Todas as entidades son coñecedoras de que fomentar a igualdade laboral e a diversidade é un piar para construír organizacións máis xustas, produtivas e equitativas. Na contorna laboral do noso país, a igualdade e a diversidade son cada vez máis importantes e recoñécense como unha fortaleza. Débese garantir que todas as persoas traballadoras teñan as mesmas oportunidades e un trato xusto e equitativo. Coñecer conceptos da igualdade é un primeiro paso de sensibilización e concienciación para fomentar unha cultura organizacional máis inclusiva, por iso, un dos obxectivos deste espazo web é a divulgación de contidos. Un exemplo de contidos informativos en igualdade é o apartado de Conceptos básicos, que se foron ampliando (Conceptos básicos I, II e III). Ademais, a web de aigualdadelaboral incorporou un espazo propio para tratar a diversidade nas organizacións, cun apartado propio de conceptos que se deben coñecer dentro do ámbito da diversidade. Baixo este contexto, nesta entrada ampliaranse conceptos básicos da igualdade laboral e a diversidade.
Termos que se deben coñecer da igualdade laboral e a diversidade
Nunha contorna laboral cada vez máis global e diversa, comprender e aplicar os principios de igualdade e diversidade é crucial para o éxito de calquera organización. Para iso, é esencial familiarizarse con algúns conceptos clave como a fenda de xénero ou a LGTBIfobia. A continuación detallamos estes e outros conceptos clave:
- A fenda de xénero. A fenda de xénero é un termo que se trata habitualmente nos contidos de igualdade laboral, xa que ten un alto impacto nas vidas das persoas. Cando se fala de fenda de xénero faise en relación ás diferenzas entre mulleres e homes e a distribución desigual de recursos e poder. Especialmente, son coñecidas:
- Fenda salarial de xénero ou fenda retributiva: O Eurostat defíneo como un concepto estatístico que mostra a diferenza entre o salario bruto por hora dos homes e das mulleres, expresado como porcentaxe do salario bruto por hora dos homes. Nun dos folletos informativos que a Xunta de Galicia realizou para as empresas sobre este concepto indicábase que “é a fenda de xénero non axustada ás características individuais que poidan explicar as diferenzas de salario entre homes e mulleres. É habitual que exista fenda salarial nas entidades, pero iso non sempre implica que exista discriminación salarial, xa que é un fenómeno estrutural da sociedade. Todos os países no ámbito mundial teñen unha característica común: págaselles menos ás mulleres que aos homes por traballo de igual valor”.
- Fenda dixital de xénero que se refire ás diferenzas entre mulleres e homes no uso das tecnoloxías da información e comunicación.
- A igualdade salarial. Aproveitando que o 18 de setembro foi o Día Internacional da Igualdade Salarial poñemos en valor este concepto. As Nacións Unidas determinaron a necesidade de reivindicar este concepto a través dun día internacional polo seu compromiso cos Dereitos Humanos e contra todas as formas de discriminación. O concepto de igualdade salarial refírese a conseguir o mesmo salario por un traballo de igual valor. Dentro das discriminacións habituais que sofren as mulleres atópase o cobrar menos por traballos de igual valor, que a pesar de estar regulado no noso país e ser unha práctica ilegal, séguese sufrindo. Non tanto nos mesmos postos de emprego, senón por cuestións máis relacionadas cos nesgos ou outras cuestións (traballos a tempo parcial, menos complementos, peores empregos, etc.).

- A LGTBIfobia. A LGTBIfobia é un termo definido na web de diversidade como “violencia exercida contra o colectivo LGBTIQ+ por ser LGBTIQ+. Pode subdividirse nos seguintes tipos: afectiva, cognitiva, condutual, liberal, institucional e estrutural”.
- O ciberacoso. O ciberacoso é unha agresión psicolóxica, sostida e repetida no tempo, realizada por unha ou varias persoas contra outra e/ou outras, utilizando para iso as novas tecnoloxías (correo electrónico, redes sociais, blogs, mensaxería instantánea, mensaxes de texto, teléfonos móbiles, webs etc.) Especialmente relevante para a igualdade é o ciberacoso por razón de sexo, orientación sexual, identidade e expresión de xénero.

- O tokenismo. O tokenismo é un termo que fai referencia á práctica de efectuar pequenas actuacións para fomentar a diversidade e a integración dun colectivo discriminado, cunha influencia destas escasa ou nula na modificación da cultura organizacional. É, en definitiva, promover a visibilidade e a inclusión de colectivos minoritarios, pero simplemente para aparentar diversidade sen realizar cambios reais e profundos na organización.
Algúns destes conceptos relacionados coa igualdade laboral e a diversidade son frecuentes atopalos nas noticias dos medios de comunicación ou nas redes sociais. Coñecelos e reflexionar sobre cuestións relacionadas coa non discriminación e a eliminación de nesgos é crucial para seguir construíndo entidades igualitarias e diversas.