O próximo 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBI, unha data marcada pola conmemoración dos disturbios de Stonewall en 1969, que funciona como oportunidade para visibilizar a diversidade sexo-afectiva, defender os dereitos humanos, a igualdade de trato e oportunidades e a dignidade das persoas. Esta é unha xornada para fortalecer a loita contra a discriminación por razón de sexo, xénero, orientación ou vivencia sexual, a intolerancia e a violencia contra as persoas do colectivo LGTBI.
O estudo “Diversidade na contorna laboral: estudo sobre a situación laboral das persoas LGTBI en Galicia” da Xunta de Galicia conclúe que os puntos críticos nos que as persoas do colectivo LGTBI pode sufrir con maior probabilidade situacións de discriminación e LGTBIfobia no contexto profesional é nos procesos de acceso e selección e no clima laboral das organizacións nas que traballan.

O Real Decreto 1026/2024, do 8 de outubro, polo que se desenvolve o conxunto planificado das medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI nas empresas desenvolve regulamentariamente a obriga empresarial de contar cun conxunto planificado de medidas e recursos para alcanzar a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI tal e como se recolle no artigo 15.1 da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.
Estas obrigas son de aplicación para as empresas con máis de 50 persoas traballadoras e as medidas deben ser negociadas nos convenios colectivos de aplicación. No caso de que non exista convenio colectivo de aplicación, e exista representación sindical, as medidas serán negociadas mediante acordos de empresa e cando non exista convenio colectivo de aplicación e tampouco se conte con representación legal das persoas traballadoras, a negociación das medidas realizarase a través dunha comisión negociadora.
O ano pasado, a publicación que conmemoraba esta mesma data, coincidía no marco temporal (entre abril e xuño de 2025) no que as empresas debían ter implementadas as medidas planificadas en materia LGTBI. Un ano despois, procedemos á revisión dalgúns convenios colectivos de aplicación e como incorporaron estas accións.
Convenios colectivos que inclúen medidas planificadas en materia LGTBI en Galicia
Neste apartado compartimos algúns dos convenios aprobados recentemente que inclúen medidas planificadas en materia LGTBI.
En maio de 2025, a Comisión Negociadora do Convenio colectivo de centros especiais de emprego de Galicia, acorda a implantación de medidas que aseguren a igualdade real e a non discriminación das persoas LGTBI nas empresas, publicando as Medidas planificadas e o Protocolo de actuación fronte ao acoso e a violencia contra as persoas LGTBI, de aplicación para os centros especiais de emprego de Galicia no seu convenio colectivo.
Nesta negociación acórdanse propostas para garantir a igualdade de trato e non discriminación, o acceso ao emprego, a clasificación e promoción profesional, a formación, sensibilización e linguaxe, as contornas laborais diversas, seguras e inclusivas, os permisos e beneficios sociais e o réxime disciplinario. O acordo tamén recolle o compromiso de construír unha contorna laboral inclusiva, evitando a reprodución de estereotipos tradicionais e promovendo unha representación diversa que visibilice ás persoas LGTBI sen caer no binarismo nin en etiquetas restritivas. Á súa vez, márcanse os criterios que se van utilizar nos procedementos de ascenso que deberán ser obxectivos e neutros para evitar calquera tipo de discriminación directa ou indirecta desfavorable onde se inclúe a orientación sexual, a identidade e/o expresión de xénero, a diversidade sexo-xenérica ou familiar como posible factor discriminatorio.
O convenio colectivo para o persoal laboral das empresas do sector de almacenistas de froitas e produtos hortícolas de Pontevedra para os anos 2023-2026 incorpora as medidas estipuladas no RD 1026/2024 e na Lei 4/2023 para conseguir a igualdade e a non discriminación das persoas LGTBI nas empresas. Este acordo, máis aló dos requisitos da norma, presta atención á linguaxe utilizada e tamén fai diferentes referencias ás oportunidades e o tratamento das persoas trans, como colectivo especialmente vulnerable no acceso ao emprego.
De igual forma, o convenio colectivo de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para salóns de peiteado de señoras, cabaleiros, unisex e salóns de beleza, inclúe no seu anexo I o Protocolo de actuación contra o acoso sexual, o acoso por razón de sexo, o acoso psicolóxico e outras condutas contrarias á liberdade sexual onde afirma, entre outras medidas, que se promoverá a tolerancia cero ante a LGTBI-fobia. No anexo II inclúense as Medidas planificadas e acordadas para alcanzar a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI.
Malia non ser de aplicación única ao contexto galego, aprobouse o acordo de modificación do IX Convenio colectivo estatal de xestorías administrativas, que afecta tamén as persoas traballadoras do devandito ámbito na comunidade galega. Nel desenvólvense as medidas necesarias para garantir a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI segundo se recolle na normativa, así como o Protocolo de actuación fronte ao acoso e a violencia contra as persoas LGTBI.

Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia poñemos ao dispor de persoas individuais e organizacións unha serie de recursos para atender á diversidade laboral no contexto galego a través da nosa web diversidade.aigualdadelaboral.gal.