A igualdade no marco da Axenda 2030

Alcanzar a igualdade de xénero é un dos principais obxectivos da Organización das Nacións Unidas (ONU) e así o demostra ao incluílo entre os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030. O ODS 5 fai referencia á igualdade de xénero para lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e as nenas. Dentro deste marco xeral analizamos cal é a importancia dos ODS e a súa influencia no contexto da igualdade laboral.

Axenda 2030 e 17 ODS

A Axenda 2030 ou a Axenda para o Desenvolvemento Sostible componse de 17 obxectivos e 169 metas para mellorar o mundo a nivel social, ambiental e económico ata o ano 2030. Esta axenda, nacida en 2015, é un plan de acción da ONU para lograr melloras entre os países do mundo. Dela destacouse que por primeira vez na historia se fixaron fitos a alcanzar por todos os grupos de interese que inflúen na sustentabilidade do planeta: gobernos dos diferentes países, sociedade civil e empresas. Ao mesmo tempo que os obxectivos e metas tratan temas transversais para a mellora como a saúde, a fame, a educación, a igualdade de xénero, a auga, a enerxía renovable, o crecemento económico, as comunidades sostibles, o clima, a paz nas institucións ou as alianzas, entre outros. Os ODS pódense agrupar en 5Ps: persoas (ODS do 1 ao 5), planeta (ODS 6, 12, 13, 14 e 15), prosperidade (ODS do 7 ao 11), paz (ODS 16)  e pactos ou partenariado (ODS 17).

Os 17 ODS da Axenda 2030 nacen na Asemblea das Nacións Unidas de 2015 co fin de lograr un futuro sostible e próspero para todas e todos. Son unha herdanza dos 8 Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) que tiñan como propósito o desenvolvemento de 21 metas para o ano 2015. Os Obxectivos do Milenio foron máis limitados que os ODS e centrábanse en temas como erradicar a fame no mundo ou lograr  o ensino primario universal. Aínda que é certo a igualdade de xénero xa estaba incluída como un dos aspectos fundamentais a mellorar no planeta, xa que incorporaban o ODM 3 Promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller.

ODS 5, igualdade de xénero e apoderamento da muller, ea igualdade laboral

O ODS 5 de igualdade de xénero e empoderamento da muller é fundamental para construír unha sociedade igualitaria, próspera e sostible. A pesar de que nos últimos anos lográronse avances na maioría dos países en materia de igualdade de xénero, aínda existen grandes dificultades en moitos deles: existencia de leis discriminatorias, menor acceso á educación das mulleres fronte aos homes, menor representación feminina nos órganos de poder político e empresarial etc. Ademais, a crise do COVID-19 non axudou a lograr o cumprimento do ODS 5, as desigualdades mantivéronse e mesmo se agravaron en cuestións como a violencia cara ás mulleres ou o acceso á educación.

O ODS 5 conta con cinco metas e tres submetas para alcanzarse no horizonte do 2030, entre as cales atopamos varias que teñen implicación no ámbito laboral:

  • Meta 5.1. Poñer fin a todas as formas de discriminación contra todas as mulleres e as nenas en todo o mundo.
  • Meta 5.2. Eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas nos ámbitos público e privado.
  • Meta 5.4. Recoñecer e valorar os coidados e o traballo doméstico non remunerados mediante servizos públicos, infraestruturas e políticas de protección social, e promovendo a responsabilidade compartida no fogar e a familia, segundo proceda en cada país.
  • Meta 5.5. Asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública.
  • Meta 5.6. Asegurar o acceso universal á saúde sexual e reprodutiva e os dereitos reprodutivos. Nesta meta destacan tres submetas que convidan as entidades e gobernos a establecer reformas, medidas e leis para a igualdade das mulleres en dereitos económicos, na tecnoloxía da información e de promoción da igualdade de xénero a todos os niveis.

Que poden facer as empresas galegas

As empresas de Galicia avanzaron moito en igualdade laboral nos últimos anos, en parte grazas á aplicación dos Plans de Igualdade que son obrigatorios para todas as empresas de máis de 50 persoas empregadas. Este feito supuxo que moitas entidades puxesen en marcha medidas e accións de igualdade laboral para poñer fin ás discriminacións laborais, asegurar a participación plena e os dereitos reprodutivos (metas 5.1., 5.5 e 5.6), como o estudo e a diminución da fenda salarial, a reorganización de postos de traballo, os procesos de selección igualitarios e non discriminatorios ou o respecto coa maternidade e a lactación.

Ademais, ampliouse a aplicación de protocolos de acoso nas entidades co obxectivo de eliminar calquera tipo de violencia cara á muller polo mero feito de selo (meta 5.2) e continúanse aplicando medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral co compromiso de lograr unha maior corresponsabilidade dos coidados e das tarefas asociadas tradicionalmente ás mulleres (meta 5.4).

Desde a dirección xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia continuamos animando ás entidades empresariais galegas para que sigan implementando medidas de igualdade laboral e de conciliación e corresponsabilidade co obxectivo de lograr a igualdade efectiva entre mulleres e homes.