• A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a rematar a regulación do novo distintivo que pretende poñer en valor o compromiso das firmas galegas co benestar laboral e a equidade entre mulleres e homes

  • Os requisitos do recoñecemento artelláronse no eido do Diálogo Social

  • Coa medida, a Xunta quere impulsar a formación en materia de igualdade e o equilibrio das retribucións entre mulleres e homes nas diferentes organizacións

  • Unha vez vixente, as empresas públicas ou privadas, con domicilio en Galicia ou representación neste territorio, poderán solicitar o selo en calquera momento do ano

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2022.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a culminar a nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas que destaquen, de forma salientable, polo seu entorno laboral igualitario e sustentable.

A través deste mecanismo, a Xunta de Galicia desexa poñer en valor o compromiso do tecido produtivo galego coa igualdade entre mulleres e homes e co benestar laboral.

Os requisitos básicos deste recoñecemento xa foron consensuados co Diálogo Social. Terán como un dos seus eixos centrais a igualdade retributiva en traballos de igual valor ou a formación mínima en igualdade laboral entre as persoas con responsabilidade na empresa, integrantes das comisións negociadoras e de seguimento.

Poderán optar ao recoñecemento empresas de capital público ou privado que conten con domicilio en Galicia ou con representación no territorio a través dunha axencia, sucursal, delegación, entre outros. Terán que contar, entre outros factores, cun mínimo de 6 persoas traballadoras na comunidade, estar inscritas na Seguridade Social e ter un plan de igualdade con, polo menos, o 25% das súas medidas implantadas.

Para avaliar o nivel de igualdade cara á obtención da certificación, teranse en conta, a maiores, outras condicións relacionadas coa imaxe e linguaxe empregada pola empresa, a súa comunicación ou a incorporación da perspectiva de xénero na prevención de riscos.

O proxecto de decreto que está a perfilar a Xunta de Galicia prevé un total de 16 criterios de valoración, que suporá un máximo de 100 puntos e que estarán estruturados en catro bloques: estratexias xerais no entorno laboral; participación equilibrada entre mulleres e homes na organización; condicións laborais relativas á ordenación do tempo de traballo, á conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade; e, o cuarto, medidas específicas e innovadoras nesta materia.

Para acadar o selo de excelencia a puntuación xeral mínima variará en función do tamaño da empresa dos 70 puntos para firmas de 6 a 50 persoas traballadoras, ata os 85 das que conten cun cadro de persoal de máis de 250. En todos os casos, ademais, artellaranse puntuacións mínimas a acadar en cada un dos catro bloques que baremarán os criterios.

A Xunta manterá aberto o prazo para presentar as solicitudes sen límites temporais, é dicir, estará a dispor das organizacións de forma continuada ao longo de todo o ano.

Co novo recoñecemento, o Goberno galego quere resaltar o labor das empresas que destaquen no eido da igualdade para que poidan servir de exemplo e motor doutras.

Categorías

Actualidade igualdade laboral

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Novidades en materia de igualdade laboral
29 Decembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
As achegas á igualdade laboral no ano 2022
22 Decembro 2022
O ano 2022 foi un período no que desde a Xunta de Galicia...
SEGUIR LENDO >
A Xunta avoga por unha ciencia en igualdade que cree máis oportunidades e aposte polo talento galego na entrega do premio Wonenburger 2022
20 Decembro 2022
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,...
SEGUIR LENDO >
Lorenzana presenta o espazo de conciliación promovido no porto da Coruña pola Xunta de Galicia para axudar ás familias este Nadal
20 Decembro 2022
As instalacións, situadas no peirao do Parrote, abrirán...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.