Conceptos básicos de igualdade III

Un dos obxectivos da web de aigualdadelaboral.gal, impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia,  é a de achegar ás empresas e entidades de Galicia coñecementos sobre a materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na contorna laboral. Unha das accións que se desenvolven para lograr o obxectivo é difundir contidos relacionados coa igualdade laboral, tales como a sección permanente da web, Conceptos básicos, e as novas, nas que se inclúen periodicamente novos termos para ampliar o glosario inicial. A primeira ampliación de contidos realizouse o 15 de febreiro, a segunda o 14 de marzo e hoxe compartimos a terceira entrega. Queres saber a que se refire a cota de xénero? Segue lendo.

Máis termos de igualdade laboral

Para desenvolver medidas de igualdade de oportunidades nas entidades é fundamental coñecer aqueles aspectos relacionados coa igualdade laboral e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A seguinte listaxe recolle unha serie de termos para ampliar os conceptos básicos xa traballados:

  1. Cota de xénero: o European Institute for Gender Equality defínea como “medidas de acción positiva cuxo fin é acelerar a participación e representación equilibrada entre homes e mulleres impoñendo unha cantidade proporcional ou un número de prazas ou escanos que deberán ocupar, ou serán asignados, a homes ou a mulleres, xeralmente en virtude dunhas normas ou criterios determinados”. É unha medida que pode obrigar ás entidades para alcanzar determinada porcentaxe de presenza feminina nos consellos de administración das empresas, para conseguir alcanzar a paridade. O cociente establecido por lei en España é do 40%-60%, é dicir, consideraríase alcanzada a paridade de xénero cando hai un 40% de mulleres e un 60% de homes ou viceversa. Con todo, en moitos ámbitos isto aínda non se alcanzou; por exemplo, segundo o INE en 2023 hai un 39% de mulleres conselleiras nos Consellos de Administración das empresas do Ibex-35, porcentaxe que se reduce ao 12% se falamos de mulleres que ostenten a presidencia.
  2. Presenza ou composición equilibrada: segundo a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes este termo fai referencia a “a  presenza de mulleres e homes de forma que, no conxunto ao que se refire, as persoas de cada sexo non superen o sesenta por cento nin sexan menos do corenta por cento”. Este principio de presenza ou composición equilibrada, “co que se trata de asegurar unha representación suficientemente significativa de ambos os sexos en órganos e cargos de responsabilidade” efectuarase en listas electorais e na negociación dos novos convenios colectivos. Na elección de representantes públicos, de nada serve que nas listas haxa paridade 50-50% se as mulleres ocupan as últimas posicións das listas. Por iso, os partidos políticos adoitan optar por deseñar listas cremalleira, reducindo a masculinización ao permitir que homes e mulleres se sucedan alternativamente nas candidaturas, impedindo desta forma que os dous ou tres homes se coloquen sempre diante nos primeiros postos do tramo de cinco.
  3. Economía dos coidados: este termo fai referencia ao recoñecemento e valoración económica da actividades relacionadas co coidado de persoas (nenos e nenas, persoas maiores, enfermas ou con discapacidade) e tarefas domésticas non remuneradas. Estas actividades son fundamentais para o funcionamento da sociedade, pero polos estereotipos de xénero estiveron ignoradas e vinculadas ás mulleres. A economía dos coidados pretende visibilizar o traballo dos coidados e comprender o seu impacto na economía global.Ademais, incorporamos ao glosario tres termos de actualidade que desde a pandemia da COVID-19 estiveron na axenda pública de forma constante.  En base ao artigo 2 da Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia descríbense os termos de teletraballo, traballo a distancia e traballo presencial:
  4. Traballo a distancia:forma de organización do traballo ou de realización da actividade laboral conforme á cal esta se presta no domicilio da persoa traballadora ou no lugar elixido por esta, durante toda a súa xornada ou parte dela, con carácter regular”. E engade que o traballo a distancia, na súa concepción máis habitual era o traballo a domicilio, pero “na actualidade, máis que traballo a domicilio o que existe é un traballo remoto e flexible, que permite que o traballo se realice en novas contornas que non requiren a presenza da persoa traballadora no centro de traballo”.
  5. Teletraballo:aquel traballo a distancia que leva a cabo mediante o uso exclusivo ou prevalecente de medios e sistemas informáticos, telemáticos e de telecomunicación”. Tamén se indica “unha forma de organización ou de realización do traballo utilizando as tecnoloxías da información, no marco dun contrato ou dunha relación laboral, na que un traballo que tamén podería realizarse nos locais da empresa, se executa habitualmente fóra de estes”. O teletraballo é unha subespecie do traballo a distancia que implica a prestación de servizos con novas tecnoloxías.
  6. Traballo presencial:aquel traballo que se presta no centro de traballo ou no lugar determinado pola empresa.”

Estes novos conceptos teñen en común que son termos de igualdade laboral, algúns deles moi relacionados coa conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como o de economía dos coidados. A cota de xénero e o de presenza ou composición equilibrada están relacionados cun maior desenvolvemento da presenza feminina nas organizacións co obxectivo de eliminar a fenda de xénero e gañar representación por parte das mulleres en certos espazos laborais.