Resumo do estudo: situación laboral do colectivo LGTBI en Galicia

Recentemente a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia publicou o estudo pioneiro A diversidade na contorna laboral: estudo sobre a situación laboral das persoas LGTBI en Galicia. Este primeiro estudo exploratorio naceu co fin de ser unha aproximación á realidade laboral das persoas LGTBI que viven en Galicia e con el cúmprese o art.12.3. da Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.

A continuación, desagregamos un resumo do estudo exploratorio sobre a situación laboral das persoas LGTBI en Galicia.

Estrutura e metodoloxía do estudo

O estudo A diversidade na contorna laboral: estudo sobre a situación laboral das persoas LGTBI en Galicia comeza cunha introdución sobre a importancia da diversidade na empresa, unha análise lexislativa sobre as principais normas en torno ao colectivo LGTBI e a situación social actual. A continuación, explícase a metodoloxía participativa que se seguiu co fin de recoller os intereses das distintas partes implicadas.

Como terceiro e cuarto punto da estrutura diferéncianse as áreas de: as persoas LGTBI e o mercado de traballo (cunha aproximación cualitativa e cuantitativa) e a perspectiva das empresas (tanto a perspectiva sobre a situación do colectivo con respecto á situación laboral, como a necesidade de acción e medidas de mellora). O estudo continúa con dous apartados de conclusións e propostas concretas de actuación.

Os axentes involucrados foron:

  • Representantes de asociacións que traballan na defensa dos dereitos das persoas LGTBI.
  • Os sindicatos máis representativos.
  • Representantes de asociacións empresariais.

Nos tres casos centráronse en entidades de Galicia. A análise está focalizado na investigación das contornas laborais das persoas do colectivo LGTBI, principalmente en espazos de traballo privado, pero tamén se ha incluído ao sector público e ao emprendemento. Ademais, contemplouse que as persoas estivesen en situación de desemprego.

O proceso metodolóxico seguido foi a través da revisión bibliográfica, entrevistas grupais, análise cuantitativa a modo de dúas enquisas diferenciadas por públicos e estudos de caso. Ademais, consultouse á Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia.

Conclusións do estudo

Tras a análise da información recompilada conclúese que hai dous momentos críticos nos que as persoas do colectivo LGTBI poden ser máis vulnerables polas situacións de discriminación e LGTBIfobia. Os momentos máis complicados son os seguintes:

  • Procesos de acceso ao emprego e selección do persoal na empresa. “As asociacións LGTBI e os sindicatos que participaron no estudo insisten na necesidade de derrubar a barreira que supón a invisibilización do colectivo. Así, un 53 % das persoas participantes omitiu datos persoais no seu CV, o 61 % ocultou a súa orientación sexual/identidade de xénero na entrevista de traballo e o 47 % cambiou a súa forma de comportarse e/o vestir na entrevista de traballo“ tal e como indica o estudo na súa área de conclusións.
  • Unha vez dentro das entidades, o clima laboral que hai nas organizacións é outro dos puntos para ter en conta como aspectos de maior vulnerabilidade. O clima laboral ou organizacional pódese definir como o medio, físico e humano, no que transcorre a actividade laboral, isto inclúe a forma de relacionarse das persoas traballadoras e a satisfacción das mesmas. O estudo exploratorio indica que “para lograr a inclusión real do colectivo nas contornas laborais, é necesario repensar a cultura organizacional e adaptala ás realidades diversas”.

Ademais, o traballo demostra a necesidade de profundar máis na interseccionalidade e en que non todas as persoas do colectivo sofren o mesmo tipo de opresión nin na mesma medida.

Medidas encamiñadas na mellora do colectivo no ámbito laboral

As medidas de actuación que se expoñen no estudo exploratorio A diversidade na contorna laboral: estudo sobre a situación laboral das persoas LGTBI en Galicia desagréganse nas seguintes áreas de actuación:

  • Medidas de comunicación e sensibilización nas empresas e entidades contratantes.
  • Medidas de formación para os diferentes axentes do mercado laboral.
  • Medidas específicas e concretas para as empresas e as administracións públicas: ferramentas propias como unha canle de denuncias, convenios e guías.

Entre estas medidas expostas para reverter os aspectos críticos da discriminación do colectivo LGTBI atópase realizar campaña de sensibilización nas empresas sobre a diversidade, centrándose en datas relevantes do calendario. Ademais, fíxase como obxectivo, para toda a cidadanía, a creación dunha web para divulgar recursos e unha campaña de sensibilización sobre referentes LGTBI no mundo laboral.

Tamén, se inclúen programas formativos específicos sobre a xestión da diversidade en todos os momentos da relación laboral, á vez que se expoñen contidos de xestión da diversidade na formación para o emprego da Xunta.

O estudo conclúe cunha área de anexo no que se recolle un glosario de termos elaborado en base ás recomendacións de varios documentos das seguintes entidades: Rainbow Project e Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.