As empresas ante a Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da libertade sexual

O pasado 7 de outubro entrou en vigor a Lei Orgánica 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como a “Lei Só Si é Si”. Esta normativa introduce novos dereitos e obrigacións en materia laboral, que se analizan con detalle nesta primeira publicación do blogue de Igualdade Laboral da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

O obxectivo desta lei, como así o recolle o seu artigo 1.1, é “a garantía e protección integral do dereito á liberdade sexual e a erradicación de todas as violencias sexuais”. Ademais define as violencias sexuais (artigo 3.1.) “como calquera acto de natureza sexual non consentido ou que condicione o libre desenvolvemento da vida sexual en calquera ámbito público ou privado, incluíndo o ámbito dixital”.

Coa súa posta en marcha preténdese adoptar e poñer en práctica políticas efectivas, globais e coordinadas entre as distintas administracións públicas competentes, a nivel estatal e autonómico, que garantan a sensibilización, prevención, detección e a sanción das violencias sexuais. Como parte destas accións, a norma recolle a obrigación por parte das empresas de promover condicións de traballo que eviten a comisión de delitos e outras condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo, incidindo especialmente no acoso sexual e o acoso por razón de sexo.

 

 

Prevención e sensibilización

O primeiro punto que aborda a lei en relación ás empresas é a prevención e sensibilización (artigo 12). Nel recóllense as obrigacións ás empresas nesta materia que, en concreto, son:

  • A promoción de condicións de traballo que eviten a comisión de delitos e outras condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo, incidindo especialmente no acoso sexual e o acoso por razón de sexo.
  • A arbitraxe de procedementos específicos para a súa prevención e para dar leito ás denuncias ou reclamacións que poidan formular quen fose vítimas destas condutas, incluíndo especificamente as sufridas no ámbito dixital.
  • A promoción da sensibilización e a oferta de formación para a protección integral contra as violencias sexuais a todo o persoal ao seu servizo.
  • A inclusión, na valoración de riscos dos diferentes postos de traballo ocupados por traballadoras, da violencia sexual entre os riscos laborais concorrentes, debendo formar e informar diso.

 

A lei comenta que estas medidas deben ser negociadas coa representación legal das persoas traballadoras e de aplicación para todo o seu persoal, independentemente do tipo de contratación, de persoas bolseiras na empresa ou voluntariado que interveña nos seus proxectos. Outro aspecto para destacar é que se citan como exemplos de actuacións a emprender: a elaboración e difusión de códigos de boas prácticas, a realización de campañas informativas, protocolos de actuación ou accións de formación.

 

Centros de traballo seguros

Unha novidade que recolle a norma, en concreto no seu artigo 16.2, é a obrigación de integrar a perspectiva de xénero na organización dos espazos de traballo co fin de que resulten seguros e accesibles para todas as traballadoras. E isto, como se consegue? Pois analizando cunha nova mirada os nosos centros de traballo e o punto de partida é realizar un diagnóstico de partida que revise, entre outras cuestións, as infraestruturas: iluminación e boa visibilidade nos diferentes accesos, evitar espazos diáfanos exteriores para mellorar a seguridade, a tipoloxía dos medios de transporte empregados polas persoas traballadoras…

 

 

Empresas por unha sociedade libre de violencia de xénero

A lei establece un novo distintivo para as empresas que adecúen a súa estrutura e normas de funcionamento ao establecido nesta norma, que se coñece como Empresa por unha sociedade libre de violencia de xénero. Tamén se adianta que se elaborará un real decreto onde se recolla o procedemento e as condicións para a concesión, revisión periódica e retirada do distintivo, as facultades derivadas da súa obtención e as condicións de difusión institucional das empresas que o obteñan.

 

Outras novidades importantes

A lei orgánica recolle outras novidades como:

  • A modificación do Estatuto dos Traballadores co obxectivo de introducir diversos dereitos laborais para as vítimas de violencias sexuais, na liña do previsto na normativa actual para as vítimas de violencia de xénero.
  • A creación dun programa específico de emprego para as vítimas de violencias sexuais rexistradas como demandantes de emprego.
  • Contempla expresamente a responsabilidade penal da persoa xurídica no delito de acoso sexual.

 

Seguro que xa oíras falar desta lei, pero coñecías todas estas novas medidas que deben aplicar as empresas? Desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais queremos axudar ás organizacións galegas a adaptarse da mellor forma posible a todos estes cambios e esperamos que publicacións como estas axuden. Con este ánimo, iniciamos o 2023 con ganas de compartir contidos útiles e de calidade en materia de igualdade laboral.