En maio deste ano DIRCOM, a asociación referente de directivos/as de comunicación, presentou o estudo La Comunicación en el escenario actual y tendencias de futuro, onde se recollen varias conclusións; entre elas, que a comunicación corporativa é unha das áreas de especialización máis importantes e estratéxicas para os e as profesionais da comunicación hoxe en día.
Que é a comunicación corporativa?
Existen moitas formas de definir a comunicación corporativa. Unha delas é a que fai referencia ao conxunto de accións a través das cales unha empresa ou unha institución se comunica coas súas diferentes comunidades de interese (ou stakeholders): clientela, persoas traballadoras, provedores, accionistas, administracións públicas, medios de comunicación, etc. Engloba todas as accións de comunicación que unha organización realiza para ser percibida en consonancia coa súa misión e os seus valores, a nivel tanto externo como interno. Así que, se entre os valores dunha organización se atopa a igualdade, como non se vai a comunicar acorde a iso?
Pero antes de afondar niso, é importante aclarar que cando falamos de comunicación corporativa, á súa vez, estamos a falar de comunicación a nivel interno e a nivel externo.
- A comunicación interna é a encargada de definir e transmitir a imaxe corporativa ás persoas traballadoras dunha organización.
- A comunicación externa, pola contra, ten que ver coas estratexias de comunicación que a empresa dirixe cara ao conxunto da sociedade. Engloba todas as campañas, actuacións e mensaxes que están dirixidos a crear, manter e mellorar a relación da entidade cos seus diferentes públicos.
Xénero e comunicación. Máis aló da linguaxe.
En primeiro lugar, é necesario que a persoa responsable de liderar a comunicación corporativa na empresa sexa consciente de que a perspectiva de xénero debe integrarse tanto a nivel interno como a nivel externo. Porque a mensaxe da empresa a todos os seus niveis debe ir dirixida a normalizar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. É moi común ver entidades que fan soamente esforzos na súa comunicación cara á sociedade, o que implica que caian no risco de realizar pinkwashing (mostrar a empresas comprometidas coa igualdade e co colectivo LGTBI sen selo realmente).
Desde esta perspectiva, as organizacións teñen que analizar ao detalle todas as súas accións comunicativas: redacción de emails corporativos, tarxetas de visita, señalética, formas de nomear, por exemplo, ás persoas do equipo de dirección, páxina web, comunicados de prensa, anuncios no taboleiro do persoal, comunicados ao Comité de Empresa… Todos estes soportes deben ser tidos en conta á hora de analizar a perspectiva de xénero. Pero, de que ferramentas dispoñemos para realizar esta comunicación inclusiva?
- A linguaxe. É recomendable empezar pola linguaxe escrita. O que non se nomea, non existe! A FUNDÉU (Fundación do Español Urxente) creou unha breve guía con recomendacións para facer un uso inclusivo do español. Baséase tanto no que dita a norma como no que se reclama desde perspectivas feministas da lingua.
- A comunicación visual. Así, por exemplo, cando se elixe unha foto ou unha ilustración, vixía que non sexa sexista, é dicir, que non faga evidente a desigualdade de xénero atribuíndo determinados roles. Cociñar, coidar, limpar, desfilar… non son tarefas exclusivas de mulleres. Igual que conducir, correr, investigar, operar… tampouco son propias de homes.
- Amplía o foco da túa realidade. Avanza un paso máis aló e ten en conta que tamén podes:
- Escoitar ás mulleres tanto como escoitar aos homes.
- Segregar os datos das audiencias por sexo, para saber se temos que poñer o foco sobre determinados temas concretos.
- Emprega exemplos femininos os textos, discursos, campañas…
A FUNDÉU, xunto coa axencia de comunicación Prodigioso Volcán, elaborou unha lista de criterios para revisar antes de publicar calquera tipo de contido nas organizacións. Así, debes de ter en conta que:
- A linguaxe sexa correcta, rigorosa e respectuosa.
- Debes promover unha linguaxe clara e, mesmo, unha lectura fácil se te dirixes a persoas con discapacidade intelectual, pois has de adaptar os contidos tanto escritos como audiovisuais a un público diverso e inclusivo.
- A túa mensaxe estea dirixida a un amplo rango de persoas, e estea marcada pola diversidade e pola pluralidade.
- Evites calquera tipo de expresión que promova a exclusión ou a discriminación en calquera das súas modalidades e que na túa mensaxe non se perciban actitudes machistas, sexistas, homófobas, clasistas ou racistas.
- As comunicacións réxense polos principios básicos da usabilidade e accesibilidade universal, tanto no seu fondo (linguaxe e significado) como na súa forma (deseño e formato).
Estas recomendacións que vos realizamos desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia son válidas para todo tipo de organizacións, independentemente do seu tamaño e de se teñen (ou non) obrigación de realizar o seu plan de igualdade. Esperamos que vos sexan de utilidade.