Tal como subliña a resolución das Nacións Unidas, que instaurou o 25 de novembro como data para reflexionar, sensibilizar e expresar o rexeitamento máis profundo ante todo tipo de violencia contra a muller, esta constitúe un obstáculo para o logro da igualdade. Só coa implantación de medidas integrais que contribúan a previla e eliminala poderá erradicarse calquera discriminación contra a muller. Con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, é necesario tamén expor a súa abordaxe nas contornas laborais.
A conquista real da igualdade, do respecto á dignidade humana e da liberdade das persoas é un obxectivo prioritario das políticas públicas da Xunta de Galicia. Neste sentido, están a levarse a cabo, desde todas as administracións, actuacións transversais que inciden no avance da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a todos os niveis. Ademais, Galicia participa activamente na Estratexia Nacional contra a violencia de xénero, xa que a súa eliminación ten que ser froito dunha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación.
A violencia contra a muller é a expresión máis evidente das desigualdades nas relacións de poder entre mulleres e homes. A maior precariedade laboral, os obstáculos para acceder aos espazos masculinizados e o acoso sexual son algunhas das mostras máis frecuentes que se producen nas contornas laborais. Conseguíronse avances normativos: CEDAW (1979) ou o Convenio de Istambul no ámbito internacional, a Lei 1/2004 de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, a Lei 3/2007 para a Igualdade efectiva de Mulleres e Homes e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no ámbito nacional, e a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e a súa posterior modificación no ámbito autonómico. Con todo, hai que seguir a traballar para a completa erradicación da violencia que se exerce contra as mulleres a través da articulación de máis medidas, máis recursos e máis participación dos axentes sociais, tamén no ámbito laboral.
Medidas laborais no Pacto de Estado
A igualdade no emprego é unha peza fundamental para a loita contra a violencia de xénero. Non só permite previr situacións discriminatorias, senón tamén garantir a independencia económica das mulleres, proporcionándolles a autonomía necesaria para poder afastarse de situacións de violencia. O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero recolle 25 medidas directamente relacionadas co ámbito laboral e das empresas en cinco dos seus dez eixos:

- Eixo 1. A ruptura do silencio: sensibilización e prevención.
- Medidas que propoñen a participación en campañas institucionais contra a violencia de xénero e a elaboración dun selo identificativo para os servizos públicos e empresas privadas que apliquen políticas de RSC respecto da violencia de xénero.
- Eixo 2. Mellora da resposta institucional: coordinación. Traballo en rede.
- Medidas para a promoción de acordos internacionais e de propostas estatais para mellorar a situación laboral das vítimas de violencia de xénero.
- Eixo 3. Perfeccionamento da asistencia, axuda e protección das vítimas.
- Medidas que recollen propostas específicas para situacións laborais das vítimas de violencia de xénero.
- Eixo 5. Impulso da formación que garanta a mellor resposta asistencial.
- Medida para a promoción desde as AA.PP. e as organizacións empresariais dunha mellora na formación recibida polas persoas responsables de recursos humanos das empresas e representantes sindicais en materia de violencia de xénero.
- Eixo 8. Visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres.
- Medidas para a introdución de módulos transversais sobre violencia sexual e as súas tipoloxías nos contidos das accións formativas desenvolvidas por e para empresas privadas e AA.PP.
Acoso sexual e por razón de sexo no Pacto de Estado
O acoso sexual e por razón de sexo na contorna laboral é unha problemática que atenta contra dereitos fundamentais básicos da persoa. De conformidade co Convenio de Istambul, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero determina que tanto o acoso sexual como o acoso por razón de sexo son formas de violencia contra as mulleres e constitúen un risco laboral de natureza psicosocial. Isto implica, conforme ao previsto no artigo 14 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, que o empresariado é responsable de evitar que se produza na súa empresa, arbitrando todos os mecanismos preventivos necesarios e, de non logralo, asumirá, xunto coa persoa acosadora, as correspondentes responsabilidades (previstas na Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social) e unha posible responsabilidade indemnizadora.

Nos últimos anos, a crecente concienciación e sensibilización da sociedade tivo como resultado avances significativos no establecemento de medidas para previr e abordar o acoso sexual e o acoso por razón de sexo. Así, ademais da protección que outorgan as normas laborais, púxose o foco na articulación de vías prácticas e efectivas de prevención, protección e resposta contra este tipo de condutas no marco das propias empresas. De feito, establécese a obrigación de implantar medidas e protocolos para a prevención e tratamento dos delitos e conductas contra a libertade sexual e a integridade moral no traballo.
O papel das empresas
Parece unha tendencia habitual que as empresas consideren que a violencia de xénero é algo pertencente ao ámbito privado das persoas traballadoras e non deban emprender medidas para combatela. Nada máis lonxe da realidade. Existen unha serie de medidas que poden ser negociadas dentro dos plans de igualdade das organizacións ou implementadas voluntariamente como parte da súa responsabilidade social empresarial (RSE), que deben ser tidas en conta, como por exemplo:
- Implementar políticas de contratación a mulleres que sufriron violencia de xénero. Segundo o 8º Informe Un emprego contra a violencia da Fundación Adecco, o 95% das mulleres vítimas de violencia de xénero considera que o emprego é un aliado para superar esta situación.
- Mellorar os dereitos laborais das mulleres vítimas de violencia de xénero na súa entidade.
- Desenvolver programas formativos para a protección integral de todas as violencias sexuais.
- Realizar actuacións de sensibilización e concienciación, no marco do 25N ou durante todo o ano.
As empresas que asuman este compromiso, poderán optar, segundo o establecido na Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, ao distintivo de Empresas por unha sociedade libre de violencia de xénero.
Para sumarte a esta conmemoración, convidámoste a consultar as ideas sobre boas prácticas nas empresas para previr e abordar a violencia de xénero que propuxemos, con motivo do 25N, desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais.