E é que estamos fronte a unha profesión en continuo crecemento. Os técnicos e técnicas ou axentes de igualdade poden desenvolver o seu traballo dentro de institucións públicas a todos os niveis: local, provincial, autonómica e estatal. Tamén a empresa privada demanda cada vez máis estes perfís, normalmente vinculados aos seus departamentos de xestión de persoas. Mesmo, as máis grandes, poden ter un departamento propio de igualdade. E, por suposto, podes atopar a estes profesionais en universidades e centros de formación, organizacións sindicais, asociacións, Ong, medios de comunicación… 

Necesitas contratar para a túa empresa unha persoa para desenvolver tarefas técnicas de igualdade? Queres revisar a relación de postos de traballo na túa administración pública para introducir a figura dun/a axente de igualdade? Estás a buscar a un profesional para  impulsar o progreso e a expansión da igualdade de oportunidades e de xénero? Nesta publicación dámosche unha serie de recomendacións sobre o perfil que podes buscar para atopar a estas persoas.

Que formación básica se busca?

En primeiro lugar, hai que comentar que para exercer estas tarefas non existe unha formación regrada específica a nivel nacional. Con todo, adóitanse suxerir titulacións universitarias (grao ou  licenciatura) vinculadas coas Ciencias Sociais (xestión de recursos humanos, socioloxía, psicoloxía, etc.).

En Galicia, pola contra, si que existe este tipo de formación regrada. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicou en 2018 o DECRETO 80/2018, do 21 de xuño, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en Promoción de Igualdade de Xénero, (DOG do 13 de agosto). Esta formación segundo recóllese no Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, habilítache nunha titulación que supón a acreditación do nivel superior de competencia establecida pola Xunta de Galicia.

As persoas que queiran cursar este ciclo para ser técnicos ou técnicas superiores de igualdade poden consultar na páxina web de FP as características do ciclo e os centros públicos en que se oferta.

Formación complementaria

Aquí xa si podemos atopar moita máis oferta a todos os niveis. A Federación Estatal de Asociacións de Profesionais de Axentes de Igualdade de Oportunidades (FEPAIO) considera que a formación mínima en igualdade para traballar como técnico/a ou axente de igualdade debe ser superior a 250 horas.

A nivel universitario, moitos campus ao longo de toda a xeografía española ofertan estudos en materia de igualdade. Cabe destacar, polo seu formato a distancia e o seu formato de módulos formativos, o programa de Axentes de Igualdade: Políticas, Plans, Programas e Intervencións da UNED/UNED-Universidade Nacional a Distancia.

En Galicia, atopámonos con oferta variada en canto a títulos universitarios. Por unha banda, a Universidade de Santiago de Compostela en formato presencial, ofrece o Máster Universitario en Igualdade, Xénero e Educación. A Universidade de Vigo, a través da súa Unidade de Igualdade, promove un itinerario formativo de 18 cursos de duración variable entre 15 e 50 horas para realizar a distancia.

En ámbitos máis afastados da academia, atopámonos con cursos completos na Escola Virtual de Igualdade promovida polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade. 

En Galicia, a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia promove un programa formativo centrado en igualdade laboral onde xa participaron máis de 3.000 persoas. Neste último trimestre do ano, ofertaranse novas formacións na materia. Recomendámosche que sigas atenta ás nosas canles de comunicación, xa que cando se ofrezan as prazas informaremos diso na nosa web e redes sociais. 

Que outros requisitos podemos buscar?

En primeiro lugar, podemos solicitar que as persoas teñan experiencia laboral desenvolvendo tarefas vinculadas ás funcións do técnico/a ou axente de igualdade. Para iso poden traballar realizando funcións de (Marisa Román, 2009 no Manual de Axentes de Igualdade): 

  • Analizar a situación de igualdade, detectando posibles situacións de discriminación como, por exemplo, no diagnóstico dun Plan de Igualdade.
  • Asesorar sobre as medidas de acción positiva máis adecuadas en función das características das persoas ou organizacións destinatarias.
  • Deseñar, coordinar e implementar programas de actuación que promovan a igualdade de oportunidades.
  • Promover campañas e accións de sensibilización respecto a igualdade de xénero e oportunidades.
  • Actuar como mediadores/as ou peritos (sempre que se conte coa formación especializada) en asuntos relativos á discriminación por sexo/xénero. 
  • Coordinar organismos ou servizos de asistencia ou atención ás mulleres.
  • Desenvolver formación, animación ou sensibilización en canto á igualdade de xénero.

Todos estas funcións, ademais de poder explicarse na fase de entrevista de selección de persoas, poden ser certificadas a través dun documento asinado pola persoa responsable nos seus anteriores postos de traballo.

Resulta de interese comentar que é conveniente que esta persoa, ademais de falar e escribir correctamente en galego (sobre todo se vai traballar nunha administración pública, é necesario un Nivel Celga 4) e o castelán, é conveniente que teña un nivel alto de inglés que lle permita comprender textos técnicos e estudos sobre igualdade de xénero, xa que moitos deles están elaborados nesta lingua.

Tamén resulta interesante que este/a profesional sexa un/a usuario/a avanzado en software de procesadores de texto e navegadores de páxinas web, xa que é moi probable que teña que xestionar documentación e compartila con outros/ as profesionais.

 Esperamos que estas pinceladas che axuden a perfilar o posto de traballo que vas promover na túa entidade, ou a enfocar a túa carreira laboral en caso de estar interesado/a en traballar en igualdade de oportunidades.

Categorías

Actualidade Conciliación Emprego Igualdade Plan de igualdade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
A Xunta avoga pola formación en igualdade laboral para concienciar e dar a coñecer as vantaxes dos modelos produtivos sen discriminacións por xénero
22 Outubro 2021
A directora xeral de Relacións Laborais,...
SEGUIR LENDO >
A Xunta estrea con máis de 800 usuarios o campus virtual en igualdade laboral e presenta unha nova guía para previr e tratar o acoso sexual nas pemes
20 Outubro 2021
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús...
SEGUIR LENDO >
A Xunta reivindica un rural moderno e innovador en igualdade no que se recoñeza o talento e o liderado da muller para construír unha Galicia mellor
16 Outubro 2021
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús...
SEGUIR LENDO >
A Xunta promove a incorporación da perspectiva de xénero nos ámbitos da prevención e a saúde laboral
15 Outubro 2021
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.