A igualdade, en todos os ámbitos (tamén no laboral), é un dereito fundamental dos e as cidadás, xa que así o recolle o Título I da Constitución Española. Nos últimos anos houbo grandes avances en materia de igualdade laboral para as entidades e cada vez é unha área máis regulada, co obxectivo de alcanzar cotas de igualdade entre mulleres e homes paritarias. A pesar diso, as medidas obrigatorias e de igualdade de oportunidades aínda xeran dúbidas entre as persoas traballadoras das empresas e nos departamentos de recursos humanos. É por iso determinante coñecer previamente cales son as chaves para empezar a determinar se a túa entidade é igualitaria.
Puntos chave para saber se unha organización é igualitaria
Todas as empresas están obrigadas por lei a respectar a igualdade de trato e de oportunidades e a adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes. Ademais, estas medidas deberán negociarse coa representación legal das persoas traballadoras. Na web da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia especializada no ámbito da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no terreo laboral pódense atopar un gran número de recursos. Un deles é un folleto divulgativo e de sensibilización para as empresas cun check-list para as entidades de menos de 50 persoas traballadoras. Algúns dos puntos chaves a aplicar para todas as empresas serían os seguintes:
- Existencia dun cadro de persoal equilibrado entre mulleres e homes e análises das diferenzas salariais cun rexistro retributivo.
- Realización de formacións, medidas de sensibilización e impulso de medidas de conciliación para todas as persoas traballadoras.
- Existencia dun protocolo de delitos contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo.
- Promoción do clima laboral respectuoso e a protección da saúde das mulleres.
Outros materiais para abordar o estado da igualdade na empresa son os autodiagnósticos da entidade. Uns deles poderían ser os cuestionarios técnicos do Instituto das Mujeres, Como mido a situación de igualdade na miña empresa? ou Que nivel de desenvolvemento ten o Plan de Igualdade na miña empresa?, ambos os casos son check-list para coñecer o cumprimento da empresa. Ademais, a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia ten ao dispor de todas as empresas de Galicia a ferramenta de autodiagnóstico dixital de igualdade laboral nas empresas ou o mencionado contido de sensibilización.
Facer un diagnóstico da empresa en materia de igualdade
Pero se a túa entidade ten 50 ou máis persoas traballadora, e polo tanto, está obrigada por lei a cumprir coa existencia dun Plan de Igualdade o primeiro punto de partida para coñecer o estado da empresa é elaborar un diagnóstico da situación laboral nestes termos. A elaboración do diagnóstico está regulado polo Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de Igualdade e o seu rexistro, e modifícase o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre Rexistro e Depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, nun dos anexos onde figuran as “Disposicións aplicables para a elaboración do Diagnóstico” que ten en conta os seguintes aspectos a avaliar:
- Disposicións xerais, nas que se detallan os seguintes aspectos: datos desagregados por sexo, información interna e externa da empresa, referencias ao proceso e metodoloxía, a posibilidade de participación de persoas con formación específica e a necesidade de “reflectir fielmente en que medida a igualdade entre mulleres e homes está integrada na xestión e estrutura da empresa, así como os ámbitos prioritarios de actuación.”
- Proceso de selección, contratación, formación e promoción profesional.
- Clasificación profesional, retribucións e auditorías retributivas.
- As condicións de traballo.
- A conciliación e a corresponsabilidade dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral.
- A infrarrepresentación feminina, en caso de existir.
- Prevención de delitos contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo.
Estes puntos para tratar no diagnóstico son unha listaxe de ítems fundamentais para coñecer en profundidade á entidade. Máis aló da obrigación legal das empresas e entidades a elaboración dun diagnóstico é o punto máis determinante para coñecer como se atopa a empresa en termos de igualdade laboral entre mulleres e homes. O diagnóstico é un escáner profundo sobre a entidade e nela se plasman os aspectos prioritarios sobre os que actuar, de ser necesario. Unha vez elaborado o diagnóstico, un seguinte paso sería a construción dun Plan de Igualdade na empresa. A elaboración, implantación, seguimento e avaliación do Plan de Igualdade está regulado polo mesmo decreto que o diagnóstico e conta cunhas fases estruturadas.
Tamén é fundamental, e así está recollido na lei, que a elaboración de material relativo á igualdade laboral se aborde desde a perspectiva de xénero. A abordaxe da comunicación non sexista pode ser un elemento prioritario que as empresas asuman, teñan ou non a obrigación de elaborar plans de igualdade.
Para coñecer se a túa entidade traballa en materia de igualdade laboral un bo punto de partida será fixarse en aspectos como: un cadro de persoal equilibrado, un diagnóstico de igualdade e establecer mecanismos de comunicación inclusiva e de formación e sensibilización para todas as persoas.