Conceptos básicos da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

A pesar de todos os avances que houbo nos últimos anos en materia de igualdade laboral no noso país, a realidade mostra que aínda estamos lonxe de alcanzar a igualdade real e efectiva en todos os ámbitos da sociedade, tamén na empresa. O contexto no que vivimos condiciona como percibimos a nosa contorna e o desenvolvemento das persoas, tanto mulleres como homes. Hoxe poñeremos nome a algúns conceptos básicos da igualdade de oportunidades, con enfoque laboral. Ademais, na web da Dirección Xeral de Relacións Laborais, aigualdadelaboral.gal, hai un amplo glosario de termos relativos á igualdade de oportunidades.

Varios conceptos no contorno da igualdade

A continuación, explicaremos os seguintes termos: igualdade formal, igualdade real, equidade de xénero e igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

  • Igualdade formal ou legal. Baixo a lei e amparado polo artigo 14 da Constitución española as mulleres e os homes son iguais ante a lei: “os españois son iguais ante a Lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”. Pero a igualdade formal ou legal non implica a igualdade real.
  • Igualdade real ou efectiva. Cando falamos de igualdade real ou efectiva facémolo en relación ao Principio de igualdade de trato entre mulleres e homes que se define como “a ausencia de toda discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo e, especialmente, as derivadas da maternidade, a asunción de obrigacións familiares e o estado civil”, Artigo 3 da Lei Orgánica 3/2007. O recoñecemento da igualdade formal foi insuficiente e necesitou de novos instrumentos xurídicos, tamén no ámbito empresarial, con por exemplo, a entrada en vigor de normativas que fan obrigatorio os plans de igualdade para as empresas de 50 ou máis persoas traballadoras.
  • Equidade de xénero. Como se describe na web de gal a equidade de xénero é: “significa alcanzar a igualdade mantendo o recoñecemento da diferenza. Equidade significa xustiza, é dicir, dar a cada cal o que lle pertence.”
  • Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Fai referencia á necesidade de garantir o acceso de mulleres e homes aos bens da sociedade: económicos, materiais, non materiais… É fundamental que tanto mulleres como homes poidan acceder e participar nas esferas laborais, políticas, de toma de decisións, de educación, de formación… e a nosa constitución recolle a necesidade da implicación dos poderes públicos para conseguir esta igualdade de oportunidades. Por exemplo, favorecendo a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou garantindo a seguridade das mulleres fronte á violencia de xénero.

Que é a discriminación por razón de sexo?

 

O oposto á igualdade é a discriminación e cando falamos de discriminación por razón de sexo referímonos a toda exclusión ou restrición baseada no sexo que ten como obxecto anular o recoñecemento das mulleres. Hai varios tipos:

  • Discriminación directa por razón de sexo. Por exemplo: salarios diferentes, despedimentos ou desagravios por embarazo etc.
  • Discriminación indirecta por razón de sexo. Masculinización dalgunhas profesións como o sector da automoción ou o naval, priorizar un ascenso a persoas con maior flexibilidade horaria etc.
  • Discriminación múltiple. Neste caso a simultaneidade de factores (idade, sexo, orientación sexual e orixe étnica, relixión…), dan lugar a máis dunha discriminación. Sería o caso dunha muller de idade avanzada que sufra discriminación no lugar de traballo.
  • Discriminación interseccional. Prodúcese discriminación interseccional cando concorren ou interactúan diversas causas das previstas nesta lei, xerando unha forma específica de discriminación. Por exemplo, a sufrida polas mulleres con discapacidade ou as mulleres migrantes.

Outros conceptos básicos para entender a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes

Un concepto fundamental para entender a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é o concepto de fenda de xénero que se refire ás diferenzas entre mulleres e homes e a desigual distribución de recursos e poder. Dentro da fenda de xénero podemos falar de dúas delas. A fenda dixital de xénero refírese ás diferenzas entre mulleres e homes no uso das TIC, e que nos últimos anos se foi reducindo de 8,1 puntos a 1 punto no ano 2022. A fenda salarial de xénero é a diferenza existente entre os salarios percibidos polas persoas traballadoras de ambos os sexos, calculada sobre o salario dos homes. Aínda así, segundo a fonte consultada, a forma de calcular a brecha salarial varía.

Outro concepto é fundamental é o da transversalidade da perspectiva de xénero ou mainstreaming que é “a (re)organización, mellora, desenvolvemento e avaliación dos procesos políticos para incorporar, por parte dos actores involucrados normalmente nos devanditos procesos, unha perspectiva de igualdade de xénero en todos os niveis e fases de todas as políticas” segundo o Consello de Europa.

Algúns dos principios nos que se basea este concepto é que se considera que as mulleres e homes están subordinados a unha forma de ser e pensar polos roles de xénero e que hai unha orde social baseada na distribución desigual de roles e poder, por iso, é necesario aplicar o enfoque transversal de xénero en todos os ámbitos da organización social, tamén desde as empresas.

A igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é necesaria que se aborde desde todas as cotas da sociedade: educación, formación, sanidade, fogar, e, por suposto, desde a contorna laboral. Coñecer os conceptos básicos é un paso máis para aplicar prácticas con perspectiva de xénero nos nosos ámbitos de actuación.