ISO 53800: primeiro estándar internacional ISO en igualdade de xénero

A desigualdade de xénero é unha realidade no mundo que vivimos, proba diso é a existencia do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 5 de igualdade de xénero e empoderamento da muller. Os ODS ou a axenda 2030 das Nacións Unidas é a principal folla estratéxica para os países, entidades e organizacións e establece que a igualdade de xénero é un dereito humano fundamental, dado que a metade da poboación mundial son mulleres e nenas. As empresas levan traballando anos para implantar medidas de igualdade laboral, en parte polo auxe das regulacións internacionais, europeas, nacionais e autonómicas e hai pouco tempo publicouse o primeiro estándar internacional ISO sobre a igualdade de xénero e empoderamento das mulleres, a ISO 53800, que axudará a seguir impulsando a igualdade de xénero na contorna laboral.

Que son os estándares internacionais e as normas ISO

Os estándares internacionais son documentos que establecen requisitos mínimos que deben cumprir os produtos, procesos, servizos, sistemas ou empresas para garantir unha cuestión para estudar (calidade, seguridade, igualdade…). Estes estándares elabóranos organizacións recoñecidas, como a ISO (Organización Internacional de Normalización).

As normas ISO son un conxunto de estándares ou normas internacionais que se crearon para axudar ás empresas para establecer uns niveis de homoxeneidade en relación coa xestión, prestación de servizos e desenvolvemento de produtos na industria. Estas normas establecen requisitos, directrices, e especificacións para garantir a calidade, seguridade e eficiencia de produtos, servizos e sistemas, desenvólvenas comités técnicos, integrados por persoas expertas de diferentes países. As áreas nas que se aplican son moi amplas: xestión da calidade, medio ambiente, seguridade da información e tecnoloxía… En maio de 2024 publicouse a ISO 53800 de igualdade de xénero que está disponible, de momento, so na súa versión en inglés.

Que é a ISO 53800?

Segundo o organismo normalizador, a ISO 53800 “proporciona directrices para que as organizacións promovan e implanten a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres. Focalízase en superar a desigualdade que deriva dos roles específicos de xénero e é aplicable a todas as organizacións, con independencia do seu tamaño, localización ou ámbito de actividade”. Esta norma acábase de publicar, tras pasar polos estados do ciclo de vida de preliminar, proposta, preparación, comité, consulta e aprobación.

Todas as organizacións públicas e privadas poden utilizar a ISO 53800: empresas, xa sexan pemes ou grandes, organismos gobernamentais a nivel nacional, rexional ou local, así como calquera outro tipo de organización. Independentemente da madurez da organización en materia de xénero, a norma promove a transformación cultural global cara á igualdade de xénero.

A implantación desta norma nas entidades conleva unha serie de beneficios como promover a comprensión global e a implantación da igualdade de xénero, tamén no ámbito das empresas; apoiar a creación de culturas inclusivas e equitativas nas organizacións; fomentar a igualdade de xénero como un elemento fundamental dentro da defensa dos dereitos humanos e axudar ás organizacións para cumprir coas súas obrigacións legais en materia de igualdade de xénero. A existencia desta norma ISO é oportuna para promover un marco estandarizado entre organizacións a nivel internacional e que se promova unha linguaxe común. Ademais, pola natureza destas normas busca un enfoque de mellora continua, tendo que plantexarse traballar cada ano en cuestións relativas á igualdade laboral.

Máis información da ISO 53800

Esta ISO está liderada pola Asociación Francesa de Normalización (AFNOR)  e desenvolveuna un grupo internacional de máis de 50 persoas expertas de diferentes grupos de interese que traballan no comité de proxecto ISO/PC 337, Directrices para a promoción e implantación da igualdade de xénero. Segundo UNE A revista da normalización española o proxecto conta cunha terminoloxía base de termos e definicións de organismos internacionais e establece catro prioridades estratéxicas (dimensión interna, actividades e investimentos, relacións externas e comunicación interna e externa), que han de ser abordadas tras unha análise interna e externa da organización, a identificación dos grupos de interese e seleccionar as cuestións relevantes en canto á igualdade de xénero. As prioridades estratéxicas hanse de abordar tendo en conta as temáticas descritas a continuación:

  • A educación e o acceso á formación.
  • A saúde: sexual e reprodutiva e os dereitos asociados.
  • A prevención e extinción da violencia contra mulleres e nenas.
  • Os dereitos das mulleres e nenas previndo e combatendo toda forma de discriminación.
  • O empoderamento económico das mulleres e a súa participación na vida pública.

Para identificar o cumprimento da norma non se establecen requisitos mínimos, dado que non todas as entidades a nivel global parten do mesmo punto de partida. Este enfoque da norma ISO consegue que cada entidade se esforce por mellorar e alcanzar a igualdade de xénero dentro dos seus contextos.

A realidade a nivel global é que aínda se necesita un gran impulso da igualdade de xénero e do empoderamento da muller en todos os ámbitos da sociedade, tamén dentro do ámbito empresarial. A creación dun estándar internacional, como é a ISO 53800, é unha gran noticia para seguir traballando na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, pero ata a súa publicación definitiva quedan aínda dúbidas en canto a como se terá que aplicar.