Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico das últimas semanas. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización, etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Nivel autonómico
POLÍTICAS PÚBLICAS
A Xunta estableceu un protocolo de colaboración para o impulso dun modelo directivo feminino máis inclusivo. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou un protocolo coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Asociación de Mulleres no Sector Público para a posta en marcha dun proxecto piloto, no que colaborará tamén Real Impact, para fomentar o liderado das mulleres directivas a través da formación. Así, dez mulleres do sector público e dez mulleres do privado participarán nesta experiencia que pretende fomentar un modelo de liderado inclusivo e diverso mediante o desenvolvemento persoal e profesional de mulleres directivas, tanto do sector público como do sector privado.
FORMACIÓN
A Xunta inicia unha formación virtual en liderado feminino, apostando pola mellora profesional das mulleres galegas a través do programa Impulsa. O programa dirixido a 100 mulleres está conformado por talleres, masterclass e sesións de networking e coaching individuais. A través desta iniciativa, a Xunta ten como obxectivo incorporar ás participantes ao proceso de cambio e aprendizaxe en áreas persoais e profesionais, e brindarlles recursos e ferramentas para o seu crecemento profesional e persoal.
Nivel nacional
POLÍTICAS PÚBLICAS
Publicouse a Real Decreto-lei 2/2023, do 16 de marzo, de medidas urxentes para a ampliación de dereitos dos pensionistas, a redución da fenda de xénero e o establecemento dun novo marco de sustentabilidade do sistema público de pensións, que introduce medidas para a redución da fenda de xénero nas pensións:
- Revisa a regra relativa ao período de cómputo para o cálculo da pensión, ofrecendo unha dobre alternativa ao longo de dúas décadas que permitirá a aplicación ás persoas traballadoras da máis beneficiosa das posibilidades.
- Fomenta a cobertura de ata cinco anos de vacío de cotización co 100% da base mínima, fronte aos catro actuais. O sexto e o sétimo ano sen cotizar cubrirase cun 80% da base mínima, fronte ao 50% actual.
- Prevé un incremento do complemento por fenda de xénero nos dous próximos exercicios (2024 e 2025) un 10% adicional ao IPC.
- Inclúe unha senda de subidas das pensións máis baixas, mínimas e non contributivas.
XUDICIAL
A Audiencia Nacional estimou unha demanda en materia de transparencia retributiva. A sentenza SAN 791/2023 da Audiencia Nacional sinala que, no rexistro retributivo que se regula no art. 28.2 do Estatuto dos Traballadores, deben constar as medias e as medianas dos distintos conceptos retributivos de cada agrupación de postos de traballo por sexo. O feito de que, nalgún caso, sexa identificable algunha persoa traballadora e a súa retribución non é escusa para non proporcionar dita información, pois trátase dun tratamento de datos necesario para o cumprimento dunha obrigación legal. A mutilación de datos respecto de determinados postos de traballo por estar só ocupados por persoas dun sexo ou por ser identificable a retribución que se percibe conculca a lexislación vixente, debido a que priva, tanto ao rexistro como á auditoría retributiva, de elementos necesarios para identificar posibles discriminacións indirectas por razón de sexo en materia de retribución.
En relación coa protección de datos, a sentenza lembra que o tratamento de datos relativos á identidade e á retribución dunha persoa pode ser lícito aínda que non haxa consentimento da persoa interesada cando sexa necesario para o cumprimento dunha obrigación legal. Neste caso, a que se deriva do art. 28.2 ET.
Nivel internacional
INFORME DO FORO ECONÓMICO MUNDIAL SOBRE A FENDA DE XÉNERO
Desde 2006, o Foro Económico Mundial mide o progreso mundial cara á paridade de xénero a través do Índice Global de Fenda de Xénero que se calcula en base a catro dimensións: participación e oportunidades económicas, logros educativos, saúde e supervivencia e apoderamento político.
De acordo coas estimacións do seu último informe sobre a fenda de xénero, necesitaranse 132 anos para alcanzar a paridade de xénero nas empresas. Eses mesmos datos revelan que a fenda de xénero global pechouse en pouco máis dun 68%. Islandia encabeza a clasificación de países máis igualitarios (cunha taxa que supera o 90%), seguido de Finlandia, Noruega, Nova Zelandia e Suecia. No que respecta a España, farían falta 151 anos para pechar a fenda económica de xénero. Os datos do informe reflicten que a metade das empresas españolas estableceron obxectivos públicos para alcanzar unha representación de xénero equilibrada nas súas organizacións. Con todo, advírtese que a porcentaxe diminuíu en catro puntos con respecto ao ano anterior.