Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico das últimas semanas. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
A continuación recogemos os feitos máis relevantes acontecidos nas últimas semanas en materia de igualdade laboral.
Nivel autonómico
IGUALDADE LABORAL E RSE
O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 8 de agosto a resolución de axudas convocadas este ano para micropemes, pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado con motivo de impulsar a implantación de medidas de igualdade laboral, de conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE). En concreto, un total de 204 beneficiarios recibirán preto de 1,2 millóns de euros no marco das tres liñas de achegas.
En materia de apoio para fomentar a elaboración e posta en marcha de plans de igualdade, concedéronse preto de 120.000 euros a un total de 32 beneficiarios. Na segunda, que promove a implantación de medidas de conciliación, teletraballo e flexibilidade horaria, repartiranse máis de 900.000 euros entre 130 organizacións.
A Xunta leva mobilizados neste programa de axudas para a igualdade laboral uns 11 millóns de euros desde 2017, beneficiando máis de 1.500 entidades neste últimos sete anos.
CONCILIACIÓN E CORRESPONSABILIDADE
A Xunta de Galicia colabora cos concellos galegos en materia de conciliación e corresponsabilidade. O verán é un período onde a demanda deste tipo de actividades aumenta e con este programa búscase facilitar que calquera persoa traballadora poida facer un uso equilibrado dos seus tempos e así velar polo coidado da súa familia, o seu desenvolvemento como persoa, a súa formación ou o seu tempo libre.
A Xunta de Galicia destina un orzamento de 17M€ a apoiar a conciliación e promover a corresponsabilidade.
Nivel nacional
REXISTRO DE PLANS DE IGUALDADE
A finais de xullo de 2023 o Boletín Oficial do Estado publicaba a Resolución do 13 de xullo de 2023, da Secretaría de Estado de Función Pública, pola que se modifica a do 16 de marzo de 2023, pola que se crea o Rexistro de plans de igualdade das Administracións Públicas e os seus protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo. Esta modificación baséase en incorporar ao Rexistro de Plans de Igualdade:
- Os plans de igualdade das Administracións Públicas (estatal, autonómica e local), así como daqueles organismos públicos que teñan a consideración de Administración Pública ou que estean integrados na mesma e teñan un plan de igualdade propio.
- Os protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo do mesmo ámbito.
Ademais incorporan dous anexos onde se completa a información para proporcionar no momento do rexistro co obxectivo de asegurar a calidade, eficacia e efectividade dos Plans de Igualdade, así como o alcance dos plans e protocolos nas administracións públicas.
Nivel internacional
DECLARACIÓN DO TRÍO DE PRESIDENCIAS SOBRE A IGUALDADE DE XÉNERO
España, Bélxica e Hungría, os países do actual Trío da UE, comprometéronse nunha declaración para impulsar e traballar conxuntamente para avanzar na igualdade de xénero en Europa.
A declaración, asinada baixo a Presidencia española do Consello da UE, é a guía que marcará as accións no período entre xullo de 2023 e decembro de 2024, e abraza asuntos como a loita contra a violencia de xénero e a segregación das mulleres no mercado laboral e a educación, a redución da fenda retributiva e no relativo aos coidados, o empoderamento da muller na toma de decisións, e a integración de cuestións de xénero noutras dimensións integrais da Unión, como a transición ecolóxica.