Linguaxe inclusiva na comunicación externa

Que falemos de usar unha linguaxe inclusiva e non discriminatoria respecto ao xénero é algo particular dalgunhas linguas, entre elas, as linguas latinas. Isto non sucede, por exemplo, co inglés. É polo noso contexto, en castelán e galego, que abordamos a linguaxe inclusiva neste post, a través dos beneficios e consellos na comunicación externa das empresas. Se che interesa coñecer máis de preto a comunicación corporativa inclusiva a nivel interno podes ler a seguinte entrada: Comunicación corporativa con perspectiva de xénero.

A linguaxe inclusiva na comunicación das empresas

A linguaxe inclusiva é unha poderosa ferramenta de comunicación que as entidades deben empregar, tanto na comunicación interna como na externa, para traballar a favor da igualdade real e efectiva. Cando falamos de linguaxe inclusiva neste contexto facémolo de linguaxe inclusiva en canto ao xénero e a ONU di que é a forma de expresarse, de maneira oral ou escrita “sen discriminar a un sexo, xénero social ou identidade de xénero en particular e sen perpetuar estereotipos de xénero. Dado que a linguaxe é un dos factores chave que determinan as actitudes culturais e sociais, empregar unha linguaxe inclusiva en canto ao xénero é unha forma sumamente importante de promover a igualdade de xénero e combater os prexuízos de xénero”.

Beneficios da linguaxe inclusiva para a empresa

Non é a primeira ocasión que falamos da importancia estratéxica da comunicación para as entidades, tanto a nivel interno como externo. E así o recolle o estudo O estado da comunicación 21-22 da Asociación de Directivos de Comunicación (DIRCOM) que recolle as opinións dos responsables de comunicación das máis importantes empresas do país, “o 94% dos profesionais enquisados considera a comunicación como importante ou moi importante”. Ademais, no último período prodúcese unha “consolidación sostida da xestión da Comunicación interna e do cambio; acorde ás fortes transformacións culturais das organizacións”, pero non podemos esquecer que cobra relevancia a recuperación da RSC, derivada probablemente dos cambios na sociedade e a maior preocupación polo desenvolvemento sostible. É por iso que como nos comunicamos cos grupos de interese externos á entidade ten cada vez máis calado. Comunicar con perspectiva de xénero podería reportar beneficios como:

  • Mellorar o posicionamento de marca da empresa.
  • Aumento da reputación da entidade. 
  • Axuda a priorizar nos asuntos relevantes cos grupos de interese e a aumentar as súas relacións. 
  • Posicionar á empresa como unha entidade comprometida, inclusiva e con perspectiva de xénero. 
  • Melloras na xestión interna, como recrutamento e retención do talento. 
  • Maior proximidade coa clientela. 

Consellos para comunicar de forma inclusiva na comunicación externa

Comezar a comunicar á sociedade de forma inclusiva pode ser confuso se non se traballou previamente de maneira interna, para iso, unha primeira recomendación será aplicar criterios de perspectiva de xénero na entidade: desde a implantación do Plan de Igualdade ata o desenvolvemento de medidas inclusivas opcionais e non obrigatorias. Desta forma, terase integrada a cultura da igualdade na empresa e será máis sinxelo poder trasladalo ao exterior e non incorrer en prácticas desleais.

Unha segunda recomendación será a de establecer unhas pautas de estilo para aplicar nos nosos materiais de comunicación externa: notas de prensa, campañas de comunicación, eventos, folletos, páxina web, redes sociais, etc. Existen unha boa cantidade de guías de linguaxe inclusiva, moitas delas recollidas no documento do Instituto da Muller, Guías para o uso non sexista da linguaxe, que se poden consultar ou ter como referencia. Ademais destacamos as seguintes: 

  • Guía para o uso da linguaxe inclusiva no INSST, O.A., M.P. do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), O.A., M.P. O INSST é o organismo de referencia do Estado español en materia de prevención de riscos laborais é por iso  que adquiriu o compromiso de garantir que todos os documentos que elabora e divulga utilicen unha linguaxe non sexista.
  • Guía didáctica para un uso igualitario da linguaxe do Instituto Andaluz da Muller. Documento interesante dado que o seu enfoque, a pesar de que se sae do terreo empresarial, está orientada a educación, o cal pode ser un punto de partida inicial para o persoal do departamento de comunicación. 

Unhas boas pautas polas que empezar a comunicar con linguaxe inclusiva serán os seguintes puntos:

  • Usar xenéricos, palabras abstractas e/o termos colectivos, desta maneira evitaremos usar as palabras masculinizadas. Por exemplo, fronte a “o empresario” recoméndase empregar “a empresa”.
  • Utilizar as denominacións de cargos, profesións e titulacións en feminino. 
  • O uso de dobretes mediante barras queda limitado aos formularios de carácter aberto e a determinados encabezamientos, non utilizándose de forma preferente noutro tipo de redactados.
  • Non é recomendable o uso da @ ao non ser un símbolo lingüístico. 

Ademais de ser unha entidade que aplica a perspectiva de xénero e de crear un documento de referencia, é interesante ser conscientes do integrado que está na nosa sociedade o sexismo e a desigualdade. Se o está na nosa sociedade, estao tamén nas nosas entidades. Ser conscientes diso axudaranos a revisar a nosa comunicación con maior cautela e, de ser necesario, establecer novos mecanismos de control e revisión. Todo iso co obxectivo de ser verdadeiras empresas comprometidas e igualitarias.