Preguntas e respostas sobre as comisións negociadoras dos plans de igualdade

Tras a entrada en vigor do Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo púxose de manifesto a necesidade de implicar activamente ás comisións negociadoras para o proceso interno de igualdade, desde a elaboración do diagnóstico ata a elaboración e aprobación do plan de igualdade. Este feito implicou unha serie de cambios e necesidades que abordamos a través de varias preguntas e respostas sobre as comisións negociadoras dos plans de igualdade.

As empresas que están obrigadas a día de hoxe a negociar o diagnóstico e o plan de igualdade, a través da apertura da negociación e a constitución dunha comisión negociadora, son as que teñan 50 ou máis persoas traballadoras, as que están obrigadas por convenio colectivo ou nas que a autoridade laboral o acordou a través dunha sanción. Para o resto das empresas, a elaboración e implantación do seu plan de igualdade terá carácter voluntario, pero previamente terán que negociar coa representación legal das traballadoras e os traballadores.

Como se compón unha comisión negociadora?

Abordamos a composición da comisión negociadora en base a diferentes casos:

  • As empresas que non conten con RLPT crearase unha comisión negociadora composta por: representación da empresa e representación das persoas traballadoras (integrada polos sindicatos máis representativos e polos sindicatos representativos do sector da entidade e con lexitimidade para formar parte da comisión negociadora). Esta comisión negociadora terá ata un máximo de 6 persoas por cada parte.
  • As empresas con centros de traballo con e sen Representación Legal das persoas traballadoras. A parte social pódena integrar:
    • En centros con RLPT deben ser representantes das persoas traballadoras do centro.
    • En centros que non contan con RLPT deberá ser a comisión sindical constituída segundo o indicado nos casos de empresas sen RLPT. A comisión negociadora compoñerase dun máximo de 13 persoas membro por cada unha das partes.
  • As empresas con Representación Legal das persoas traballadoras formarán a súa comisión negociadora con: o comité de empresa, as e os delegados de persoal ou as seccións sindicais cando o acorden e sumen a maioría de persoas membro do comité ou de delegados e delegadas de persoal.
    • Se a empresa ten varios centros de traballo poderá negociar o comité intercentros, se existe e se ten competencias para iso.

Como se compón unha comisión negociadora nun grupo de empresas?

No caso de empresas compostas por un grupo de empresas poderán elaborar un único plan de igualdade para todas ou parte das empresas do grupo. A composición da comisión negociadora réxese polo establecido no artigo 87 do Estatuto dos traballadores que indica que a comisión negociadora estará formada por:

  • Os sindicatos máis representativos a nivel estatal, así como, nos seus respectivos ámbitos, as organizacións sindicais afiliadas, federadas ou confederadas aos mesmos.
  • Os sindicatos máis representativos a nivel autonómico respecto dos convenios que non transcendan do ámbito territorial, así como, nos seus respectivos ámbitos, as organizacións sindicais afiliadas, federadas ou confederadas aos mesmos.

Como se convocan os sindicatos para unha comisión negociadora dun plan de igualdade?

O Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo refírese á “convocatoria da empresa”, sen establecer ningún requisito formal. Pero, tanto a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia como o Instituto das Mulleres recomendan “enviar unha comunicación a todos e cada un dos sindicatos que reúnan” as seguintes  condicións:

  • Máis representativos e representativos do sector ao que pertenza a empresa.
  • Ter lexitimación para formar parte da comisión negociadora do convenio colectivo de aplicación. Posteriormente, a representación sindical conformarase en proporción á representatividade no sector e garantindo a participación de todos os sindicatos lexitimados.

Ademais, recomendan obter un acuse de recibo da comunicación.

Que prazos existen para formar a comisión negociadora dun plan de igualdade?

A comisión negociadora deberá constituírse no prazo máximo de 3 meses seguintes a aquel no que se acadou o número de persoas que fan obrigatorio o plan de igualdade.

No caso das empresas que están obrigadas por convenio a negociar un plan de igualdade, deberán iniciar a negociación dentro do prazo especificado no convenio colectivo ou nos 3 meses seguintes á publicación do mesmo.

En resumo, pódense dar tres casos:

  • Empresas de 50 e/ou máis persoas traballadoras: 3 meses.
  • Convenio colectivo: o establecido no convenio ou 3 meses tras a publicación do convenio.
  • Autoridade laboral: o fixado no acordo.

Que funcións e competencias ten a comisión negociadora?

  • Negociación e elaboración do diagnóstico, así como a negociación do Plan de Igualdade.
  • Elaboración do informe dos resultados do diagnóstico.
  • Identificación das medidas prioritarias, o seu ámbito de aplicación, os medios materiais e humanos necesarios para a súa implantación, así como as persoas ou órganos responsables, incluíndo un cronograma de actuacións.
  • Impulso da implantación do Plan de Igualdade na empresa.
  • Definición dos indicadores de medición e os instrumentos de recollida de información necesarios para realizar o seguimento e avaliación do grao de cumprimento das medidas do Plan de Igualdade implantadas.
  • Impulsar as primeiras accións de información e sensibilización ás persoas traballadoras.
  • Outras funcións que puidese atribuír a normativa e o convenio colectivo de aplicación.

Estas e outras preguntas e respostas teñen a súa base en diferentes informacións recollidas en normas, webs e/o documentos de consulta pública como a web de aigualdadelaboral.gal da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia ou as guías Guía para a elaboración dun Plan de Igualdade e Posta en marcha do proceso de elaboración dun Plan de Igualdade.