A Constitución Española recolle no seu artigo 14 que todos os españois e as españolas “son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”. Ademais, o artigo 9.2 do mesmo texto xurídico establece que “corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social”.
Moito se avanzou nos últimos 16 anos (desde a aprobación da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes (LOIEMH)) en materia de igualdade. Administracións Públicas de todos os ámbitos traballaron para impulsar políticas de igualdade en todos os niveis e áreas de actuación. Un dos mecanismos empregados no mainstreaming ou transversalidade de xénero, xa definido polo Consello de Europa en 1998 como “a (re)organización, mellora, desenvolvemento e avaliación dos procesos políticos para incorporar, por parte dos actores involucrados normalmente nos devanditos procesos, unha perspectiva de igualdade de xénero en todos os niveis e fases de todas as políticas”. Este mecanismo tamén ten o seu reflexo no artigo 15 da LOIEMH.
Para o desenvolvemento deste traballo, moitas Administracións Públicas crearon dentro da súa estrutura organizativa Unidades de Igualdade que adoitan ter como obxectivos o de impulsar, coordinar e implementar o proceso de integración da perspectiva de xénero na planificación, xestión, e avaliación das súas respectivas políticas.
Que son?
As Unidades de Igualdade son unidades funcionais dentro da estrutura organizativa das diferentes Administracións Públicas que desenvolven tarefas vinculadas a garantir o principio de igualdade entre mulleres e homes. As funcións que desenvolven cada unha delas están determinadas polos diferentes textos legais que as regulan. Así, por exemplo, as Unidades de Igualdade da Administración Xeral do Estado réxense polo Real Decreto 259/2019, do 12 de abril, polo que se regulan as Unidades de Igualdade da Administración Xeral do Estado que delimita no seu artigo 3.2 as súas funcións:
- Asesorar e propoñer, nos seus respectivos ámbitos, as actuacións ou iniciativas, incluídas as formativas, que favorezan a aplicación do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
- Asesorar e coordinar a elaboración, seguimento e avaliación dos Plans de Igualdade entre mulleres e homes da Administración Xeral do Estado nos seus respectivos departamentos ministeriais, así como participar na Comisión Técnica de Igualdade de Oportunidades e Trato de Mulleres e Homes da Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado e nos seus grupos de traballo.
- Elaborar os diagnósticos, propostas e informes que sexan necesarios e que deriven dos acordos adoptados pola Comisión Técnica de Igualdade, que fosen requiridos pola Dirección Xeral da Función Pública.
- Coordinar a recompilación de información para a elaboración, seguimento e avaliación dos plans directivos ou estratéxicos de igualdade no seu respectivo departamento ministerial.
- Solicitar a información sobre a implementación do protocolo fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo nos seus respectivos departamentos ministeriais, así como desenvolver as actuacións que se lles asignen no devandito protocolo.
- Realizar outras funcións de asesoramento, informe e seguimento que lle sexan asignadas en relación co principio de igualdade de trato e de oportunidades en xeral.
- Realizar un informe anual sobre as políticas públicas de igualdade levadas a cabo polo seu departamento ministerial e así como sobre as actuacións desenvolvidas pola Unidade.
Unidade Administrativa de Igualdade da Xunta de Galicia
A Unidade Administrativa de Igualdade da Xunta de Galicia, da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade é unha das que máis interesa coñecer ás empresas. A Unidade ten a categoría de servizo e está dotada de persoal funcionario ou laboral con experiencia e formación acreditadas en materia de igualdade entre mulleres e homes. Ten como funcións as recollidas no artigo 39 do Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e, en concreto, resultan interesantes desde a perspectiva das empresas:
- Propoñer as medidas necesarias para garantir a efectividade do principio de igualdade entre mulleres e homes no ámbito laboral, tanto público como privado, de Galicia, en especial respecto á igualdade de retribucións salariais e extrasalariales.
- Asesorar en materia laboral ás empresas para a implantación, aplicación, control e mellora de plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e propoñer o regulamento onde se establezan os baremos para a concesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, así como tramitar os expedientes para a súa concesión.
- Revisar os convenios colectivos desde a perspectiva de xénero, e no caso de que se detecte unha cláusula discriminatoria comunicarase á Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva.
- Organizar, de maneira coordinada coa Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva, e en coordinación co órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade, actividades de formación en igualdade por razón de xénero dirixidas a empresas, organizacións empresariais, representacións unitarias de traballadores e traballadoras e organizacións sindicais.
- Elaborar, en coordinación co órgano superior da administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade, guías e manuais de difusión sobre igualdade de oportunidades no ámbito laboral entre mulleres e homes.
A Unidade Administrativa de Igualdade segundo o DECRETO 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade depende orgánicamente da Dirección Xeral de Relacións Laborais. Ten a súa sede física no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San Lázaro (Santiago de Compostela) e pódese contactar con ela nos teléfonos 881 997 256 / 881 997 380 / 881 997 387 e no correo electrónico igualdade.emprego@xunta.gal.