Medidas innovadoras de igualdade laboral. Sector primario

Hoxe pechamos a serie de publicacións onde se analiza a situación en diversos sectores de actividade económica que clasifican a economía en función do tipo de proceso produtivo, desde un punto de vista da igualdade de xénero. É a quenda do sector primario, no que se clasifican todas as actividades relacionadas coa obtención e a produción de materias primas. Así pois, actividades como a agricultura, a gandería, a pesca e a minería forman parte do sector primario.

Igualdade e sector primario

Segundo os datos máis recentes do Instituto Nacional de Estatística, correspondentes a 2021, a porcentaxe de mulleres ocupadas no sector primario (rama A. agricultura, gandería, silvicultura e pesca) cun 2,1% das mulleres ocupadas. Trátase, pois, dun sector altamente masculinizado.

Este sector, ademais, é onde menos gañan as mulleres. En marzo de 2023, o sindicato do persoal técnico do Ministerio de Facenda publicou o VII Informe Brecha salarial e Teito de cristal, que indica que o salario medio anual das mulleres do sector é 6.645 euros, cunha brecha salarial do 51,6%, a maior de todos os sectores económicos analizados en termos porcentuais.

Do mesmo xeito que no resto dos sectores, para avanzar máis na análise destes datos é necesario segmentar por subsector. Así, por exemplo, na agricultura segundo o estudo Mulleres Rurais publicado en outubro de 2022, España é o segundo país da Unión Europea en taxa de paro rural co 43,2%, segundo afirma EAE Business School. As mulleres sofren máis este fenómeno, a taxa de desocupación delas sobe ata o 48,4%, mentres que o deles rolda o 39,4%.

Outro dos aspectos que analiza o informe é a dobre carga de traballo das mulleres neste sector. E é que máis aló do traballo nas explotacións ou no campo, está o traballo dos coidados. As mulleres do sector quintuplican o número de horas dedicadas ao traballo doméstico que os homes. Un exemplo diso é que do total de persoas que conviven con alguén en situación de dependencia, a persoa coidadora principal é unha muller no 85,6% dos casos.

Medidas innovadoras de igualdade

Como propostas de medidas de igualdade para aplicar no sector, están:

  1. Promover o emprendemento feminino: aínda que as mulleres son parte considerable do sector, aínda faltan mulleres titulares de explotacións agrarias, patroas de embarcacións de pesca…Os estereotipos tradicionais de xénero seguen plenamente vixentes no S.XXI, polo que é necesario o esforzo de todos os axentes sociais para lograr unha igualdade neste sentido. Así pois, programas de asesoramento de emprendemento, programas piloto de emprendemento feminino son medidas máis específicas que perseguen ese obxectivo.
  2. Crear redes de apoio mutuo: moitas mulleres do sector optan por emprender en forma de cooperativa, asociacións e redes de apoio informais, para conseguir colectivamente o poñer en valor o seu traballo e para fomentar unha forma de traballo baseada na economía social e solidaria, promovendo unhas relacións máis sostibles coa terra e o mar.

  1. Mujeres referentes: agricultoras, gandeiras, xornaleiras, pescadoras, mariscadoras…todas elas traballando en actividades imprescindibles para o desenvolvemento da vida e tradicionalmente invisibilizadas. Descubrilas, recoñecer o seu valor, achegar a realidade das súas vidas a terceiras persoas, dignificar o seu traballo… permite, entre outras cousas, deixar pegada na infancia e na adolescencia, para levantar inquietudes no contexto laboral do sector primario.
  2. Melloras na temporalidade: as condicións de traballo das mulleres do sector agrícola, gandeiro, pesqueiro e acuícola, necesitan desenvolver alternativas e mecanismos para compensar a alta temporalidade e os períodos de inactividade, por exemplo, a través de actividades de diversificación complementarias innovadoras que permitan xerar novas vías de ingresos.
  3. Integrar a perspectiva de xénero no deseño dos postos de traballo: para promover a presenza da muller no sector da pesca e a acuicultura, é necesario repensar as infraestruturas dos barcos pesqueiros. En concreto, os de maiores dimensións que faenan en augas internacionais ou que están longos períodos de tempo fóra do porto (por exemplo, os buques conxeladores) están deseñados soamente para homes con camarotes e baños compartidos masculinos, o que supón unha barreira para o acceso das mulleres á tripulación. Esta nova concepción do posto de traballo, implica tamén aplicar a perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais, durante 2022 desenvolvéronse seminarios para sensibilizar nesta temática a futuros profesionais do sector.
  4. Apoderamento feminino: as (poucas) mulleres que traballan no sector primario, están lonxe das esferas de toma de decisións, a pesar de ser parte fundamental do desenvolvemento de zonas rurais e pesqueiras. É necesario reverter esta dinámica, promovendo o acceso das mulleres aos consellos reitores das cooperativas, ás xuntas xerais das confrarías de pescadores, para ter voz e representatividade á hora de deseñar as estratexias de futuro.

Desde a Xunta de Galicia, en concreto desde a Consellería de Emprego e Igualdade, trabállase por impulsar o papel das mulleres rurais de Galicia para xerar riqueza e dotar ao territorio de novas oportunidades laborais. Para iso entre outras accións creará o Estatuto da Muller Rural e do Mar, como medida da nova lei de igualdade de Galicia, entre outras.