Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico das últimas semanas. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Nivel autonómico
POLÍTICAS PÚBLICAS
A Xunta pon en valor a colaboración cos axentes sociais no deseño de políticas para favorecer a implantación de medidas de igualdade laboral. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, durante a súa participación na I Xornada autonómica de igualdade organizada por CSIF Galicia, puxo en valor a colaboración do goberno galego cos axentes sociais na implantación de medidas para a igualdade efectiva de oportunidades no ámbito laboral. Destacou tamén que Galicia é unha das comunidades con máis medidas activadas para apoiar a implantación de plans de igualdade nas empresas.
O campus en liña de igualdade laboral da Xunta xa expediu máis de 700 certificados do curso de prevención do acoso sexual e por razón de sexo no traballo. No marco das accións formativas que está a desenvolver a Dirección Xeral de Relacións Laborais en materia de igualdade laboral, celebrouse o obradoiro número 21 “Convenio 190 OIT: un documento fundamental na igualdade laboral entre mulleres e homes”. Con esta actuación, preténdese afondar sobre este convenio da Organización Internacional do Traballo acerca da violencia e o acoso no mundo do traballo e a súa aplicación á lexislación española. A directora xeral de Relacións Laborais explicou os instrumentos cos que conta a Xunta para facer fronte ao acoso sexual e sexista no ámbito laboral. Puxo como exemplo a guía para a prevención e o tratamento do acoso sexual e por razón de sexo nas pemes e o documento que se vai a publicar proximamente sobre a protección e garantía da integridade sexual nas empresas. Así mesmo, confirmou que máis de 700 persoas que forman parte dos departamentos de recursos humanos e organizacións empresariais e sindicais recibiron xa o seu certificado do curso teórico-práctico sobre a prevención e o tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo. Mancha avanzou tamén que se impartirá proximamente un novo curso teórico-práctico para a protección integral fronte ao acoso no traballo de 15 horas de duración.
Nivel nacional
INFORME ANUAL DE GOBERNO CORPORATIVO DAS SOCIEDADES COTIZADAS (IAGC)
A Comisión Nacional do Mercado de Valores publicou o seu Informe anual de Goberno Corporativo das sociedades cotizadas (IAGC), correspondente ao exercicio 2022. Trátase dun documento resumen dos principais desenvolvementos normativos e recomendacións dos códigos de Bo Goberno que recolle os resultados alcanzados tras a posta en marcha de medidas. Un dos obxectivos marcados determinaba que, para 2022, polo menos o 40% dos membros dos consellos de administracións fosen mulleres. Con todo, a pesar de que os datos reflicten un aumento de presenza feminina nos consellos, superando o 30% en 2022, a taxa de representación feminina fíxase no 6,7%. Coa chegada da Directiva 2022/2381, por primeira vez establécese como norma xurídica de obrigado cumprimento que, antes do 30 de xuño 2026, o sexo menos representado (actualmente mulleres) constitúa o 40% dos conselleiros non executivos, e o 33% do total de postos (conselleiros executivos e non executivos). Con esta directiva, búscase lograr unha representación equilibrada nos postos de alta dirección.
Nivel internacional
CLAUDIA GOLDIN, PREMIO NOBEL DE ECONOMÍA 2023
Claudia Goldin foi galardoada co Nobel de Economía 2023 grazas aos seus estudos pioneiros sobre a incorporación das mulleres ao mercado laboral que sentaron as bases para entender a fenda salarial. A profesora da Universidade de Harvard converteuse na terceira muller en obter o galardón tras 55 edicións e a primeira en logralo en solitario.
Os traballos da investigadora estadounidense centráronse en aspectos relacionados co xénero, a desigualdade e a educación. Realizou contribucións innovadoras á análise histórica do papel da muller na economía e das razóns da fenda de xénero. En 1990, estudou a fenda salarial no mercado laboral a través dunha recompilación de datos históricos en Estados Unidos desde 1820, no que concluíu que a orixe da discriminación radica en gran medida nos mecanismos de promoción, con políticas institucionais e empresariais de xestión do persoal que contribuíron a perpetuala aínda máis co paso dos anos. Ademais, demostrou que a participación feminina no mercado laboral traza unha curva en forma de U. Isto débese aos cambios sociais estruturais acontecidos desde o século XIX e á evolución das normas sociais respecto ás responsabilidades que se atribúen ás mulleres no fogar e na familia. As súas investigacións permitiron coñecer os factores subxacentes e as barreiras que han de ser abordadas para alcanzar a igualdade laboral.