Medidas de conciliación nas pemes galegas durante o período vacacional

A conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras é un dereito recollido no ámbito xurídico internacional, europeo e nacional. O concepto de conciliación refírese ao equilibrio que se busca entre os compromisos laborais e as necesidades persoais e familiares dunha persoa. Tradicionalmente hai certas cuestións sociais, sobre todo aquelas relativas aos coidados de persoas menores ou maiores, as tarefas domésticas ou a carga mental, que se lle atribúen ás mulleres polos estereotipos de xénero asumidos de forma histórica. Pero a incorporación das mulleres ao mercado laboral supuxo profundos cambios sociais que fixeron necesario reconfigurar o sistema para permitir a repartición equilibrada de responsabilidades entre homes e mulleres. As medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral implican o equilibrio entre as tarefas persoais e laborais das persoas traballadoras, creando ambientes de traballo onde as persoas poidan cumprir coas súas responsabilidades no traballo sen sacrificar a calidade de vida persoal e familiar.

Os avances sociais impulsaron cambios normativos para favorecer a conciliación. Sen ir máis lonxe, en 2023 aprobáronse novos permisos como o permiso parental non retribuído de 8 semanas ata que o ou a menor cumpra 8 anos ou o permiso retribuído de 5 días para coidar de familiares de segundo grao ou conviventes. Pero, ademais disto, as empresas poden desenvolver políticas de conciliación con moitas medidas de carácter voluntario. Estas actuacións, normalmente, pódense clasificar en cinco tipos: de flexibilidade temporal, de flexibilidade espacial, medidas de adaptación aos postos de traballo, servizos de atención ás persoas ou beneficios sociais.

As pequenas e medianas empresas (pemes) de Galicia tamén poden asumir medidas de conciliación para mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras. Estas medidas deben darse ao longo do ano laboral, pero tamén pode haber algunhas exclusivas do período vacacional, meses do ano no que as cargas familiares adoitan ser máis elevadas, e máis particularmente no caso de persoas con menores ao seu cargo ao estar pechados os centros educativos.

Medidas de conciliación de flexibilidade temporal

As medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral de flexibilidade temporal son aquelas relativas á distribución da xornada das persoas traballadoras e a adaptación das súas necesidades. Entre as medidas de conciliación de flexibilidade temporal máis habituais que as pemes poden poñer en marcha atópanse a flexibilidade horaria (dispoñer dunha franxa horaria de entrada e saída establecida pola empresa) ou a xornada intensiva (durante un período do ano establécese un horario laboral comprimido de mañá), pero non son as únicas medidas de conciliación que as empresas poden poñer en marcha para mellorar a conciliación durante o período vacacional. A semana comprimida (prolongar as horas de traballo durante algúns días da semana a cambio de reducir os días laborais, por exemplo, traballar de luns a xoves durante o verán), a prioridade na elección de quendas de traballo, quendas rotativas en fins de semana (naquelas empresas con quendas nos seus horarios laborais) ou dispoñer dun calendario vacacional flexible (decidir as vacacións no período que mellor lles conveña ás persoas traballadoras) son outras medidas de conciliación de flexibilidade temporal que se poden aplicar no verán nas pemes.

Medidas de conciliación de flexibilidade espacial

Outras medidas para mellorar a conciliación que se poden aplicar nas pemes son aquelas medidas de flexibilidade espacial. Cando nos referimos á flexibilidade espacial facémolo en relación ao lugar onde as persoas profesionais desenvolven o seu traballo e a adaptación deste espazo ás súas necesidades. Unha das medidas clásicas de flexibilidade espacial é o teletraballo, que consiste en desenvolver a actividade profesional sen presenza física da persoa traballadora, grazas aos medios de información e telecomunicación actuais. Un exemplo sería adoptar medidas de teletraballo no verán para que a persoa traballadora poida traballar desde o seu fogar ou outro espazo co computador ou outros mecanismos tecnolóxicos que necesite.

Outras medidas de conciliación

En canto ao resto de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral que se poderían poñer en marcha nas pemes no período vacacional son aquelas que faciliten o acceso aos servizos de atención ás persoas dependentes maiores, menores ou con discapacidade, por exemplo, facilitar un servizo de coidados nos períodos estivais (centros de día, garderías, campamentos…) ou bonificar ás persoas traballadoras para que elas poidan pagalos, por exemplo, de complementos salariais específicos. Outra medida para ter en conta podería ser a de adaptar o posto de traballo durante o verán para flexibilizar o horario (a persoa traballadora continúa no seu posto de traballo, pero a carga e as responsabilidades adáptanse temporalmente).

De todas as medidas de conciliación mencionadas as máis habituais empregadas polas pemes coa distintivo “Igualdade na empresa”, segundo o informe Boas prácticas de conciliación e corresponsabilidade nas empresas de Rede con distintivo “Igualdade na empresa” (Rede Die), son o horario flexible de entrada e/o saída (60%), o traballo a distancia (60%), a xornada intensiva de verán (46,7%), distribución personalizada da xornada (46,7%) e vacacións flexibles (40,0%). Planificar as medidas de conciliación no longo prazo é unha recomendación habitual e no apartado de conciliación da nosa web podes atopar máis información e medidas relativas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.