Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico das últimas semanas. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización, etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Nivel autonómico
POLÍTICAS PÚBLICAS
A Xunta de Galicia marcouse como prioridade este ano a prevención de riscos laborais da muller en sectores feminizados. Así o anunciou a Directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, durante a celebración dunha xornada da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) sobre os riscos psicosociais, plans de igualdade, prevención do acoso e desconexión dixital. O interese do Goberno galego céntrase en protexer a maternidade no ámbito laboral e en incorporar a perspectiva de xénero á ergonomía dos postos de traballo a través da posta en marcha de campañas e de accións formativas.
FORMACIÓN
No primeiro trimestre de 2022, máis de mil persoas participaron nalgunha das formacións gratuítas sobre igualdade laboral que ofrece a Xunta de Galicia a través do Campus en liña de Igualdade Laboral. Este espazo de teleformación ofertou, ata a data, varias propostas formativas que abordaron distintos aspectos relacionados coa igualdade laboral para as que a Consellería de Emprego e Igualdade xa emitiu máis dun milleiro de acreditacións. Así mesmo, máis de 160 empresas participaron en diferentes xornadas formativas organizadas por diferentes entidades sobre temas como os plans de igualdade, a responsabilidade social empresarial e a conciliación. Na actualidade, estase a celebrar a sexta edición do Curso básico en igualdade laboral cunha duración de oito horas.
Nivel nacional
FORMACIÓN
O 5 de abril clausurouse a II Edición do Programa “Talentia 360. Mujeres directivas” dirixido a mulleres das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, na que participaron un total de 87 mulleres da Garda Civil. Como novidade desta segunda edición, o Programa incluíu 14 talleres de sesgos inconscientes de xénero dirixidos a mandos homes, co obxectivo de axudarlles a identificar e eliminar as barreiras e sesgos de xénero. Nesta formación, participaron un total de 105 altos rangos da Policía Nacional e de 132 coroneis e xenerais da Garda Civil.
O Instituto das Mujeres, xunto á Escola de Organización Industrial, iniciou o programa Talentia hai 13 anos. O seu obxectivo era impulsar o empoderamento das mulleres, tanto no relativo á promoción a cargos directivos como ao apoio de emprendedoras e traballadoras autónomas. Inicialmente, estaba dirixido unicamente ao sector empresarial, pero, en 2018, ampliouse ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. En 2021, iniciouse a novena edición do programa dirixido a directivas do sector empresarial no que participaron 25 mulleres e a segunda edición destinada ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. En total, xa participaron máis de 700 mulleres ao longo de toda a súa traxectoria.
RECURSOS
O Ministerio de Traballo e Economías Social e o Ministerio de Igualdade publicaron a Ferramenta de Valoración de Postos de Traballo para identificar e visibilizar as diferenzas retributivas entre mulleres e homes. Trátase dunha ferramenta gratuíta, que dá cumprimento ao mandato previsto na disposición final primeira do Real Decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes. A valoración realizada con esta ferramenta, desenvolvida e acordada no seo dunha mesa de diálogo social, respecta os requisitos formais do procedemento. A valoración de postos de traballo é necesaria para dar cumprimento ás obrigacións das empresas que elaboren plans de igualdade de realizar unha auditoría retributiva como parte do diagnóstico do mesmo. Desta forma, identifícanse as diferenzas nas retribucións dos distintos postos de traballo que poidan resultar discriminatorias, permitindo avanzar cara á correcta aplicación do principio de igualdade de retribución por traballos de igual valor. Así mesmo, a ferramenta tamén pode servir de base ás comisións negociadoras dos convenios colectivos na configuración das táboas salariais.
O Ministerio de Igualdade, a través da Dirección Xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBI presentou un mapa interactivo de recursos para as persoas LGTBI, no que se recollen os diferentes tipos de recursos que ofrecen as máis de 220 asociacións LGTBI, así como as administracións públicas de diversas CCAA e concellos. A recollida desta información realizouse coa colaboración das consellerías responsables de igualdade das Comunidades Autónomas e do tecido asociativo. Neste mapa atópanse todo tipo de recursos asistenciais, de socialización, educativos, saúde sexual, atención a vítimas de delitos de odio, programas de inserción socio-laboral para persoas trans, asesorías psicolóxicas, xurídicas ou de atención social.
CAMPAÑA “MÁIS VALOR A TRABALLOS FEMINIZADOS”
No marco do Día Internacional das traballadoras de fogar e coidados, o Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade lanzou a campaña “Máis valor a traballos feminizados“ co obxectivo de dar visibilidade aos coidados como base do sistema e de apoiar os dereitos das traballadoras de fogar para acabar coa precariedade asociada ao sector de coidados. Como parte desta campaña de sensibilización, editáronse unha serie de vídeos como resultado dunha reunión na que participaron traballadoras, beneficiarias, empregadores, asociacións de traballadoras de fogar e participantes do movemento asociativo veciñal. Ademais, o día 8 de abril celebrouse o encontro Traballadoras esenciais: “Sostendo a vida con dereitos” no Ministerio de Igualdade, que se aproveitou para presentar unha Guía de Recursos con información básica sobre recursos especializados aos que poder acudir de maneira gratuíta.
INFORMES, ESTUDOS E MATERIAIS ESPECIALIZADOS
A Asociación Yo No Renuncio Por la Conciliación presentou o Estudo Eu Non Renuncio 2021, que recolle os resultados da enquisa realizada a 7.561 nais tras o primeiro ano de pandemia e dos que a súa presidenta, Laura Baena, presentou parte durante a celebración do congreso Igualdade, Conciliación e RSE 2022, organizado por AJE Galicia co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade. O seu obxectivo principal era coñecer como se organizaron as familias para poder afrontar o coidado dos nenos e as nenas durante ese tempo. Os resultados constataron que a muller é quen se viu máis prexudicada no ámbito laboral durante as corentenas preventivas. Entre as consecuencias desta situación, cabe destacar a renuncia a todo ou parte do seu salario ou o uso de días de vacacións. Así mesmo, o teletraballo non foi unha opción viable para a empresa no 37% dos casos, a pesar de ter un posto compatible coa súa realización. Por último, os resultados confirman que a corresponsabilidade no fogar aínda está lonxe de ser unha realidade, xa que tan só no 14% dos casos mellorou.
Nivel internacional
IMPACTO DA COVID-19 SOBRE AS MULLERES
Unha enquisa realizada por Eurofound sobre as consecuencias do primeiro ano de pandemia confirmou que o aumento da carga de coidados non remunerados e o teletraballo afectaron ao equilibrio entre a vida laboral e persoal das mulleres e a súa saúde mental. Durante a pandemia, o teletraballo expuxo moitos desafíos no que respecta á organización do tempo de traballo, o equilibrio traballo-familia, o benestar e a contorna física de traballo. Os datos recompilados en febreiro e marzo de 2021 mostran que o 7,4% das mulleres e o 5,7% dos homes tiveron dificultades para concentrarse nun traballo debido ás responsabilidades familiares. Así mesmo, unha nova enquisa do Eurobarómetro destaca o calado do impacto da pandemia sobre as mulleres, diminuíndo os seus ingresos, á vez que afectou ao equilibrio entre a vida laboral e persoal e á cantidade de tempo que dedican ao traballo remunerado. As mulleres seguen realizando a maior parte do traballo invisible e non remunerado relacionado cos coidados, chegando a duplicar o tempo que dedican os homes a este tipo de tarefas.