Novidades en materia de igualdade laboral

Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico das últimas semanas. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización, etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.

Nivel autonómico

A Xunta aposta polo benestar laboral que impulsará a futura Lei de igualdade para loitar contra a discriminación da muller no traballo. A nova normativa autonómica regulará a sustentabilidade social empresarial coa finalidade de que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero. Así, o anteproxecto situará a Galicia á vangarda empresarial co fomento da creación de equipos diversos, multidisciplinares, mellorando a súa competitividade e benestar laboral e xerando polos de atracción e retención do talento. A regulación deste concepto pretende modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores sociais, xa que a sustentabilidade social empresarial é un dos eixes fundamentais para combater a discriminación da muller no ámbito laboral.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade lanza Un Traballo de Fondo, o espazo dixital dirixido a impulsar, fomentar, sensibilizar e formar á sociedade na igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres a través de accións formativas, recursos e información de actualidade enmarcadas en diferentes ámbitos como a conciliación e a corresponsabilidade, o rexistro retributivo, o acoso laboral, o teletraballo, entre outros moitos temas.

Nivel nacional

ENQUISA ANUAL DA ESTRUTURA SALARIAL

O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou a súa Enquisa Anual de Estrutura Salarial cos datos de 2021. Os datos reflicten que a ganancia media para os homes foi de 28.388,69€, mentres que, no caso da das mulleres, foi de 23.175,95€. Esta diferenza tradúcese nunha fenda salarial de xénero do 18,36%. En comparación cos datos de 2019 e 2020 obsérvase unha tendencia á baixa (19,05% e 18,36% respectivamente), aínda que continúa sendo moi elevada.

O informe destaca que a fenda salarial de xénero aumenta coa idade e diminúe se se consideran postos de traballo similares. Esta valoración realízase sobre o salario base e, sen ter en conta os complementos salariais. Estes recompensan os aspectos máis masculinizados do traballo (esforzo físico, nocturnidade, dispoñibilidade horaria…), é dicir, condicións que as mulleres ven condicionadas pola repartición desigual das tarefas de coidado. Ademais, os resultados da enquisa indican que, en todas as actividades económicas nas que a representación mostral feminina é significativa, as mulleres contan con menos remuneración que os homes.

RETRATOS DA PRECARIEDADE

O Instituto de las Mujeres puxo en marcha unha nova serie do Boletín Igualdade no Emprego. Co título Retratos da Precariedade, a serie está dedicada a sectores feminizados e precarizados. O primeiro número pon o foco na situación das mulleres contratadas en orixe que proveñen de Marrocos para traballar na campaña do amorodo e outros froitos vermellos en Huelva. Nel, realízase unha breve revisión, desde un enfoque de xénero e dereitos humanos, do estado actual dos focos de precarización que aínda seguen afectando as mulleres contratadas en Marrocos que traballan como temporeiras.

Ademais, publicaron tamén unha guía de recursos para profesionais que traballan no acompañamento e apoio ás temporeiras no exercicio dos seus dereitos. Esta ferramenta aglutina e sintetiza os recursos e procedementos dispoñibles para acompañar e apoiar ás temporeiras no exercicio dos seus dereitos.

Nivel internacional

A NECESIDADE DUNHA MAIOR REPRESENTACIÓN FEMININA NA OTAN

Con motivo da celebración do cume da OTAN en Vilnius (cidade na que se atopa a sede do EIGE, Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero), este organismo revisou a situación da igualdade de xénero no sector da seguridade. O resultado non foi moi esperanzador. O Instituto descubriu que a igualdade de xénero está ausente en todos os ámbitos dos gobernos nacionais da UE nas áreas de defensa, migración e control de fronteiras. Así mesmo, dentro das institucións da UE e das axencias da UE que se ocupan dos campos da seguridade, as mulleres están infrarrepresentadas nos postos de toma de decisións. Sobre o terreo, existe unha fenda de xénero no recrutamento nas forzas armadas dos Estados membros que forman parte da OTAN e as mulleres representan menos dun de cada cinco membros de tempo completo das forzas armadas.

Con todo, a pesar destes datos, realizáronse algúns avances. Entre os oficiais principais da OTAN, existe un maior equilibrio de xénero e os principais postos na Comisión Europea en materia de seguridade e defensa divídense por igual entre mulleres e homes. Ademais, alcanzáronse compromisos importantes para que haxa máis mulleres en roles de toma de decisións. Este é un dos obxectivos da estratexia de igualdade de xénero da UE 2020-2025, así como no enfoque estratéxico da UE para a axenda de mulleres, paz e seguridade e o seu plan de acción (2019-2024).