-
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, interveu hoxe na xornada Os plans de igualdade nas empresas, beneficios e obrigas organizada pola Xunta e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO)
-
Incide en que as pequenas empresas están obrigadas a respectar a igualdade de trato e de oportunidades aínda que non teñan que contar por Lei cun Plan de Igualdade
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe en Ourense, na súa intervención na xornada Os plans de igualdade nas empresas, beneficios e obrigas, que as empresas con menos de 50 persoas traballadoras teñen importantes obrigas en materia de igualdade aínda que non estean obrigadas por Lei a contar cun Plan de Igualdade. “Hai obrigacións que afectan a todas as empresas con independencia do seu número de persoas traballadoras”, apuntou a directora xeral.
Na iniciativa, organizada pola Xunta e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), sinalou que as empresas, no ámbito laboral, e segundo o marca a Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, teñen que adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación no traballo. “Teñen a obriga de elaborar políticas internas en favor da igualdade laboral efectiva entre mulleres e homes con medidas que deberán negociar, e no seu caso acordar, cos representantes legais dos traballadores na forma que se determine na lexislación laboral”, explicou Mancha.
Entre outros, son de carácter obrigatorio para todas as compañías velar pola igualdade de remuneración por razón de sexo. “O empresario está obrigado a pagar pola prestación dun traballo de igual valor a mesma retribución, sen que poida producirse discriminación algunha por razón de sexo”, engadiu. Así mesmo, apuntou que o empresario está na obriga de levar un rexistro cos valores medios dos salarios, os complementos salariais e as percepcións extrasalariais do seu persoal, desagregados por sexo e distribuídos por grupos profesionais, categorías ou postos de traballo iguais ou de igual valor. Así, insistiu na súa intervención en que o artigo 28 do Estatuto dos Traballadores e o Real Decreto 902/2022 do 13 de outubro, si obriga ás empresas de menos de 50 persoas traballadoras a elaborar o rexistro retributivo.
Mancha, ademais, salientou que outras obrigas son a adopción de medidas específicas para previr o acoso sexual por razón de sexo no traballo e expuxo tamén que a Lei 3/2007 fomenta no seu articulado o papel da negociación colectiva na prevención e regulación de medidas para evitar calquera tipo de discriminación laboral.
Vantaxes dos plans de igualdade
A directora xeral, doutra banda, destacou na xornada as vantaxes de ter un Plan de Igualdade, unha obriga para as empresas de máis de 50 persoas traballadores, a excepción de que nas de menor tamaño se indique no convenio colectivo de aplicación ou no caso de que a elaboración do plan sexa imposta por unha autoridade laboral na aplicación dun procedemento sancionador.
En palabras de Mancha, as empresas que conten cun Plan de Igualdade, de xeito obrigatorio ou voluntario, reforzan o seu compromiso na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, ao tempo que se benefician de importantes vantaxes, xa que os plans melloran a produtividade, a imaxe e o ambiente laboral e reduce o absentismo. Así mesmo, e, para rematar, incidiu en que os plans incrementan a credibilidade da responsabilidade social, racionaliza os horarios e as compañías que os aplican teñen maiores oportunidades para seleccionar e reter persoas con talento. “A non discriminación na selección por parte das empresas representa unha oferta de traballo máis ampla e máis formada”, detallou.