Todas as empresas, independentemente do seu tamaño, están obrigadas a aplicar medidas de igualdade entre mulleres e homes na súa xestión para contribuír a unha sociedade máis xusta. Ademais, as empresas deben ser espazos libres de discriminacións por razón de sexo e promover a igualdade entre mulleres e homes.
Quizais a actuación máis recoñecida a nivel de igualdade nas empresas son os plans de igualdade, que son ferramentas que inclúen unha serie de medidas (cos seus indicadores de avaliación) a implementar nas empresas tras a realización dunha diagnose de igualdade na que se evidencia a necesidade das mesmas. As empresas máis pequenas (de menos de 50 persoas traballadoras) non están obrigadas a realizar un plan de igualdade, exceptuando os casos:
- Onde se recoñeza a obrigación nun convenio colectivo.
- Sexa imposto pola autoridade laboral como medida sustitutiva dunha sanción.
Pero hoxe centrarémonos nesta publicación en falar daqueles casos onde é voluntaria a realización do plan de igualdade.
Consideracións previas
Un primeiro punto a ter en conta é que todos os plans de igualdade teñen que realizarse con base na lexislación básica en materia de igualdade laboral. O tamaño é un factor non relevante se existe a decisión ou o deber de facer o plan. E, cal é esa lexislación para ter en conta? Aínda que neste blogue se analizou en varias ocasións esta normativa, as principais normas a ter en consideración son:
- Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes
- Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores
- Real Decreto-lei 6/2019, de 1 de marzo , de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación
- Real Decreto 901/2020, de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real Decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo
- Real Decreto 902/2020, de 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes
- Real Decreto 713/2010, de 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade
Beneficios da realización
A realización dun plan de igualdade en pequenas empresas, achega moitos beneficios. Aquí recóllense algúns deles, vinculados coa importancia como elemento estratéxico para a xestión do seu capital humano e para proxectar unha mellor imaxe corporativa.
- Mellora competitiva fronte á competencia. A día de hoxe son moitos os diferentes organismos públicos que inclúen como cláusula social nas súas contratacións, puntuacións adicionais para empresas que conten co seu plan de igualdade negociado coa representación legal das persoas traballadoras e subido ao Rexistro e Depósito de Convenios Colectivos, Acordos Colectivos de Traballo e Plans de Igualdade. Isto pode ser determinante á hora da adxudicación de contratos públicos.
- Mellora da xestión do talento. Tanto para atraer como para reter talento, os plans de igualdade son unha ferramenta de gran utilidade porque establecen políticas de conciliación, formación, desenvolvemento da carreira profesional… con medidas máis aló das establecidas na lexislación vixente e fai á empresa máis atractiva antes as súas persoas traballadoras.
- Diminúe os custos de persoal. Ben sexa a través da redución do absentismo laboral, ben a través da diminución de rotación das persoas traballadoras, xa que os plans de igualdade e as súas medidas xeran maiores posibilidades de promoción e formación, melloras retributivas e facilitan máis oportunidades para a conciliación entre a vida persoal, laboral e familiar.
- Impulsa a responsabilidade social corporativa da entidade. A través do plan de igualdade está a contribuírse a avanzar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en concreto no 5 Igualdade de Xénero e no 8 Traballo Decente.
- Mellora da imaxe corporativa da empresa. Tanto a nivel interno cos seus traballadores e traballadoras, como a nivel da súa clientela e da sociedade en xeral. Ademais pódeche axudar a lograr recoñecementos a través de postularse como empresa candidata á distintivo Igualdade na Empresa (convocado polo Instituto das Mulleres) ou á Certificación Galega de Excelencia en Igualdade da Xunta de Galicia.
Por último, non se pode pechar esta publicación sen comentar que existen unha serie de custos asociados á negociación e elaboración dun plan de igualdade. Por unha banda, custos de persoal derivados do tempo de dedicación das persoas das empresas para procura de datos, asistencia a reunións, deseño de medidas, execución, seguimento…; por outro, custos de contratación de persoal especializado para o asesoramento en materia de igualdade laboral e, por último, o custo das propias medidas deseñadas para realizarse no marco do plan.
Para facer fronte a estes gastos, a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca todos os anos subvenciones dirixidas a axudar cos custos de elaboración de plans de igualdade en pequenas empresas. Podes prestar atención á nosa páxina web para estar con información ao día destas convocatorias.