A igualdade entre mulleres e homes é un dereito fundamental recoñecido a nivel internacional. No noso país, a Constitución Española recolle no seu Título I sobre dereitos e deberes fundamentais, que a igualdade é un dereito de todas as persoas españolas (artigo 14). Ademais, sinala que corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas (artigo 9.2).
No marco das súas competencias, o poder lexislativo regulou a través de diferentes leis (por exemplo, a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes), reais decretos e outras normas a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no emprego, regulando as obrigacións que as empresas teñen nesta materia. Pero quedaba pendente dar resposta ao que as propias Administracións Públicas poderían facer en calidade de empregadoras e responsables da execución das políticas públicas. E é que segundo os datos do Boletín Estatístico do Persoal ao Servizo das Administracións Públicas (xuño 2023), en España hai 2.967.578 persoas empregadas públicas, un 62% correspondentes ao sector público das diferentes comunidades autónomas, un 20% no sector público local e un 18% na sector público estatal.
Regulación aplicable ás administracións públicas
A través da disposición final vixésima cuarta da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023, modifícase o Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, dando unha nova redacción á súa disposición adicional sétima, sobre os plans de igualdade nas administracións públicas.
A norma recoñece as seguintes obrigacións:
- As Administracións Públicas están obrigadas a respectar a igualdade de trato e de oportunidades no ámbito laboral e, con esta finalidade, deberán adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes. Así pois, ponse o foco no deseño de actuacións dirixidas a conseguir unha igualdade efectiva no ámbito do emprego público.
- As Administracións Públicas aprobarán, ao comezo de cada lexislatura, un Plan para a Igualdade entre mulleres e homes para os seus respectivos ámbitos, a desenvolver no convenio colectivo ou acordo de condicións de traballo do persoal funcionario que sexa aplicable, nos termos previstos no mesmo. Así pois, por norma xeral, cada catro anos será necesario realizar un plan de igualdade para cada administración pública, xa sexa nacional, rexional ou local. Esta é unha novidade importante porque o EBEP xa regulaba a necesidade de realizar os plans de igualdade antes, pero sen especificar a periodicidade.
- O Plan de igualdade establecerá os obxectivos para alcanzar en materia de promoción da igualdade de trato e oportunidades no emprego público, así como as estratexias ou medidas a adoptar para a súa consecución. Ademais, será obxecto de negociación, e no seu caso acordo, coa representación legal dos empregados públicos na forma que se determine na lexislación sobre negociación colectiva na Administración Pública e o seu cumprimento será avaliado con carácter anual.
Por último, esta modificación lexislativa recolle tamén a creación do Rexistro de Plans de Igualdade para administracións públicas, que foi creado a través da Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría de Estado de Función Pública, pola que se crea o Rexistro de plans de igualdade das Administracións Públicas e os seus protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo.
Rexistro de plans de igualdade para as administracións públicas
Este rexistro conterá información relativa a:
- Os Plans de Igualdade das Administracións Públicas (estatal, autonómica e local), así como daqueles organismos públicos que teñan a consideración de Administración Pública ou que estean integrados na mesma e teñan un plan de igualdade propio.
- Os Protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo do mesmo ámbito.
Para rexistrar esta documentación, as diferentes administracións públicas deberán remitir a documentación correspondente xunto cos anexos 1 e 2, da Resolución do 13 de xullo de 2023, da Secretaría de Estado de Función Pública, pola que se modifica a do 16 de marzo de 2023, pola que se crea o Rexistro de plans de igualdade das Administracións Públicas e os seus protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, correctamente cubertos.
Toda esta información estará ao alcance da cidadanía na sección de igualdade da páxina web da Dirección Xeral da Función Pública e no punto único de acceso xeral con información de interese sobre a Administración Xeral do Estado. Na actualidade estes contidos están a desenvolverse.
Con todo este novo desenvolvemento normativo, as administracións públicas seguen un proceso similar ás entidades privadas, e contribuirán, a través das actividades programadas nos seus plans de igualdade, á consecución de obxectivos vinculados a redución da fenda salarial, fomento da conciliación e a corresponsabilidade, eliminación de todo tipo de violencias contra a muller, etc.