun modelo de negocio, a estratexia de comunicación e márketing e a viabilidade e sustentabilidade económicas, entre outros.
IN_MUJERES. MONOGRAFÍAS FEMINISTAS.
O Instituto de las Mujeres presentou In_Mujeres, a súa revista de monografías feministas, que se publicará con periodicidade semestral e ten como obxectivo compartir coñecemento e actualidade en clave feminista. O seu primeiro número pon o foco no tema de xénero e saúde, dúas categorías que se interrelacionan e impactan na vida das mulleres. Neste debut abórdanse temas como a hipermedicalización, os efectos diferenciados dos tratamentos, a vellez, a saúde mental, as necesidades das mulleres trans, o dereito á saúde xinecolóxica das mulleres con discapacidade ou a saúde laboral e a necesidade de incorporar o enfoque de xénero no ámbito dos riscos laborais.
Nivel internacional
DECLARACIÓN SOBRE O FORO DE IGUALDADE DE XÉNERO 2022 DO INSTITUTO EUROPEO DE IGUALDADE DE XÉNERO
A presidenta do Instituto Europeo de Igualdade de Xénero (EIGE), Carlien Scheele, presentou a súa Declaración sobre o Foro de Igualdade de Xénero 2022. Un documento que achanda o camiño cara aos desafíos futuros do EIGE e da comunidade que traballa pola igualdade de xénero en xeral. Neste primeiro foro, celebrado o pasado outubro, establecéronse os compromisos do EIGE e da comunidade para abordar temas esenciais relacionados coa igualdade de xénero. Entre eses temas, destacan as crises e a violencia de xénero, os desafíos da transición verde e dixital e a necesidade continua de datos desagregados que aborden as desigualdades interseccionales. O traballo do EIGE debe afrontalos como asuntos prioritarios no marco da súa estratexia #3stepsforward.