Cinco chaves para elaborar material de sensibilización en igualdade

Elaborar material de sensibilización en igualdade é un recurso bastante habitual nas entidades. Os materiais de sensibilización serven para concienciar sobre a importancia de tratar en igualdade de condicións a mulleres e homes e son moi útiles naqueles casos nos que aínda non hai unha toma de conciencia real sobre a igualdade. A sensibilización é un piar fundamental na área da igualdade laboral, pero tamén doutras áreas como a solidariedade ou a educación ao longo de toda a vida. En moitas das nosas contornas necesitamos traballar no ámbito da sensibilización como primeiro paso da nosa estratexia.

Que é a sensibilización en igualdade? 

A sensibilización pode traballarse e fomentarse grazas á realización de actividades para concienciar ás persoas sobre unha determinada situación, no noso caso sobre igualdade laboral. Os temas que se poden tratar son: as desigualdades existentes na entidade, que é e que supón a brecha salarial, os estereotipos de xénero e como abordalos, que supón a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e que medidas se poden implantar… As temáticas para abordar en materia de sensibilización en igualdade laboral son moi extensas. Seguro que a ti tamén se che ocorren moitas tendo en cuenta algunhas das túas contornas habituais.  

A sensibilización ten un obxectivo moi claro que é a concienciación das persoas e  pode desenvolverse de moi diversas formas, por exemplo, con formacións, charlas, talleres, campañas de comunicación, divulgación de iniciativas ou algunha que outra acción de márketing directo.  

Cinco chaves para axudarte a elaborar material de sensibilización en igualdade

Hoxe querémosche falar de cinco chaves para elaborar materiais de sensibilización en igualdade. Quizais tiveches que pensalo para a túa entidade e non soubeches nin por onde empezar ou quizais te atopaches cun cartel que chamou a túa atención. Imos ver que cousas son importantes!

1. O primero, hai unha diagnose en igualdade?

Se cadra nunca oíches falar sobre a Diagnose de Igualdade. Este documento é un informe sobre a situación actual da empresa en materia de igualdade laboral entre mulleres e homes. É un paso fundamental para identificar que cousas está a facer ben a entidade e que cousas pode mellorar. Canto máis pormenorizado sexa a diagnose moito mellor. Debe ser cuantitativo e cualitativo e debe permitir a recompilación de toda a información sobre as características da empresa. Para a súa elaboración terase que ter en conta a perspectiva de xénero, polo que, toda a información analizada e os datos e resultados teñen que estar  desagregados por sexo. 

Esta análise tan detallada é unha radiografía moi certeira da situación actual da empresa, por iso, é tan importante telo en conta á hora de pensar en elaborar un material de sensibilización. Este diagnóstico en igualdade daranos as claves para saber por que material empezar a traballar. Poñémosche varios exemplos dependendo do que nos indique a diagnose:

  • Podemos establecer unha guía sobre igualdade retributiva para toda a entidade ou só para os mandos intermedios.
  • Facer unha campaña de sensibilización exclusivamente para o grupo de persoas traballadoras menos concienciadas. 
  • Facer unha xornada de sensibilización con toques lúdicos para a alta dirección. 

En función de cada diagnose deberemos establecer unhas medidas específicas para unhas persoas concretas, pero un primeiro paso sempre é a sensibilización e concienciación. 

Se na túa empresa aínda non fixeches un diagnóstico en materia de igualdade, a ferramenta en liña creada pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia pódeche axudar a iso.

2. Que tal elaborar unha Guía?

A condición de que a análise da igualdade o indique, pódese elaborar unha Guía de Sensibilización en Igualdade. As guías son un recurso moi útil e versátil, xa que se pode tratar unha ampla gama de temáticas, no noso caso, ao redor da igualdade laboral.

Algúns dos asuntos que se poderían tratar nunha guía de sensibilización en materia de igualdade laboral son: a igualdade desde a perspectiva da empresa, os beneficios de aplicar a igualdade, modelos de boas prácticas no contexto da actividade da entidade… Unha guía que pode servir de referencia é a Guía de Sensibilización e Formación en Igualdade de Oportunidades entre Mujeres e Homes do Instituto da Muller do Ministerio de Igualdade. Outra guía interesante é a Guía de Boas Prácticas “A Igualdade de Oportunidades nos Plans de Formación das Empresa” da Rede de empresas con Distintivo “Igualdade na Empresa” Rede DIE, nela, faise fincapé en abordar a perspectiva de xénero tamén nas formacións laborais. 

3. Outros materiais de sensibilización

Ademais das guías, existen outros moitos tipos de materiais de sensibilización. Algúns deles moi usados e de gran utilidade como son: 

  • As formacións internas. As formacións internas son un clásico dentro da sensibilización e o son polo seu poder transformador e a súa capacidade de abordar temáticas que no día a día son máis complexas. As persoas que acoden a formacións están máis predispostas á aprendizaxe e á apertura de novas ideas, por iso, son un recurso moi interesante para traballar a igualdade laboral. 
  • Os talleres ou charlas. Un derivado máis ameno das formacións son os talleres ou as charlas. Os talleres ou charlas son máis participativos e son contornas nas que se pode propiciar dunha maneira máis sinxela o diálogo, algo realmente importante cando tratamos asuntos de igualdade laboral. E se ademais na túa organización fomentas o teletraballo, as formacións en liña son un recurso moi útil que creceu moito no último ano.
  • As xornadas de portas abertas. Que tal unha xornada de portas abertas para as familias das persoas traballadoras? Desta forma estarase a traballar a sensibilización en igualdade laboral de forma transversal entre diferentes grupos de interese, non só as persoas do persoal, senón tamén nos seus fogares, outro dos grandes espazos nos que é moi eficaz traballar en igualdade. No caso de que haxa nenas e nenos poderíanse entregar materiais divulgativos como este documento do Instituto Andaluz da Muller.

4. Campañas de comunicación

Outro material moi interesante para traballar a igualdade é a creación de campañas de comunicación de sensibilización e prevención. Moitas veces pénsase que se necesitan grandes recursos para crear campañas de comunicación, pero o importante é coñecer moi ben as necesidades da entidade e abordalas nos mellores soportes. Nalgunhas ocasións teranse que combinar carteis para os corredores con gráficas dixitais para pasalas a través de grupos informais, como poden ser os grupos de Whatsapp ou Slack. 

Ademais, as campañas de comunicación son moi útiles para sensibilizar en días especiais como o 8 de marzo, Día Internacional da Muller; o 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais; ou en asuntos completamente transversais, como é a violencia de xénero e o acoso laboral.

5. Usa a linguaxe inclusiva

Hai poucas semanas falabámosche da importancia de comunicar con moito sentido empregando a linguaxe inclusiva. O uso da linguaxe inclusiva debe ser usado en todas as accións que se fagan na entidade na contorna da igualdade laboral, como medida de garantía para abordar a perspectiva de xénero. 

E tampouco esquezas adecuar a linguaxe ás persoas destinatarias, non é o mesmo dirixirse aos mandos intermedios dunha empresa que a persoas adolescentes. 

 

Esperamos que estas cinco chaves para elaborar materiais de sensibilización en igualdade che sirvan como referencia á hora de abordar os teus próximos proxectos de sensibilización na entidade. Pero non o esquezas, a chave está en adaptar os materiais ás necesidades detectadas.