A Xunta certifica a preto de 150 persoas a formación en prevención e tratamento do acoso sexual no traballo

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe no webinario Protocolo de prevención do acoso sexual desde unha perspectiva práctica, unha xornada organizada polo Colexio de Economistas de Lugo

  • O campus virtual en igualdade laboral impartiu ata o de agora catro edicións deste curso cunha duración de 10 horas cada sesión co reto de facilitar mecanismos para a identificación deste tipo de condutas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe no webinario Protocolo de prevención do acoso sexual desde unha perspectiva práctica, organizado polo Colexio de Economistas de Lugo, onde destacou a importancia da formación neste eido para previr e detectar posibles condutas nos centros de traballo. Neste senso, Mancha indicou que é importante e unha obriga que as empresas dispoñan dun protocolo contra o acoso sexual e recordou que a normativa laboral recolle sancións relacionadas co acoso sexual, por razón de orientación sexual ou de sexo, xa que explicou que “cando este tipo de casos se producen atácase á integridade das persoas traballadoras, a súa dignidade e intimidade”.

O campus virtual en igualdade laboral que a Xunta impulsa desde o pasado ano ofertou ata o de agora catro edicións do curso de formación en prevención e tratamento do acoso sexual no traballo. Así, preto de 150 persoas recibiron unha certificación pola participación nesta acción formativa de 10 horas de duración. A información sobre este curso pódese atopar a través da web www.aigualdadelaboral.gal.

A directora xeral apuntou que a Guía para a prevención e tratamento do acoso sexual e do acoso por razón de sexo nas pemes, que publicou o pasado ano a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, serviu de base para a formación que se está a impartir nesta materia no campus virtual. O documento está dispoñible tamén na web de igualdade laboral.

Segundo resaltou Mancha, o impulso deste tipo de formación é un obxectivo da Xunta porque promove o emprego de calidade, atendendo á diversidade e á igualdade. “Contribúe á mellora da competitividade do tecido empresarial e a impulsar unha Galicia máis sustentable coa responsabilidade social empresarial como elemento diferencial”, subliñou.

Para rematar, a directora xeral de Relacións Laborais salientou que o Goberno galego traballa para favorecer o emprego de calidade entre as galegas e os galegos. “Promover unhas mellores condicións laborais, unha maior capacitación dos traballadores e xerar a igualdade de oportunidades no mercado de laboral contribúe a promocionar a saúde, a seguridade e o benestar laboral nas empresas galegas”.