Lorenzana aliña os compromisos da Xunta por un ámbito laboral libre de violencias cos propugnados pola Organización Internacional do Traballo

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou una xornada técnica para colexios profesionais sobre o Convenio 190 da Organización Internacional do Traballo (OIT)

  • Ese tratado europeo, ao que debe adaptarse a normativa estatal e os convenios colectivos, é pioneiro no recoñecemento de dereitos de igualdade laboral

  • Galicia está a formar a colectivos profesionais nas súas novas obrigas

  • A nova lei galega de igualdade pivotará sobre a idea do benestar laboral vencellada co teletraballo e a calidade do emprego feminino

A Coruña, 25 de outubro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, referendou hoxe o compromiso da Xunta no cumprimento do marco fixado pola Organización Internacional do Traballo (OIT) no seu Convenio 190, que recoñece dereitos para que traballadoras e traballadores poidan desenvolver unha vida laboral libre de violencias e acoso. Nunha xornada técnica dirixida aos colexios profesionais, celebrada na sede do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica da Coruña, referendou o compromiso do Goberno galego co benestar laboral, un dos eixos da nova Lei de Igualdade que está a rematar a súa tramitación.

O Goberno galego traballa para poñer ao dispor das empresas e das persoas traballadoras todos os materiais e toda a formación posible para detectar estes casos, para realizar os seus propios protocolos e así acabar cunha violencia que “segue silenciada” en moitas contornas, declarou Lorenzana na xornada, que contou coa presenza de Sara López, conselleira e máxima autoridade da OIT en España.

A comunidade galega é a primeira en impartir formación específica en igualdade laboral a toda a cidadanía, tanto aos axentes sociais como aos traballadores en xeral. Ademais, lembrou a conselleira, a Xunta está a culminar o texto da nova Lei de Igualdade autonómica que pivota sobre o benestar laboral “ámbito ao que destinamos un capítulo enteiro” para seguir progresando na promoción da igualdade a través de disposicións legais que avancen no benestar laboral, vencelladas coa integración da perspectiva de xénero no teletraballo ou o fomento da calidade no emprego feminino.

Galicia ten, por outra banda, a dispor da cidadanía, un portal web sobre igualdade laboral (https://aigualdadelaboral.gal/) para mellorar o seu acceso a información fiable e actualizada, así como unha serie de recursos específicos sobre a materia dirixidos ao tecido empresarial galego. Entre estes ofrécese de xeito gratuíto unha ferramenta de autoavaliación que permite ás empresas medir de xeito periódico o seu nivel de desenvolvemento e impacto das actuacións en relación coa igualdade de xénero e de oportunidades laborais.

A Xunta está a prestar apoio ás empresas na elaboración dos seus Plans de Igualdade, poñendo á súa disposición técnicos e guías para axudalos na súa elaboración co propósito de que “os plans sexan unha realidade, se poidan poñer en práctica e dean resultados”.

Entre outras medidas, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece unha guía específica sobre acoso sexual e por razón de xénero e desenvolve un curso teórico-práctico gratuíto sobre prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo, que xa vai pola 5ª edición con 70 prazas ofertadas e máis de 300 persoas inscritas.

Marco europeo

O convenio 190 da Organización Internacional do Traballo é o primeiro tratado internacional que recoñece o dereito de toda persoa a un mundo laboral libre de violencia e acoso. España ratificouno o pasado mes de maio e entrará en vigor dentro de medio ano. Agora toca introducir e adaptar os seus preceptos no noso ordenamento e nos convenios colectivos, matizou a conselleira.

O documento, puxo en valor Lorenzana, proporciona un marco común para a acción e constitúe “unha oportunidade única para forxar un futuro do traballo en circunstancias de igualdade, de respecto e de dignidade e que pon e manifesto o dereito de todas as persoas a un mundo libre de violencia e de acoso”.