A importancia de impulsar medidas de acoso sexual e por razón de sexo

Unha das claves para lograr ambientes laborais igualitarios e equitativos é lograr que as empresas sexan espazos libres de todo tipo de violencia contra as mulleres. Para iso, resulta de gran importancia impulsar políticas de actuación para previr o acoso sexual e por razón de sexo, que é a principal forma de violencia que sofren as mulleres ao desenvolver os seus traballos. Non se busca soamente actuar cando sucede un feito desta natureza, senón que se teñen que promover todo tipo de medidas. Desde o punto de vista das empresas, pódense impulsar medidas de prevención primaria, secundaria e terciaria. A continuación desenvolvemos máis en detalle cada unha destas tipoloxías.

 

Medidas de prevención primaria en materia de acoso sexual e por razón de sexo

Son actuacións que se deseñan co obxectivo principal de previr as situacións de acoso sexual e por razón de sexo. Por tanto, realízanse antes de que se produza unha denuncia ou caso de acoso. Algunhas medidas que as entidades poden desenvolver neste ámbito son:

  • Medidas de sensibilización e información. Existen moitas e moi diversas. Por exemplo: campañas informativas, xornadas de sensibilización, charlas de persoas expertas ou de persoas que sufriron acoso, publicación de material de sensibilización nos espazos físicos e/ou a intranet, accesibilidade do protocolo de actuación, campañas externas, etc. Se a túa empresa quere desenvolver unha medida de sensibilización rápida e sen custo, pode repartir entre todo o seu persoal o folleto sobre acoso sexual e por razón de sexo que está dispoñible para descarga na web de igualdade laboral da Xunta de Galicia. Este folleto tamén o podes distribuír entre a túa clientela, empresas provedoras… desta forma, contribúes a difundir que a túa entidade busca estar libre de acoso.
  • Formación para a prevención do acoso sexual e por razón de sexo (cursos presenciais, en liña, módulos específicos en programas formativos máis amplos, etc.). As empresas deben incluír entre as súas accións formativas cursos específicos sobre a prevención do acoso sexual e por razón de sexo. Estas formacións diríxense a todo o persoal, persoal de nova incorporación, cargos de dirección, Comisións Negociadoras de Igualdade… etc. A Xunta de Galicia ofrece a través do seu Campus en liña de Igualdade un curso sobre prevención do acoso sexual e por razón de sexo no traballo. Tamén imparte talleres formativos sobre esta temática.
  • Documentación. As empresas poden elaborar documentación específica relativa ao acoso sexual e por razón de sexo, que debe ser difundida entre todo o persoal ou entre as persoas con responsabilidades nesta materia. A modo de exemplo, elaboración dun código ético con medidas específicas, código de boas prácticas, introdución dunha cláusula específica nas contratacións, check-list de exemplos de actos susceptibles de ser causa de acoso sexual ou por razón de sexo…

 

Tras a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, as empresas “poderán establecer medidas que deberán negociarse cos representantes dos traballadores, tales como a elaboración e difusión de códigos de boas prácticas, a realización de campañas informativas ou accións de formación”.

 

Medidas de prevención secundaria en materia de acoso sexual e por razón de sexo

Estas medidas están centradas en servir de axuda para xestionar e resolver as situacións de acoso nas entidades. A principal medida é a obriga de dispoñer dun protocolo de actuación ante casos de acoso sexual e por razón de sexo e da súa difusión. É, ademais, a principal medida que contan as empresas para dar cumprimento ao recollido no artigo 48 da  Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes que indica, tras a recente modificación pola disposición final 10.3 da Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, que “as empresas deberán promover condicións de traballo que eviten a comisión de delitos e outras condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo, incidindo especialmente no acoso sexual e o acoso por razón de sexo, incluídos os labores no ámbito dixital”.

Pero é necesario indicar que este protocolo debe ser dotado de recursos: contar cunha canle de denuncias; nomear a unha persoa ou equipo de referencia para, xunto coa representación legal das persoas traballadoras, poidan investigar as denuncias, contratar a expertos para asesoramento técnico e pericial…etc.

 

Medidas de prevención terciaria en materia de acoso sexual e por razón de sexo

Por último, atópanse as medidas de prevención terciaria que se activan unha vez queda acreditada a existencia de acoso. Estas accións están dirixidas a apoiar a recuperación da vítima e minimizar os efectos negativos sobre a súa saúde física e psíquica. Algúns casos de medidas de prevención terciaria poden ser:

 

 

  • Facilitar as medidas que se estimen adecuadas para garantir o dereito á protección integral da saúde da persoa afectada ata o seu completo restablecemento, en especial en canto ao aspecto psicolóxico.
  • Asesorar á vítima en relación coa prestación de asistencia sanitaria, en especial a atención psicolóxica, a que teña dereito conforme ao Réxime de Seguridade Social, sobre todo para liquidar posibles problemas burocráticos.
  • Tramitar, coa maior celeridade posible, aquelas prestacións da Seguridade Social derivadas da continxencia de accidente de traballo aquelas resultantes do acoso e a violencia sufridos.

 

Desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais queremos contribuír activamente a que todas as empresas galegas avancen cara á construción de espazos laborais libres de violencia de xénero e desexamos que este tipo de recursos sirvan de axuda a iso.