Apostar pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na empresa é un síntoma estratéxico de calidade e de mellora de vida das persoas traballadoras. O contexto laboral actual caracterízase por fortes cambios, o informe “Estado do mercado laboral en España” de Infojobs e Esade, 2022, destaca como puntos chave que impactaron na relación entre as persoas empregadas e as empresas os seguintes factores: o teletraballo, a nova escala de prioridades dos traballadores, a escaseza de persoal en determinados sectores e o avance da dixitalización. Ademais, a estas características, únense outras do contexto sociopolítico (a postpandemia, a guerra de Ucraína, a crise de subministracións, os altos prezos da enerxía e, con iso, dos custos de vida, a subida dos tipos de interese e o incremento da incerteza) que exercen máis tensión no ámbito laboral. É, por tanto, fundamental construír espazos laborais seguros e estables e aplicar a perspectiva de xénero terá un impacto positivo.
Igualdade laboral: máis alá do cumprimento coa lexislación vixente
As empresas que incorporan a igualdade como eixo prioritario da cultura empresarial e fana efectiva na xestión das persoas traballadoras están a garantir que as mulleres e homes conten coas mesmas oportunidades en: o acceso ao emprego, a participación e a permanencia na empresa. Nos últimos anos aprobáronse varias normas que ademais fan obrigatorio unha incorporación de criterios mínimos: elaboración e mantemento dos plans de igualdade para as empresas de 50 ou máis persoas traballadoras, protocolos para a prevención e cauce de de denuncias en casos de conductas contra a libertade sexual e integridade moral no traballo, incidindo especialmente no acoso sexual e por razón de sexo,, fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral etc. Polo que o primeiro beneficio de incorporar a igualdade laboral é claro, cumprir coa lexislación vixente. Este aspecto evitaranos amoestacións e permitiranos ser máis áxiles na xestión do traballo ao regular e enmarcar as actuacións en materia de igualdade.
Outros beneficios de incorporar a igualdade laboral
Máis aló do cumprimento normativo de implantar medidas de igualdade laboral a través da elaboración dun Plan de Igualdade, aplicar perspectiva de xénero na empresa é unha responsabilidade das persoas empresarias que é fundamental para o avance da sociedade na que vivimos para lograr a tan ansiada igualdade real e de oportunidades. Todos os axentes (administracións, empresas, axentes sociais, sociedade…) son necesarios para construír as contornas igualitarias. Desde a empresa, adoptar medidas de igualdade entre mulleres e home poderá reportar os seguintes beneficios:
- Previr situacións de discriminación. A adopción do enfoque de igualdade permite detectar situacións de discriminación e establecer medidas que eliminen os desequilibrios e as desigualdades. Haberá que aplicar un protocolo para a prevención e tratamento dos delitos e condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo.
- Mellora da xestión empresarial. A través da elaboración e posta en marcha do Plan de Igualdade as empresas melloran a súa xestión e funcionamento porque teñen un maior coñecemento do que sucede na empresa e do roteiro a seguir en materia de igualdade laboral. Ademais, para a elaboración dun Plan de Igualdade, é fundamental elaborar previamente unha diagnose da entidade en materia de igualdade que é un escáner da situación da igualdade de xénero entre mulleres e homes na entidade, un documento chave que axuda á xestión.
- Mellora do clima laboral. Apostar pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na empresa motiva aos equipos de traballo, incrementa o seu compromiso coa empresa, aumenta o rendemento e tamén a calidade dos servizos e produtos. E como as persoas están máis contentas e séntense respectadas redúcese o absentismo laboral, fidelízase, atráese e retense o talento, axudando á optimización dos recursos.
- Mellora da imaxe interna da empresa. As empresas que aplican perspectiva de xénero e teñen un plan de igualdade en vigor melloran a comunicación co persoal e fano con linguaxe inclusiva, o que fai que as persoas se sintan máis integradas.
- Achega de vantaxes competitivas coas administracións públicas, xa que estas valoran positivamente nos baremos de puntuación a implantación de Plans de Igualdade nas empresas que contratan.
- Mellora da imaxe externa da empresa e incremento do recoñecemento público por parte da clientela e doutros grupos de interese externos, ao mellorar a reputación da marca por percibirse como unha contorna igualitaria entre mulleres e homes.
Aplicar perspectiva de xénero nas empresas conleva beneficios internos e externos para todas as persoas traballadoras e para a sociedade. Estes criterios obtivéronse do apartado de vantaxes dos Plans de Igualdade da web de aigualdadelaboral.gal e da pílula formativa “A integración da igualdade nas empresas” do Instituto das Mulleres. Ademais, o Campus Virtual promovido pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia contén un amplo catálogo de formación para a implantación da igualdade laboral nas empresas.