Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico das últimas semanas. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización, etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Nivel autonómico
POLÍTICAS PÚBLICAS
A Xunta lembra que todas as empresas deben contar cun protocolo de acoso sexual e articular medidas específicas para previlo. Durante a inauguración dunha xornada informativa sobre a prevención do acoso no ámbito laboral, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, lembrou que todas as empresas, independentemente do tamaño e do sector, teñen que ter un protocolo de acoso sexual e desenvolver medidas específicas para previr a comisión de delitos e outras condutas que atenten contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo. Ademais, destacou a importancia de tratar publicamente e desde un punto de vista técnico a violencia no traballo para contribuír á súa erradicación. Neste sentido, a normativa actual é esixente coas empresas polas consecuencias para a saúde emocional e psíquica das persoas traballadoras.
Así mesmo, a formación en materia de igualdade é fundamental para impulsar un emprego de calidade. A Xunta de Galicia está a axudar ás empresas para cumprir con estes deberes. Entre as iniciativas postas en marcha, atópanse a elaboración dunha guía para a prevención e o tratamento do acoso sexual nas pemes e as formacións específicas que se imparten desde o ano 2021 e nas que xa participou preto de 700 persoas.
ESTUDO SOBRE A REALIDADE GALEGA EN MATERIA DE CONCILIACIÓN E CORRESPONSABILIDADE
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou un convenio de colaboración coas tres universidades públicas galegas para traballar na obtención dunha radiografía da realidade galega en materia de repartición de tarefas domésticas e de coidados entre mulleres e homes. A iniciativa enmárcase nos traballos que o Consello Galego das Mulleres está a desenvolver a través da denominada Mesa de Coidados co obxectivo de obter coñecemento científico e especializado en materia de conciliación e corresponsabilidade.
No marco das actuacións do Plan Corresponsables, a Consellería destinará 60.000 euros de orzamento para o financiamento dos tres convenios. Cada unha das universidades abordará o estudo desde unha perspectiva distinta. A Universidade de Santiago analizará a temática da corresponsabilidade desde o punto de vista da saúde mental das persoas coidadoras. No caso da Universidade de Vigo, a investigación versará sobre o ámbito normativo no eido dos coidados e na implantación de actuacións favorables por empresas e institucións. Por último, a Universidade da Coruña encargarase de analizar o aspecto sociolóxico desta realidade.
Nivel nacional
POLÍTICAS PÚBLICAS
Creouse a Oficina Estatal de Loita contra a Discriminación, que coordinará as accións en materia de igualdade no ámbito da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Esta Oficina ten a consideración de órgano administrativo e está integrada no Organismo Estatal de Inspección de Traballo e Seguridade Social, baixo a dependencia da Subdirección Xeral para a coordinación da Inspección do Sistema de Relacións Laborais.
Entre as súas funcións, atópase o impulso e coordinación de todas as accións que se desenvolvan polo Organismo Estatal Inspección de Traballo e Seguridade Social en materia de igualdade de trato e oportunidades e loita contra a discriminación no acceso ao emprego, na formación profesional, na promoción profesional e nas condicións de traballo, en especial as retributivas; prestando especial atención á igualdade entre mulleres e homes.
Nivel internacional
DISTRIBUCIÓN DO CUIDADO DE MENORES EN EUROPA
Na Unión Europea, observouse que cada vez existe un maior equilibrio na responsabilidade que asumen mulleres e homes no coidado dos menores. Con todo, de acordo cos últimos datos do EIGE, non é así no que respecta ao tipo de tarefa. A información sobre a brecha de xénero no coidado non remunerado mostra que o coidado infantil máis intensivo (hixiene e alimentación) é asumido principalmente por mulleres. Ademais, case a metade das mulleres (49%) que viven cunha parella afirman que asumen a responsabilidade principal deste tipo de tarefas esenciais, en comparación con apenas o 6% dos homes.