Novidades en materia de igualdade laboral

Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico das últimas semanas. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización, etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.

Nivel autonómico

POLÍTICAS PÚBLICAS

A Xunta distinguirá o traballo das empresas en materia de responsabilidade social e conciliación cos Premios de Responsabilidade Social de Galicia 2022, cos que quere recoñecer as boas prácticas do tecido empresarial en materia laboral, ambiental e social, así como de fomento da conciliación e a corresponsabilidade. As candidaturas poderán presentarse ata o próximo 4 de decembro e poden participar tanto empresas públicas como privadas con domicilio social ou centros de traballo na comunidade galega.

Na concesión dos galardóns en materia laboral, priorizaranse medidas como a creación de emprego de calidade, a redución de taxas de absentismo, a formación do persoal, as políticas de dixitalización, o plan de igualdade no centro, a prevención do acoso, a igualdade retributiva, a presenza de mulleres nos órganos de decisión, os códigos éticos, entre outros. Ademais, inclúese unha mención específica para as iniciativas empresariais que propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade de maneira significativa.

FORMACIÓN

A Xunta promove a formación en igualdade laboral nas entidades do sector da discapacidade a través da firma dun convenio de colaboración coa Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e do Desenvolvemento en Galicia (Aedigal). O convenio nace do compromiso da Xunta de promover unha visión social de xénero desde a perspectiva da discapacidade no ámbito laboral. Propón unha oferta formativa que atende á vulnerabilidade do colectivo e que avoga pola preparación do persoal do sector desde o principio de igualdade, a responsabilidade individual, a orientación en igualdade e a perspectiva de xénero.

Os cursos articularanse a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais e impartiranse en modalidade telemática. A Xunta facilitará os medios técnicos e persoais necesarios para a súa impartición e Aedigal colaborará no deseño dos contidos e na captación de traballadoras e traballadores para a participación nestas accións. 

w

Nivel nacional

POLÍTICAS PÚBLICAS

O proxecto INNOVATIA 8.3 do Instituto das Mulleres foi seleccionado como finalista nos Premios Europeos á Promoción Empresarial 2022. O obxectivo destes premios é recoñecer as políticas locais, rexionais e nacionais de fomento do emprendemento. INNOVATIA 8.3 é unha iniciativa do Instituto das Mulleres e da Universidade de Santiago de Compostela cuxo obxectivo é introducir a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e na creación de empresas, impulsando o nacemento de empresas tecnolóxicas lideradas por mulleres. A Comisión Europea seleccionou este proxecto para competir na categoría “Iniciativa empresarial responsable e integradora” con propostas doutros países europeos (Francia, Irlanda, Bulgaria e Polonia). Este galardón valora o enfoque innovador para promover unha contorna empresarial social e medioambientalmente responsable. Desde o ano 2011, o Instituto das Mulleres e a USC realizan, a través deste programa, materiais didácticos, accións formativas e de asesoramento, divulgación e promoción do emprendemento das mulleres no ámbito científico. Tamén prestan apoio ao desenvolvemento e a consolidación de proxectos empresariais a través de actividades de networking e foros de investimento. Na actualidade, todas as universidades públicas españolas participan no proxecto Innovatia 8.3.

CONGRESO EUROPEO DE IGUALDADE 2022

O Observatorio Provincial de Igualdade nas Relacións Laborais, OPI Albacete, celebrou o I Congreso Europeo de Igualdade coa participación de relatoras europeas e nacionais que intercambiaron impresións respecto á igualdade, á diversidade ou o racismo no marco das relacións laborais. Na organización do evento contou coa colaboración da Comisión Europea e doutras organizacións internacionais. Entre as máis de 250 persoas que asistiron, atopábanse representantes de empresas de diferentes sectores, representantes sindicais, docentes e estudantes, mancomunidades, concellos, asociacións empresariais, entidades sociais, profesionais e outros colectivos.

Nivel internacional

DEBATE NO CONSELLO DE SEGURIDADE DA ONU SOBRE O LIDERADO FEMENINO

O Consello de Seguridade das Nacións Unidas celebrou un debate aberto sobre o fortalecemento da resiliencia e liderado das mulleres como vía cara á paz nas rexións infestadas de grupos armados. Durante a sesión, a directora executiva de ONU Mulleres, Sima Bahous, presentou o informe máis recente sobre a situación das mulleres, a paz e a seguridade, no que se advirte do gran sufrimento que padecen nos escenarios de conflito.Segundo ese estudo, a escalada de conflitos violentos e os retrocesos de logros xeracionais en materia de dereitos, afastan á axenda das mulleres, a paz e a seguridade das súas metas. Bahous subliñou que os conflitos violentos, os desprazamentos, as repercusións da pandemia e a crecente emerxencia climática cobran o seu prezo máis alto ás mulleres e ás nenas, xa que se foron revogando moitos dos compromisos asumidos en materia de igualdade de xénero.