Relevo xeracional e a igualdade laboral

Un dos retos presentes do mercado laboral en España é o relevo xeracional das persoas traballadoras. A nosa poboación activa, segundo a enquisa de poboación activa (EPA) do último trimestre de 2023 sitúase en 24.121.000, dos cales, unha porcentaxe moi elevada atópase na franxa de idade de 50 ou máis anos. Abordar o relevo xeracional é unha necesidade do emprego público e privado e debe facerse con perspectiva de xénero para conseguir a igualdade laboral real entre mulleres e homes. Non cabe dúbida de que abordar o relevo xeracional é vital para o emprego, pero hai sectores, como o primario, nos que é aínda máis importante abordar estratexias de maneira urxente e coordinada entre todas as áreas da sociedade para garantir o mantemento do emprego e facelo con perspectiva de xénero.

O relevo xeracional en España

Segundo a XXVI edición do Informe Infoempleo Adecco: oferta do emprego e a demanda en España publicado no 2022 un dos asuntos que máis preocupan ás empresas é a falta de relevo xeracional, en especial en sectores como a construción, o transporte, a industria ou a hostalería, sectores na súa ampla maioría cunha alta fenda de xénero e alta segregación laboral. Polo que, 1 de cada 3 empresas se vera afectada pola falta de substitución xeracional. Para paliar este conflito unha das abordaxes que se poden levar a cabo é o fomento das prácticas con centros formativos para impulsar persoais máis novos, un recurso que só impulsou o 28% das empresas enquisadas.

Un dos sectores cunha gran necesidade de substitución xeracional é o sector primario en España. Para abordar este conflito o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación elaborou unha Estratexia de Relevo Xeracional no sector agrícola co obxectivo de facilitar o traballo de elaboración do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) do período 2023-2027 no ámbito do relevo xeracional. España conta cunha proporción de novos agricultores e agricultoras das máis baixas da Unión Europea, para o que se pon de manifesto investir as tendencias actuais e garantir unha mellor oportunidade de emprego a mozos no medio rural, a través de reducir as barreiras de entrada e adoptar medidas específicas para diminuír a fenda de emprego entre homes e mulleres en zonas rurais. Segundo o documento as “persoas mozas invisten máis nas súas empresas e contan cunha mellor formación”, pero “as explotacións de mulleres son máis pequenas, de menor dimensión económica e menos rendibles. Ademais, a medida que aumenta a dimensión económica da explotación, a presenza de mulleres diminúe. Este feito vese aínda máis acentuado se as mulleres son novas.

Outro dos sectores primarios con amplos problemas no relevo xeracional é o sector do mar, en actividades pesqueiras ou acuícolas. A abordaxe neste caso exponse non só coa redución na idade media dos profesionais do sector, senón tamén coa necesidade de dotar ás novas xeracións de coñecementos e ferramentas dixitais. Para afrontar o desafío o Ministerio está a elaborar unha serie de publicacións para recoller experiencias no ámbito da substitución xeracional. Na edición de decembro de 2023 menciónanse dúas experiencias realizadas desde Galicia: a campaña “Que non te líen, ti elixes” da Xunta de Galicia apoiada por Fundamar e a divulgación en redes sociais que fai a mariscadora de Cambados, María Fontán.

A nova lei de igualdade de Galicia

A Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia é un documento lexislativo no que se recollen amplas disposicións en relación á igualdade entre mulleres e homes. Un apartado relevante, o título III, é o referido á igualdade no emprego e nas relacións laborais cun total de 51 artigos. E un aspecto destacable dentro da lexislación autonómica é o título V que “contempla nun único artigo os dereitos das mulleres no desenvolvemento rural e do sector marítimo-pesqueiro, e, a tal fin, a Administración xeral da Comunidade Autónoma promoverá a aprobación dos seus respectivos estatutos”. O artigo 147 dos dereitos das mulleres no rural e no mar, indica tres acciones:

  • Promoción do dereito á igualdade de trato e oportunidades en todos os ámbitos, sempre desde unha perspectiva interseccional.
  • Consideración, no deseño e desenvolvemento das políticas públicas, as realidades específicas que afectan as mulleres destes sectores.
  • Promoción do empoderamento e participación activa das mulleres a través da elaboración e aprobación dos seus respectivos estatutos.

Todos eles aspectos que son necesarios implementar para mellorar as condicións do sector primario, reducir a fenda laboral entre mulleres e homes e abordar o relevo xeracional en sectores tradicionalmente masculinizados.

A substitución xeracional é necesaria abordala cunha perspectiva integradora e contando con todos os axentes implicados da sociedade. É un reto ao que nos enfrontamos como sociedade e só debe ser revisionado con perspectiva de xénero e dunha forma inclusiva.