Nunha contorna laboral en constante evolución, a igualdade de oportunidades é máis que un dereito; é unha vantaxe competitiva que impulsa o benestar das persoas traballadoras e a produtividade das empresas e entidades. No compromiso por avanzar cara unha sociedade máis xusta e inclusiva, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia ofrece formación especializada en igualdade laboral a través do seu Campus en liña de Igualdade Laboral. Esta plataforma accesible e versátil proporciona a profesionais e empresas as ferramentas necesarias para promover unha cultura empresarial máis equitativa e diversa.
Este outono, o Campus en liña de Igualdade Laboral presenta unha nova e variada oferta de cursos e talleres deseñados para afondar nos aspectos clave da igualdade laboral. Desde a lexislación sobre a discriminación de xénero ata a prevención do acoso no traballo, estes cursos están orientados tanto a persoas traballadoras das entidades como a responsables de áreas de influencia, proporcionando coñecementos prácticos e actualizados. Ademais, inclúense talleres sobre conciliación laboral e familiar, e o fomento de contornas inclusivas. Todos os cursos son gratuítos, accesibles e contan con profesionais expertos que guían ás persoas participantes no desenvolvemento de estratexias efectivas para lograr unha igualdade real nas súas organizacións.
Que é o Campus en liña de Igualdade Laboral?
O Campus en liña de Igualdade Laboral é unha ferramenta dixital que permite que as persoas rexistradas se formen ao seu ritmo con dous tipos de contidos: os cursos formativos e os talleres. Os cursos formativos teñen contidos en formato vídeo e presentacións xeradas por docentes expertos na materia, cunha duración determinada, que varía en función das horas lectivas que teña a formación. Para finalizar o curso e optar á insignia de certificación é necesario cumprimentar correctamente os tests de avaliación. Ademais, existe outra oferta que son os talleres, cun formato de evento ao que se pode acudir en presencial ou en remoto. Adoitan ter unha duración dunha tarde e para consolidar o taller é necesario cumprimentar un test final.

A plataforma púxose en marcha no ano 2021, como un espazo pioneiro para lograr tres obxectivos principais: sensibilizar, integrar e facilitar. Pretende achegar á sociedade a igualdade laboral a través de conceptos e teorías, co fin de fomentar unha reflexión e un cambio de actitudes. Á vez que pretende incorporar a igualdade en todos os ámbitos da sociedade, facilitando ás persoas profesionais formación sobre diversidade e non discriminación na súa contorna laboral. Grazas aos seus contidos rigorosos e non presenciais, as persoas participantes poden adquirir os coñecementos necesarios ao seu ritmo, facilitando a incorporación do principio de igualdade no seu exercicio profesional.
As formacións en igualdade laboral do outono
Os cursos e talleres que se están desenvolvendo no outono de 2024 teñen como obxectivo seguir difundindo as claves da igualdade laboral, achegar maior coñecemento sobre a discriminación por xénero, o acoso no traballo ou como actuar fronte á violencia nos espazos laborais. A continuación, desagréganse os cursos e talleres que se están realizando este outono:

- Curso sobre discriminación por xénero. Lexislación e xurisprudencia. 1ª, 2ª e 3ª e 4ª edición. Este curso de 15 horas de duración conta cunha parte pre-gravada e unha sesión en liña voluntaria na que se afonda sobre conceptos teóricos e ferramentas prácticas para entender correctamente as normas e aplicar e interpretar as leis e as sentenzas en relación á discriminación por xénero.
- Curso teórico práctico para a protección integral fronte ao acoso no traballo. 8ª, 9ª, 10ª e 11ª edición. Está dirixido a persoas que participan nos procesos de selección, contratación, negociación colectiva, avaliación da actividade preventiva, avaliación dos postos de traballo e comunicación e, en xeral dos procesos e proxectos que se enmarcan no ámbito das relacións laborais. Durante 15 horas as persoas participantes consolidan os seus coñecementos sobre a normativa en materia de acoso no traballo, con especial referencia ao convenio 190 da OIT; os distintos tipos de acoso que poden darse nunha relación de traballo; as obrigacións das empresas de prevención e protección fronte ao acoso laboral e a protección e dereitos das vítimas do acoso laboral.
- Curso básico en igualdade laboral. 15ª edición. A formación de 8 horas de duración, facilita ao tecido empresarial a incorporación da igualdade laboral, achegando os coñecementos necesarios sobre a negociación dos plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas para fomentar a igualdade laboral e os protocolos para loitar contra acoso sexual e por razón de sexo.
- Curso avanzado en igualdade laboral. 9ª edición. 35 horas para traballar a igualdade laboral, afondando nos coñecementos necesarios para a elaboración dun plan de igualdade. É unha ampliación do curso básico de igualdade laboral.
- Curso sobre valoración de postos de traballo, o rexistro e a auditoría retributiva. A primeira edición deste curso aínda está aberta para a inscrición na seguinte ligazón. Este curso de 67 horas de duración permitirá afondar sobre a igualdade retributiva, a valoración de postos de traballo, o rexistro e a auditoría retributiva.
- Taller sobre permisos e corresponsabilidade. Este taller foi o número 27 da plataforma e tivo lugar o xoves 26 de setembro. Traballáronse os obxectivos de abordar a evolución lexislativa en España dos dereitos de conciliación, así como os pronunciamentos da xurisdición social.
- Taller sobre como actuar fronte á violencia de xénero no ámbito laboral. O taller número 28 do Campus celebrouse o 22 de outubro co obxectivo de dar a coñecer como actuar fronte á violencia de xénero no ámbito laboral, coñecer o papel das empresas e das persoas traballadoras e como previr e actuar neste ámbito.
- Taller sobre a transformación das organizacións e innovación desde a perspectiva de xénero. Taller número 29, que terá lugar o 29 de novembro e que aínda está aberto o periodo de inscrición.
Ademais, de aquí a final de ano haberá máis formacións en valoración de postos de traballo, rexistro retributivo e auditoría retributiva e talleres. Aproveitar os cursos de igualdade laboral que ofrece o campus é unha oportunidade para avanzar cara contornas de traballo máis inclusivas, equitativas e produtivas.