Terminamos o terceiro trimestre de 2026 e con iso, facemos unha recapitulación das novidades máis notables en materia de igualdade laboral no ámbito internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización, etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Ámbito autonómico
SUBVENCIÓN
A Xunta de Galicia impulsa as axudas para o fomento do emprego a través de programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro mediante a contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas, para a realización de servizos de interese xeral e social. A convocatoria conta cun orzamento superior aos 9,4 M€ (un incremento de case o 7%) e prevese que apoie a contratación de case 400 persoas en máis de 200 entidades.
O obxectivo é que estas persoas traballadoras gañen experiencia e práctica profesional para facilitar a súa inserción laboral. Esta iniciativa combina a creación de emprego, a formación práctica e a prestación de servizos de interese público, o que á súa vez ofrece unha solución á crecente demanda de servizos sociais, mentres se contribúe a reducir as desigualdades no acceso ao emprego e fortalécese a cohesión territorial e social de Galicia.
SUBVENCIÓN
A Xunta de Galicia convoca o Programa Emega 2026, dirixido a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, cun orzamento de máis de 5 M€ para esta edición. Esta axuda tamén busca apoiar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e facilitar o acceso a asesoramento e orientación empresarial para favorecer a implantación e consolidación dos proxectos. O programa pon o foco nas mulleres que emprenden no rural, aquelas maiores de 55 anos e as que desenvolven a súa actividade empresarial en sectores tradicionalmente masculinizados. Ademais, ten como obxectivo xerar unha rede de mulleres emprendedoras fomentando a colaboración a través de encontros, titorías e mentorizacións.
FORMACIÓN
A Xunta de Galicia pon en marcha o Iqual Campus-Campus Transfronteirizo de Igualdade Laboral, unha iniciativa formativa innovadora desenvolvida no marco do programa homónimo Interreg POCTEP (España–Portugal), que ten como obxectivo o reforzo e a promoción da igualdade de xénero no ámbito laboral. A plataforma adopta un enfoque transfronteirizo, integrando a visión e a lexislación de España e Portugal. A iniciativa estrutúrase a través dun campus en liña, gratuíto e accesible, cun enfoque práctico baseado en contidos actualizados, casos reais e espazos de intercambio. Cada persoa participante pode deseñar o seu propio itinerario formativo en función dos seus intereses, accedendo a contidos específicos orientados tanto ao ámbito docente como ao persoal técnico de igualdade ou á cidadanía da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. O dereito á igualdade de trato e á non discriminación no emprego, a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral, a igualdade retributiva, a elaboración e aplicación dos plans de igualdade ou a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais son algunhas dos temas que se abordarán nesta plataforma 100% en liña.

Ámbito nacional
ESTATUTO DA AUTORIDADE INDEPENDENTE PARA A IGUALDADE DE TRATO E A NON DISCRIMINACIÓN
O Consello de Ministros e Ministras aprobou Real Decreto 606/2026, do 22 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Autoridade Independente para a Igualdade de Trato e a Non Discriminación, A.A.I., un novo organismo que poderá recibir e tramitar queixas, investigar casos graves de discriminación e mesmo exercer accións xudiciais en defensa da igualdade de trato, tanto no sector público como no privado. A pesar de que as súas funcións non se circunscriben unicamente ao ámbito laboral, poderá litigar ante os tribunais laborais e colaborar directamente coa Inspección de Traballo e Seguridade Social nas súas investigacións.
ENQUISA
O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de publicar os resultados do módulo sobre conciliación da vida laboral e familiar incluído na Enquisa de Poboación Activa (EPA) de 2025. Os datos confirman a persistencia da desigualdade das responsabilidades de coidado entre mulleres e homes. O 37,6% das mulleres asumen algunha responsabilidade de coidado, fronte ao 31,7% dos homes, e tamén se identifican diferenzas no tempo dedicado a estas responsabilidades. Este desequilibrio tamén se manifesta no uso desigual das medidas de conciliación, os permisos e as excedencias por coidado de fillas e fillos. Os resultados reiteran a necesidade de apostar por unha organización social máis corresponsable que favoreza unha conciliación máis equilibrada e que permita reducir as fendas de xénero no emprego.
INFORME
O informe Estado das Paternidades en España 2026, desenvolvido por Convive Fundación Cepaim no marco do Estado da Paternidade no Mundo (SOWF 2026), reflicte a importancia dos coidados nas nosas sociedades contemporáneas e como se distribúen e xestionan estas responsabilidades entre as mulleres e homes na procura do equilibrio entre a vida persoal, laboral e familiar. O informe tamén mostra os custos económicos, laborais e persoais dos coidados: un 40% das nais deixou de traballar para poder asumir estas responsabilidades fronte a un 26% dos pais. O documento evidencia a transformación que están a vivir as paternidades e os avances cara a modelos máis implicados, afectivos e presentes, nos que aínda persisten desigualdades.

Ámbito internacional
INFORME
A Organización Internacional do Traballo (OIT) publicou o informe Impulso do programa transformador para lograr a igualdade de xénero no mundo do traballo, que analiza os avances e os principais desafíos que continúan dificultando a igualdade real entre mulleres e homes no mundo laboral. Os resultados destacan a persistencia das fendas de participación laboral e salarial, na distribución dos coidados, a segregación ocupacional e sectorial, a infrarrepresentación das mulleres en postos de toma de decisións e a violencia e o acoso na contorna laboral. En 2025, tan só o 48% das mulleres a nivel global, formaba parte da forza de traballo, fronte ao 73% dos homes.
INFORME
O informe Women Entrepreneurs in Europe da Comisión Europea analiza a situación do emprendemento feminino nos Estados membros e pon o foco no perfil da persoa emprendedora en cada país. En España, superamos a media europea en 3 puntos xa que as mulleres representan o 36% das persoas emprendedoras (fronte ao 33% europeo). Segundo o informe as empresas lideradas por mulleres presentan menores niveis de innovación, internacionalización e expectativas de crecemento. O acceso a financiamento, as redes de contacto e o apoio ao crecemento empresarial continúan sendo as principais barreiras de desenvolvemento para os proxectos liderados por mulleres.