A Xunta márcase como prioridade a prevención de riscos laborais da muller en sectores feminizados

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha xornada da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) sobre os riscos psicosociais, plans de igualdade, prevención do acoso e desconexión dixital

  • Remarcou o interese do Goberno galego por protexer a maternidade no ámbito laboral e por incorporar a perspectiva de xénero á ergonomía nos postos de traballo

  • Coa fundación Fundamar, a Consellería de Emprego e Igualdade elaborará un documento de recomendacións para mellorar as condicións das mulleres embarcadas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, salientou hoxe a aposta que a Xunta de Galicia está a realizar para protexer a saúde da muller e previr os riscos laborais, especialmente os psicosociais, no desempeño das súas tarefas. Nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) en Santiago de Compostela sobre Riscos psicosociais, plans de igualdade, protocolos de prevención de acoso e desconexión dixital, Mancha afirmou que os programas que a Xunta está a desenvolver este ano na materia diríxense como sectores prioritarios aos que contan cunha ampla presenza feminina.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participa na xornada da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) Riscos psicosociais, plans de igualdade e desconexión dixital.

A directora xeral incidiu en que o seu departamento está a facer fincapé “na protección á maternidade no ámbito laboral e na prevención de riscos entre os colectivos de persoal coidador de atención directa a persoas con dependencia e profesionais da voz”. Tamén no desenvolvemento do teletraballo en boas condicións e a favor da erradicación do sedentarismo no traballo para que as mulleres leven a cabo prácticas máis saudables.

Como novidade este ano, anunciou Elena Mancha, a Xunta promove campañas para que se incorpore a perspectiva de xénero á prevención de riscos laborais. Para acadalo diríxense as accións formativas ao tecido empresarial e á poboación traballadora por conta propia e allea.

“Cómpre incidir na xestión do risco durante o embarazo e a lactación e promover a saúde no teletraballo ou a análise ergonómica dos postos en chave feminina”, obxectivos aos que se dirixe a nova oferta formativa desenvolvida a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), apuntou a directora xeral.

Mancha lembrou que as administracións e o ámbito empresarial non poden apartar o foco da necesaria protección da saúde das mulleres traballadoras “centrándose na protección dos riscos psicosociais e na prevención da violencia laboral”.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais, dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, ten a dispor das persoas interesadas un documento con pautas para a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais coa finalidade de abordar as diferenzas entre homes e mulleres no mundo laboral e dar coñecer os criterios científico-técnicos para o control dos riscos.

Ademais a Consellería vén de realizar o primeiro estudo integral con enfoque de xénero para a prevención de riscos laborais e necesidades das mulleres embarcadas en buques pesqueiros, en colaboración coa Fundación para a pesca e o marisqueo (Fundamar). Das súas conclusións emanarán recomendacións para que a prevención sexa efectiva nestas contornas “coa finalidade de eliminar factores de desigualdade que fan máis vulnerable ao colectivo feminino”, afirmou Mancha.