Cada vez estamos máis afeitos escoitar falar de conciliación nas empresas, sobre a necesidade de compatibilizar o traballo remunerado co traballo doméstico e as responsabilidades familiares. Con todo, é preciso aclarar que tamén ten que estar relacionada coa dispoñibilidade de tempo para o desenvolvemento persoal de cada persoa. Por iso, cada vez máis empresas impulsan medidas para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
En ocasións, estas actuacións son impulsadas de forma voluntaria polas organizacións e, noutras, veñen derivadas dos avances lexislativos desenvolvidos polas diferentes administracións públicas ou por negociacións nos diferentes convenios colectivos. Hoxe, analizaremos os novos dereitos laborais en materia de conciliación recollidos no Real Decreto Lei 5/2003, do 28 de xuño, que entre outras cuestións transpón Directivas da Unión Europea en materia de conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e os coidadores.
Principais novidades do Real Decreto Lei 5/2023
No Libro II desta norma recóllense as principais novidades derivadas da transposición da Directiva (UE) 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e os coidadores, e pola que se derroga a Directiva 2010/18/UE do Consello, que inclúen modificacións en diversas normativas, entre as que destacan o Estatuto dos Traballadores e o Estatuto Básico do Empregado Público.
Revisando as novidades recollidas no Estatuto dos Traballadores (ET), pódese destacar:
- O dereito a non ser discriminado/a por o exercicio dos dereitos de conciliación. O artigo 4.2 do ET modifícase para incluír expresamente o dereito da persoa traballadora a non ser discriminada por razón de sexo, incluído o trato desfavorable dispensado a mulleres ou homes polo exercicio dos dereitos de conciliación ou corresponsabilidade da vida familiar e laboral.
- O permiso parental. Introdúcese un novo artigo 48 bis no ET que prevé que as persoas traballadoras terán dereito a un permiso parental para o coidado de fillo/a ou menor acollido/a por tempo superior a un ano, ata o momento en que o menor cumpra oito anos. Este permiso, que terá unha duración non superior a oito semanas, continuas ou discontinuas, poderá gozarse a tempo completo ou en réxime de xornada a tempo parcial conforme ao establecido regulamentariamente.
Ademais, amplía o dereito para solicitar adaptación de xornada ás persoas traballadoras que teñan necesidades de coidado respecto dos fillos/as maiores de doce anos (artigo 34.8 ET). Ademais inclúe que podes adaptar a xornadas se tes responsabilidades de coidado respecto a:
- Cónxuxe ou parella de feito.
- Familiares por consanguinidade ata o segundo grao.
- Outras persoas dependentes que convivan no mesmo domicilio.
- Esta adaptación é tanto en relación coa duración (redución de xornada) como na súa distribución (tempo e forma de prestación, incluída a posibilidade do teletraballo).
Esta adaptación é tanto en relación coa duración (redución de jornada) como na súa distribución (tempo e forma de prestación, incluida a posibilidade do teletraballo).
Outras cuestións do Real Decreto Lei 5/2023
O RD-lei 5/2023 tamén inclúe novos permisos retribuídos recollidos no artigo 37 do ET:
- Permiso retribuído de 15 días naturais en caso de rexistro de parella de feito.
- Permiso retribuído de 5 días por accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito ou parentes ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, incluído o familiar consanguíneo da parella de feito, así como de calquera outra persoa distinta das anteriores, que conviva coa persoa traballadora no mesmo domicilio e que requira o coidado efectivo daquela.
- Amplíase o permiso retribuído de 2 días polo falecemento do cónxuxe, ou parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade ás parellas de feito. Cando por tal motivo a persoa traballadora necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo ampliarase en dous días.
Ademais, tamén se recolle expresamente que as persoas traballadoras terán dereito a ausentarse do traballo por causa de forza maior cando sexa necesario por motivos familiares urxentes relacionados con familiares ou persoas conviventes, en caso de enfermidade ou accidente que fagan indispensable a súa presenza inmediata. As persoas traballadoras terán dereito a que sexan retribuídas as horas de ausencia por estas causas ata un máximo de catro días ao ano, conforme ao establecido en convenio colectivo ou, na súa falta, en acordo entre a empresa e a representación legal das persoas traballadoras. Para tal goce os e as traballadoras deberán achegar acreditación do motivo de ausencia.
Naquelas circunstancias concretas de que nunha mesma entidade coincidan os dous proxenitores que gozan de permisos de lactación, redución de xornada ou excedencia por coidado de fillos, a organización poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns fundadas e obxectivas de funcionamento da mesma.
Por último, é importante sinalar que a norma introduce novas causas de nulidade de despedimentos. En concreto, será causa de despedimento nulo:
- O gozar do permiso parental.
- A solicitude do permiso retribuído por accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito ou parentes ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, incluído o familiar consanguíneo da parella de feito, así como de calquera outra persoa distinta das anteriores, que conviva coa persoa traballadora no mesmo domicilio e que requira o coidado efectivo desta.
- A solicitude ou o goce dunha adaptación de xornada.
Con esta publicación, desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, animamos a todas as organizacións a difundir entre o seu persoal o conxunto ampliado de dereitos de conciliación, para asegurarse de que os coñecen e que poden gozalos en caso de necesitalos, mostrando así o seu compromiso real coa conciliación da vida persoal, familiar e laboral.