Onte celebrouse o Día da Constitución e conmemorouse o 44º aniversario do referendo que a ratificou en 1978. Desde a Xunta de Galicia, e en concreto desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, queremos aproveitar a ocasión para reiterar o noso compromiso pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres nas empresas galegas, destacando o papel da Constitución na defensa deses dereitos.
O papel da Constitución no ámbito da igualdade laboral
O texto constitucional recolle diverso contido directamente relacionado co mercado de traballo. Así mesmo, o principio de igualdade é un concepto ao que se fai alusión en moitas ocasións na Carta Magna. De feito, o artigo 1.1 sitúa a igualdade como un dos valores superiores do noso ordenamento xurídico e o artigo 14 establécea como un dereito fundamental da cidadanía, prohibindo calquera tipo de discriminación en atención a calquera circunstancia de carácter persoal ou social. Ademais, cabe mencionar outros tres artigo que perfilan a protección e aplicación dese dereito, o artigo 9.2, o artigo 35 e o artigo 149.1:
- O artigo 9.2. indica que é responsabilidade dos poderes públicos “promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social”.
- O artigo 35 afirma que “Todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ao traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso poida facerse discriminación por razón de sexo.” Sinala tamén que a lei regulará un estatuto dos traballadores.
- O artigo 149.1.1ª consagra como a primeira das competencias reservadas ao Estado a regulación básica da igualdade dos españois tanto nos seus dereitos como nas súas obrigacións.
Por tanto, a Constitución foi o primeiro marco normativo a partir do cal se foron desenvolvendo diversas regulacións no ámbito laboral destinadas a que as organizacións adopten medidas para evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes.
Normativa reguladora en materia de igualdade laboral
Para acadar a igualdade real e efectiva na contorna laboral, é necesario garantir que quen se atopa na mesma situación teña os mesmos dereitos. Por iso, a implantación da perspectiva de xénero no ámbito laboral é imprescindible para alcanzar un desenvolvemento óptimo como sociedade a todos os niveis. Neste sentido, a axenda de traballo da Xunta de Galicia, e a da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade están marcadas pola consecución da equiparación salarial e a eliminación de calquera discriminación laboral.
A nivel europeo, desde 2010, existen varias directivas que regulan a aplicación do principio de igualdade de oportunidades e igualdade de trato entre homes e mulleres en asuntos de emprego e ocupación. Podes consultalas nesta sección da nosa páxina web. Pero hoxe imos centrarnos no ámbito nacional, onde, despois do estipulado no texto constitucional, pode dicirse que o desenvolvemento lexislativo máis importante foi a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes. Unha Lei que se converteu no primeiro instrumento legal do ordenamento xurídico español en incorporar moitos dos avances conseguidos en materia de igualdade, tamén no marco das relacións laborais.
Esta norma regulou por primeira vez o instrumento máis completo do que dispoñen as organizacións para traballar a igualdade na empresa, os plans de igualdade. Ademais, converteuse na semente da normativa que se foi desenvolvendo despois en materia de igualdade retributiva, dereitos de conciliación e corresponsabilidade e tratamento do acoso sexual ou por razón de sexo na contorna laboral.
A LOIEMH e a lexislación posterior en materia de igualdade viñeron a completar o estipulado na Constitución e serviron para lograr grandes avances a todos os niveis. Con todo, debemos ser conscientes de que, na área de igualdade laboral queda moito traballo por facer. No ámbito autonómico, a Xunta de Galicia, puxo en marcha varias iniciativas, que inclúen un portal web e un campus virtual de formación en igualdade laboral, así como unha ferramenta de autodiagnose para facilitar ás empresas a avaliación periódica do seu nivel de desenvolvemento e do impacto das súas actuacións para alcanzar a igualdade de xénero no traballo.
Ademais, estáse a traballar na reforma da Lei de igualdade autonómica, que se presentará ao Parlamento durante o primeiro trimestre do próximo ano. A nova normativa incluirá un capítulo dedicado ao benestar laboral, recoñecerá tamén a discriminación múltiple, impulsará a creación de empresas en sectores con infrarrepresentación feminina e un estatuto propio da muller traballadora no rural e o mar. Por último, desde esta Dirección Xeral de Relacións Laborais, continuarase co labor de sensibilización sobre a necesidade de alcanzar a igualdade real e efectiva en todas as contornas laborais.