Sensibilización en igualdade nas organizacións: folletos informativos

Desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia puxemos en marcha un proxecto de sensibilización en igualdade para as organizacións, poñendo a disposición xeral unha serie de folletos informativos das principais cuestións relativas á igualdade laboral.  Somos conscientes da necesidade de información que suscitan algúns temas concretos neste ámbito, como a negociación colectiva en materia de igualdade laboral, con este fin creáronse estas ferramentas de sensibilización e difusión.

 Convidámoslles a participar e a continuar coa lectura para ampliar información sobre esta campaña de sensibilización que se pode poñer en marcha nas entidades galegas.

 Como difundir a campaña na miña entidade?

Se es a persoa encargada da xestión das persoas na túa entidade, traballas na área da igualdade laboral, nalgunha comisión de igualdade ou, simplemente, es unha persoa preocupada por facer da túa organización un espazo con menores desigualdades entre homes e mulleres, podes poñer en marcha a divulgación dos folletos informativos. Podes crear un correo electrónico para as persoas da túa organización co envío dos folletos, imprimilos e deixalos na entrada das túas instalacións, crear unhas xornadas de sensibilización interna e entregar o material, etc. As posibilidades son moi amplas!

Os folletos están ao dispor de toda a cidadanía na páxina web de aigualdadelaboral.gal, no apartado de recursos. Neste apartado da web atoparás os seguintes materiais: 

A continuación destes materiais descargables atópanse os oito folletos informativos sobre igualdade laboral na empresa e que detallamos nos seguintes apartados. 

Folleto 1: A igualdade nas empresas

Todas as empresas están obrigadas por lei a respectar a igualdade de trato e de oportunidades e a adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes. 

Neste primeiro folleto sentan as bases da igualdade laboral e atoparás unha listaxe para comprobar se a túa empresa traballa en favor da igualdade. 

Folleto 2: Os plans de igualdade

Os plans de igualdade son medidas fundamentais para garantir que se traballa a favor da desigualdade con base na estratexia e planificación. Ademais, para todas as empresas de máis de 50 persoas traballadoras é obrigado por lei negociar elaborar, implantar e rexistrar o seu plan de igualdade.

No segundo folleto da campaña de sensibilización trátase sobre que é un plan de igualdade, as áreas de actuación sobre as que se analizan e propoñen solucións e a importancia das persoas dentro do proceso do plan e da igualdade.

Folleto 3: Medidas de igualdade para todas as empresas

Todas as empresas, independentemente do seu tamaño, están obrigadas a aplicar medidas de igualdade entre mulleres e homes na súa xestión para contribuír a unha sociedade máis xusta.

No folleto 3 trátanse algunhas das medidas que toda empresa debe poñer en marcha para eliminar a desigualdade e a importancia dos plans de igualdade, mesmo nas empresas de menos de 50 persoas traballadoras.

Folleto 4: Acoso sexual e acoso por razón de sexo

Independentemente do tamaño das empresas, todas están obrigadas a poñer en marcha medidas de prevención do acoso sexual e por razón de sexo e informar ao seu persoal da súa existencia. É por iso, que no folleto 4, defínese que é o acoso sexual (e dúas das súas manifestacións, chantaxe sexual e acoso ambiental) e o acoso por razón de sexo. Ademais, detállanse exemplos deles e formas de previlos nas entidades. 

Folleto 5: Conciliación e corresponsabilidade

Para lograr unha verdadeira igualdade laboral un dos mecanismos que existen nas organizacións é o fomento da conciliación para favorecer a corresponsabilidade cando existan tarefas da conciliación familiar. Estas medidas de conciliación deben ser aplicables a homes e mulleres. No folleto 5 debúllanse estes conceptos, as medidas e as categorías nas que se agrupan.

Folleto 6: Igualdade retributiva

Outro dos conceptos básicos dentro da igualdade laboral é o da igualdade retributiva, fundamental para combater a brecha salarial de xénero. No folleto 6 detállanse estes conceptos ademais do Rexistro Retributivo ou a auditoría retributiva e ferramentas e formas de medilos. 

Folleto 7: Discriminación por razón de sexo no ámbito laboral

A discriminación por razón de sexo fai referencia ao trato de inferioridade dado a unha persoa ou grupo de persoas por motivos do seu sexo. Existe a discriminación directa e indirecta e coñecer estes conceptos e manterse alerta nas entidades é fundamental para poder previr situacións discriminatorias. No folleto 7 atoparás toda esta información. 

Folleto 8: Igualdade na negociación colectiva

É importante ter en conta a igualdade na negociación colectiva porque é onde se regulan as relacións laborais nos espazos de traballo, adáptanse as leis ás realidades profesionais e compénsanse ás persoas traballadoras fronte á posición de maior poder das empresas. No último folleto da serie, poderás profundar na igualdade na negociación colectiva e no poder das persoas. 

Este material de sensibilización que a Xunta de Galicia pon ao dispor das entidades galegas foi apoiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social.