A seguridade e saúde no traballo (SST) é unha disciplina das relacións laborais que se enfoca na prevención e promoción dunha contorna de traballo saudable e segura. O seu obxectivo principal é protexer a integridade física, mental e social das persoas traballadoras, asegurando que as condicións laborais non representen un risco para o seu benestar. Cando se empezou a lexislar internacionalmente neste ámbito, aplicando perspectiva de xénero, fíxose atendendo á saúde laboral biolóxica, centrada no embarazo e a maternidade, sen ter en conta outros aspectos dos riscos laborais. A día de hoxe este enfoque ampliouse e a lexislación contempla riscos que afectan á seguridade e a saúde de forma directa e indirecta, como son o acoso por razón de sexo e acoso sexual, e a súa prevención, dentro dos denominados riscos psicosociais.
A perspectiva de xénero na seguridade e saúde laboral implica recoñecer que existen riscos específicos e condicións laborais que impactan de maneira distinta segundo o xénero, ademais de deseñar e implementar políticas que promovan a equidade e protexan de maneira efectiva a todas as persoas. Desde a exposición a substancias tóxicas ata o manexo do estrés e a carga física do traballo, cada un destes aspectos pode ter un impacto diferenciado e require unha atención particularizada.
Algúns riscos específicos das mulleres no traballo
As medidas preventivas lexisladas refírense tradicionalmente á capacidade reprodutiva ou os aspectos máis biolóxicos, pero non se reflicten aspectos vinculados a elementos externos ao traballo e que se relacionan con el. Tampouco se ten en conta o dobre rol ou traballo fóra e dentro do ámbito doméstico. A pesar diso, hai riscos específicos das mulleres traballadoras que se deben ter en conta, en base á ferramenta de traballo nº 10: Saúde e riscos laborais con perspectiva de xénero do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Os riscos específicos que polo menos se han de ter en conta son:
- Dentro dos riscos psicosociais, atópase o acoso laboral, o sexual e por razón de sexo. Estes riscos afectan principalmente á saúde mental, en forma de estrés, depresión, ansiedade, violencia no traballo… e son máis frecuentes en sectores da actividade económica máis feminizados.
- Dobres xornadas ou dobre presenza, en relación ao traballo remunerado e ao que realizan as mulleres nos fogares. Cada vez máis esta dobre vertente tense en conta e adoptar medidas de conciliación e sensibilización poden servir como elementos de prevención.
- Existen riscos específicos que deben ser atendidos de maneira individual ligados a actividades feminizadas como no téxtil e a confección, os servizos, o ensino, a hostalería e o comercio, a sanidade e o ámbito agroalimentario.
- Riscos derivados doutros factores de discriminación como son os salarios máis baixos, menor participación na toma de decisións, precariedade laboral (factor de risco psicosocial), etc. Todos eles propios da discriminación por razón de sexo.
Ademais, poderiamos engadir outros como os riscos de violencia de xénero na contorna laboral, os riscos ergonómicos e os riscos á exposición a axentes físicos, químicos e biolóxicos.
Medidas a implantar para garantizar unha saúde e seguridade con perspectiva de xénero
Unha vez coñecido o foco no que se debe prestar máis atención é necesario que as entidades poidan implantar medidas para garantir a saúde e a seguridade atendendo a criterios de xénero. Para iso é fundamental aplicar un enfoque transversal para implementar medidas preventivas e actuacións que sexan eficientes e eficaces. Na guía 10 porqués para unha saúde e unha seguridade laboral con perspectiva de xénero da Generalitat de Cataluña contémplase un decálogo para unha saúde e seguridade laboral con perspectiva de xénero. En base a el destacamos algunhas medidas para implantar:
- Aplicar a perspectiva de xénero no ámbito da seguridade e a saúde no traballo.
- Ser conscientes de que as mulleres traballadoras, polos efectos da dobre carga de traballo e as peores condicións laborais, fan que o seu estado de saúde sexa peor que o dos homes nas mesmas condicións.
- Impulsar estudos e investigacións específicas para mellorar a detección e identificación de enfermidades laborais.
- Redeseñar os postos de traballo a cada persoa e realizar unha correcta organización das tarefas, dado que existen moitos factores de risco ergonómico.
- Aplicar medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e corresponsabilidade para reducir os riscos psicosociais e asegurar a motivación e a produtividade no traballo.
- As medidas preventivas non deben centrarse exclusivamente nos accidentes de traballo, senón que deben ir dirixidas a reducir a exposición aos diferentes tipos de factores de risco.
- Existen dúas ferramentas básicas que deben estar aliñadas e coordinadas: o Plan de Prevención de Riscos Laborais e o Plan de Igualdade.
Ampliar a mirada da perspectiva de xénero e aplicala a todos os ámbitos das entidades é unha cuestión fundamental a implementar. Tamén dentro da área da prevención e a saúde hai que ter en conta o enfoque da igualdade entre mulleres e homes. En concreto, dentro das accións que desenvolve a Xunta de Galicia co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) atópanse charlas sobre sensibilización na materia, entre elas, en sectores máis masculinizados nos que aplicar a perspectiva de xénero é igualmente necesario ou na abordaxe interdisciplinar dos cursos do Campus En liña de Igualdade Laboral.