Nova Lei LGTBI e novidades para as empresas

Termina xuño e con el acábase o mes do orgullo LGTBI. 30 días de celebracións de todo tipo de eventos para reafirmar o sentimento de orgullo cara as orientacións sexuais e identidades de xénero que a día de hoxe aínda seguen sendo marxinadas e oprimidas en moitas sociedades. A discriminación que na actualidade segue vivindo o colectivo transcende a moitos ambientes tanto da súa vida pública como privada, sendo o laboral un deles.

A principios de 2023, aprobouse a Lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, que sitúa ás empresas como actores chave para acabar coa discriminación no traballo.

Discriminación LGTBI no traballo

O estudo exploratorio A diversidade na contorna laboral: situación laboral das persoas LGTBI en Galicia constitúe un achegamento á realidade laboral deste colectivo. Entre as súas conclusións destaca o feito de que existen varios puntos críticos ao longo das relacións laborais onde as persoas pertencentes ao colectivo LGTBI sinalan que poden sufrir con maior probabilidade situacións de discriminación e LGTBIfobia. Estes puntos son: os procesos de acceso e selección e o clima laboral que existe nas organizacións.

O estudo afirma que un persoal libre de estereotipos contra o colectivo LGTBI é a antesala necesaria para lograr un clima organizacional libre de violencias LGTBIfóbicas. Máis aló de situacións visibles, vinculadas a discriminacións directas por razón de orientación sexual e/o identidade de xénero (por exemplo, despedimentos, acoso, insultos etc.), existe un abanico de situacións invisibles (rumores, bromas ou comentarios despectivos), que teñen que ser eliminados por completo das contornas laborais.

As empresas, no marco da nova normativa existente, deben avanzar para garantir que nas súas entidades se respecte e recoñeza a diversidade de persoas e, en concreto, do colectivo LGTBI.

Obrigacións das empresas no marco da Lei LGTBI

A nova Lei LGTBI ten como obxectivo, segundo o seu artigo 1.1, o “garantir e promover o dereito á igualdade real e efectiva das persoas lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuales (en diante, LGTBI), así como das súas familias”. Para iso, establécese, dentro deste marco normativo, os principios de actuación dos poderes públicos, regula dereitos e deberes das persoas físicas e xurídicas, tanto públicas como privadas, e prevé medidas específicas destinadas á prevención, corrección e eliminación, nos ámbitos público e privado, de toda forma de discriminación; así como ao fomento da participación das persoas LGTBI en todos os ámbitos da vida social e á superación dos estereotipos que afectan negativamente á percepción social destas persoas.

Regula, ademais, as obrigacións das empresas en materia de igualdade e non discriminación. En concreto, o seu artigo 15, di:

  • As empresas de máis de cincuenta persoas traballadoras deberán contar, no prazo de doce meses a partir da entrada en vigor da presente lei, cun conxunto planificado de medidas e recursos para alcanzar a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI, que inclúa un protocolo de actuación para a atención do acoso ou a violencia contra as persoas LGTBI. Para iso, as medidas serán pactadas a través da negociación colectiva e acordadas coa representación legal das persoas traballadoras. O contido e alcance desas medidas desenvolveranse regulamentariamente. Así pois, está previsto que nos próximos meses se desenvolva un real decreto ou outro tipo de norma, que defina ese contido e alcance.
  • A través do Consello de Participación das persoas LGTBI recompilaranse e difundirán as boas prácticas realizadas polas empresas en materia de inclusión de colectivos LGBTI e de promoción e garantía de igualdade e non discriminación por razón das causas contidas nesta lei.

O Consello de Participación das persoas LGTBI, é un órgano colexiado de participación cidadá en materia de dereitos e liberdades das persoas LGTBI, e ten por finalidade institucionalizar a colaboración e fortalecer o diálogo permanente entre as administracións públicas e a sociedade civil en materias relacionadas coa igualdade de trato, a non discriminación por razón de orientación sexual, identidade sexual, expresión de xénero e características sexuais; e de reforzar a participación en todos os ámbitos da sociedade das persoas LGTBI e as súas familias.

Doutra banda, é preciso lembrar que Galicia é referente en materia de normativa para a igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales, a través da Lei 2/2014. Nela determínase que a Xunta de Galicia instará as organizacións sindicais e empresariais presentes no diálogo social a que actúen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e, no seu caso, en colaboración coas asociacións, organizacións e colectivos LGTBI, a:

  1. Impulsar medidas inclusivas para persoas LGTBI nos convenios colectivos de todos os sectores laborais.
  2. Informar sobre a normativa en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.
  3. Promover os dereitos e a visibilidade das persoas LGTBI nos lugares de traballo.
  4. Tratar de maneira específica a discriminación múltiple, na que a causa de orientación sexual e identidade de xénero se combine coa de sexo ou enfermidade, discapacidade física ou intelectual ou pertenza a calquera etnia ou relixión, así como a discriminación de persoas transexuais e transxénero, e incentivar a súa contratación.

Desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, avanzouse nos últimos anos en actuacións de promoción de igualdade de trato e non discriminación do colectivo LGTBI.

Así, no marco das obrigacións establecidas na Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales en Galicia, realizou o xa comentado estudo sobre a situación sociolaboral do colectivo LGTBI en Galicia, onde se establecen unha serie de medidas que se deben adoptar para loitar contra a súa posible discriminación no ámbito das empresas privadas.

Tamén, dentro do seu Campus Online de Igualdade Laboral, ofértanse talleres sobre violencia nas empresas que incorpora aspectos formativos para evitar as discriminacións e violencias cara ao colectivo LGTBI nos lugares de traballo.