A nova Lei de Igualdade de Galicia e a súa aplicación nas empresas

O pasado 11 de decembro publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, unha norma que busca garantir a igualdade de xénero en todos os espazos e en todas as esferas da vida. A lei organízase en sete títulos diferentes, estando o Título III dedicado en exclusiva á igualdade de mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais.

Obxetivos da nova Lei de Igualdade de Galicia

En concreto, no seu artigo 1.2, desenvolve máis en detalle a misión desta lei, fixando como obxectivos:

  1. Definir, a efectos da presente lei, os conceptos relativos ao dereito á igualdade entre mulleres e homes no marco da Constitución española, do dereito da Unión Europea e dos tratados internacionais ratificados polo Estado español.
  2. Integrar transversalmente a perspectiva de xénero no deseño e desenvolvemento das políticas públicas da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.
  3. Promover a sustentabilidade social empresarial, o benestar laboral e o dereito á igualdade entre mulleres e homes nas políticas activas de emprego, na formación profesional para o emprego e na negociación colectiva.
  4. Establecer o marco de colaboración entre a Administración autonómica e os concellos e demais entidades locais de Galicia para a promoción das condicións para facer efectivo o dereito á igualdade entre sexos na vida local.
  5. Considerar especificamente as singularidades das mulleres rurais e do mar e regular para o efecto o seu estatuto e o Observatorio da Muller Rural e do Mar.
  6. Garantir a efectividade do dereito á igualdade de trato entre mulleres e homes para o persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico.
  7. Regular os órganos competentes en materia de igualdade no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o sector público autonómico.
  8. Establecer garantías institucionais adicionais para a defensa e promoción dos dereitos de igualdade de xénero, atribuíndo competencias específicas ao Valedor do Pobo.

Igualdade no emprego e nas relacións laborais

O título III recolle 51 artigos, agrupados en seis capítulos e todos eles están centrados na igualdade laboral. O primeiro deles está dedicado á transversalidade de xénero nas competencias de emprego e relacións laborais e, dentro das medidas para desenvolver pola Xunta de Galicia, recolle a de establecer a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, co obxectivo de recoñecer a aquelas empresas e entidades que destaquen na aplicación de políticas de igualdade para a equiparación laboral de mulleres e homes (art.88.h).

O segundo dos capítulos é o da sustentabilidade social empresarial e benestar laboral. No seu artigo 90 define este concepto, desagregándoo en primeiro lugar na sustentabilidade empresarial, entendida como “o modelo de xestión integral e a longo prazo que pretende lograr o crecemento sostible, ético e equilibrado da empresa ou entidade do terceiro sector, mediante a integración plena das dimensións económica, social e ambiental en cada estratexia, proceso e elemento da cadea de valor da mesma, incidindo en toda a súa cultura organizacional e na consecución de mellores índices de benestar laboral, así como a mellora e avance das condicións económicas, sociais e ambientais da comunidade e do territorio en que se integre”. E sustentabilidade social empresarial como “aquela parte da sustentabilidade empresarial que integra plenamente na xestión e funcionamento da empresa ou entidade do terceiro sector as seguintes dimensións de actuación:

  1. Interna: factores relativos á igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres, a igualdade de xénero, a igualdade de retribución por un traballo do mesmo valor, a conciliación da vida privada e da vida laboral, a formación e o desenvolvemento das capacidades do seu persoal, o traballo saudable e seguro ou as medidas contra a violencia e o acoso que inciden na consecución de mellores índices de benestar laboral.
  2. Externa: factores que, conforme ao principio de solidariedade e compromiso coas comunidades e contornas en que se insertan, favorecen o desenvolvemento local e a cohesión social e territorial.”

Ademais o terceiro apartado deste artigo céntrase en delimitar o benestar laboral a “a mellora das condicións laborais e a calidade de vida das persoas traballadoras como consecuencia de que a empresa ou entidade do terceiro sector aplique medidas de sustentabilidade social empresarial, principalmente na súa dimensión interna”.

Dentro deste capítulo recóllense en posteriores seccións, as medidas que impulsará a administración galega para que as empresas logren a sustentabilidade social empresarial e o benestar laboral. Entre elas, a mencionada Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, que contará cun desenvolvemento regulamentario que se determinará o contido e o procedemento e o desenvolvemento dos requisitos para a concesión, utilización, renovación e perda da devandita certificación, así como os dereitos e facultades derivados da súa obtención e o logotipo con que se represente.

O terceiro capítulo está centrado na promoción da igualdade de xénero nas políticas activas de emprego, destacando o artigo 116.2 onde recolle aqueles colectivos de especial vulnerabilidade en relación á contratación de mulleres. A lei conta, ademais, cun capítulo propio dedicado á igualdade na formación profesional para o emprego.

Ademais, este título dedicado ás relacións laborais, péchase con dous capítulos, de gran interese desde a perspectiva da adopción de medidas públicas, que dan soporte a sectores produtivos feminizados e con traballos feminizados non visibilizados nin valorados e que promovan a igualdade na negociación colectiva.

A Lei de Igualdade de Galicia é un claro exemplo do Goberno galego, pola igualdade real e efectiva, contribuíndo a conseguir unha sociedade tolerante, sen ningún tipo de discriminación, xusta e equitativa. En posteriores entradas desta páxina informativa sobre a igualdade laboral haberá oportunidade de seguir avanzando na análise do recollido na nova lei de igualdade.